Spiderman: Un novo universo

 

Directores: Bob Persichetti, Peter Ramsey, Rodney Rothman
Guión: Phil Lord, Rodney Rothman, Dan Slott, Meghan Malloy
Música: Daniel Pemberton

Ano: 2018
País: Estados Unidos

 

 

Spiderman, un novo universo

Directores: Bob Persichetti, Peter Ramsey, Rodney Rothman
Guión: Phil Lord, Rodney Rothman, Dan Slott, Meghan Malloy
Música: Daniel Pemberton

Ano: 2018
País: Estados Unidos

por | Xan 8, 2019

Spiderman, abrindo un universo novo na animación

Quen nos ía dicir que en pleno 2018, con 4-5 filmes de superheroes ao ano, sería unha película de animación, do ultrautilizado Spiderman, e desde Sony e non Marvel/Disney, a que alcanzaría o maior nivel de sorpresa e de críticas, xusto no ano d’Os Vingadores: A Guerra do Infinito. Pero por que é tan importante este filme?

Spiderman: Un novo universo é unha revolución no mundo da animación. Non é só o mellor filme de superheroes, senón tamén o mellor de animación. Nun ano en depresión, co conformismo xa habitual en Disney-Pixar (secuelas infinitas), un Studio Ghibli descansando e con outras produtoras importantes de animación que tampouco fixeron nada no 2018 (a destacar Isle of Dogs, de Wes Anderson), Spiderman: Un novo universo rompe os esquemas xusto ao final do ano, salvando o ano animado sobre a campá, traendo novas posibilidades narrativas á animación e abrindo un camiño interesante a explorar proximamente.

Ten un estilo único, absolutamente achegado ao cómic, cunha animación moi novidosa, a medio camiño entre o stop-motion e a animación de toda a vida, a debuxada. Por momentos tamén semella un videoxogo feito en cel shading, ou unha desas películas temperás de Richard Linklater feitas en rotoscopia (como A Skanner Darkly). Esta aposta arriscada funciona sorprendentemente ben, xa que vai a favor do filme, engrandecéndoo e narrando tamén a través da súa estética, incluso saltando onomatopeias debuxadas sobre 3D de vez en cando ou usando as liñas de movemento propias do cómic. As linguaxes do cómic e do cine mistúranse e poténcianse, creando unha sobrenarración divertidísima, esteticamente fermosa e moi fresca. Steve Ditko e Stan Lee estarían orgullosos.

Hai moitísimos elementos que non fan máis que engadir capas ao filme. Máis aló de que a trama ten pouco de novidosa (unha viaxe do heroe prototípica, pero que funciona), a reunión dos Spiderman de diferentes mundos é xenial, homenaxeando ao manga, ao noir e incluso o surrealismo animado. Detalles xeniais como que o protagonista se mova a menos frames por segundo que os Spidermans máis formados (situación que se iguala no final, claro). Ou a escena climática onde, a cámara lenta, salta dun edificio e se xira o plano, mostrando como non cae, senón que se eleva ata convertise no superheroe que todos coñecemos. A película mistura o épico, a emoción e o humor a un ritmo vertixinoso e incriblemente orgánico.

O filme toca os temas tradicionais do personaxe, como a responsabilidade, a adolescencia ou o autodescubrimento. Pero engádese, a través dos Spiderman alternativos, outras cousas, como a crise de mediana idade que tan ben lles entrará aos pais acompañantes que vexan a película. Por non falar de que o prota é Miles Morales, inmigrante de segunda xeración, fillo dun afroamericano e dunha latina. Spiderman: Un novo universo é unha película moi negra. Na liña do éxito de Black Panther, afondan nese carácter étnico a través da exploración do graffiti ou os elementos do hip-hop como características e hobbies do protagonista. Todo mentres soan de fondo na banda sonora artistas coma Vince Staples, Denzel Curry, Lil Wayne, Nicki Minaj ou Anuel AA.

Spiderman trata de molar, e mola. Cun estilo actual, dinámico. Pretende divertir e conségueo, e de paso revoluciona o mundo da animación máis mainstream. Había universos máis aló de Pixar, e só se precisaba a xema da alma para facer unha boa película. Ah, a escena postcréditos. Un guiño á posmodernidade en forma de meme. Marabillosa, como toda a película.