por | Xan 4, 2019

A cuarta edición do Melona Fest vai tomando forma a base de confirmacións

A cuarta edición do Melona Fest, que se celebrará entre o 3 e o 6 de abril en Santiago de Compostela, xa quenta motores. O festival multidisciplinar organizado polo colectivo galego La Melona vai collendo forma pouco a pouco a base de novas confirmacións. Os últimos en unirse ao evento son Vulk. O grupo vasco apisoará coa súa intensidade a aqueles dispostos a deixarse seducir por un nervio musical que nace duns postulados post punk clásicos (Wire, Bauhaus) e un pop anti-persoa que non deixará indiferente a ninguén.

Vulk súmase ás confirmacións que xa anunciara previamente a organización. A formación galega Tulip conta entre os seus membros con persoas que formaron parte de bandas como Wild Balbina e Dois. Os vigueses dispoñen dun son moi persoal que vai do garage á psicodelia máis pálida. Akkan é a unión entre BeGun e Ocellot, dous dos artistas máis prolíficos da escena electrónica barcelonesa. A outra presencia confirmada polo momento é a debuxante afincada en Barcelona Rocío Quillahuaman, que ofrecerá un coloquio. Esta ilustradora é coñecida polas ácidas animacións que publica nas súas redes sociais parodiando Instagram e aos modernos.

.