Roma

 

Director: Alfonso Cuarón
Guión: Alfonso Cuarón
Fotografía: Alfonso Cuarón, Galo Olivares
Ano: 2018
País: México

 

 

Roma

Director: Alfonso Cuarón
Guión: Alfonso Cuarón
Fotografía: Alfonso Cuarón, Galo Olivares
Ano: 2018
País: México

por | Xan 7, 2019

‘Roma’ é amor ao revés

Roma, Roma e Roma. Non se fala doutra cousa no mundo audiovisual, tanto para ben como para mal. Para algúns é unha obra mestra que é historia do cinema mexicano, unha proeza como poucas. Alfonso Cuarón é practicamente santificado por algúns círculos. No lado contrario ponse a Roma como unha película lenta, incomprensible, aburrida e sen nada que contar. Chama moito a atención esta polaridade que en circunstancias normais non sería tal.

Roma ao revés é amor, que penso que é á palabra que mellor se asemella no tratamento que fai Cuarón da película. Amor pola súa infancia, pola súa familia, pola súa patria. Roma é México nos setenta, é cor nun elegante branco e negro, é cine. Roma é unha das maiores expresións da palabra cine dos últimos anos. Non é unha película perfecta pero poucas producións alcanzan tal punto de mimo coma o que nos presenta o director -tamén encargado da fotografía- que nos trouxo filmes como Gravity ou Children of Men.

Este é o seu filme máis persoal. Neste caso a afirmación non é unha frase feita xa que hai un compoñente autobiográfico moi grande na obra. Conta a historia dunha familia con problemas económicos no México de Echeverría. A protagonista é Cleo, a empregada do fogar, unha moza indíxena que pouco pode facer para cambiar a súa situación. A historia nada ten de orixinal mais non creo que sexa un dato demasiado relevante. Retrátase a rutina día a día, a película é contemplativa é pretendidamente pouco áxil. Non é un erro, é algo que se busca. Que guste ou non é algo subxectivo.

Aquí entra o factor Netflix. A campaña de publicidade foi moi grande, o que acostuma a compañía para as súas grandes producións. Isto fixo que non soamente chegara a un público maior que noutras situacións, senón que fora vista por persoas ás que non lle interesa este tipo de propostas. Este cambio cualitativo fixo que á cinta lle caeran máis paus dos que merece aínda sen ser perfecta.

Ten situacións algo forzadas e malia que a poética que utiliza o mexicano é moi sensible e salientable, ás veces excédese nas súas pretensións. Isto non a fai peor película nin moito menos, é unha das películas do ano que rematou fai pouco e, por que non dicilo, do último lustro. As súas eivas son elementos que non arruínan a experiencia fílmica de ningún xeito.

Porque iso é o que é Roma, unha experiencia como poucas. Contén unha fotografía máis que sobresaínte onde en varias ocasións cáese na tentación de parar a reprodución para observar (algunha vantaxe tiña que ter non poder vela nas salas de cine). Os movementos de cámara son magníficos, destacando sobre todo a recorrente lenta panorámica para mostrar o interior da vivenda. Unha casa, por certo, recreada do fogar do director cando era neno. Non soamente pola beleza senón polas implicacións narrativas que ten. Mostra a casa sempre nun plano secuencia que nos di claramente que toda a casa debe ser unha. Recalca así sempre que pode a importancia da familia. Da súa familia.

A película constitúe unha gran homenaxe ás mulleres que sacan familias adiante, haxa homes de por medio ou non. Cuarón trata este tema con gran sensibilidade e estrutura a película a través de dúas personaxes femininas moi fortes avaladas por boas interpretacións. Chama moito a atención o corpo actoral, unha mestura de profesionais mexicanos pouco coñecidos con persoas que na vida imaxinarían saír nunha película. Unha mostra disto é Yalitza Aparicio, a muller que encarna á indíxena protagonista (Cleo) e que antes da película traballaba como profesora e nin sequera coñecía a Cuarón.

Un dos aspectos cuestionables do filme é a excesiva idealización que ten da situación desta personaxe. Indíxena e nunha situación financeira moi complicada. Vese na obriga de vivir cunha familia que non é a súa e nunha casa que non lle pertence. O realizador toma neste caso a decisión de que Cleo acabe identificándose coa familia dos seus xefes. Cuarón idealiza esta circunstancia, que pouco ten de positiva.

Netlix está a ter unha presencia cada vez máis importante no cinema e Roma é a súa punta de lanza. Para 2019 anunciou 80 películas orixinais. Obras con nomes moi atractivos tanto diante como detrás das cámaras, e con apostas tan interesantes como o caso desta película da que se está a falar. A tendencia é que a compañía colla o legado do estudio medio de Hollywood, un lugar onde as cineatas teñan liberdade para crear contido independente mais cun gran orzamento.

Roma ten erros e iso é innegable, pero é unha película marabillosa. Unha aposta valente cun resultado moi destacable. É unha obra que se mete no interior e non sae. É un verán caluroso que non che creba o corazón. No seu interior ten elementos que quedarán para a posteridade. Roma é amor ao revés, e ao dereito tamén.