por | Dec 31, 2018

Disque cada ano o usual é dicir que non se recorda outro con mellores lanzamentos musicais en toda a década. Fai uns días discutíamos, con todo, e algún atrevíase a dicir que o mellor fora 2012, para posteriormente arrepentirse e darlle a vitoria ao 2015. E todo isto, mentres ninguén se atrevía a negar que o nivel de 2018 estivo moi alto. Tan alto, que esta selección deixa moitos corazóns rotos ao non ver os seus desexados na lista final.

Hoxe, 31 de decembro, damos peche a un ano máis. Pronto cumprirase un ano dende que comezamos esta aventura, e non se nos ocorre mellor maneira que rematar 2018 que facendo un repaso por aquela paixón que nos uniu para dar lugar a isto en primeiro lugar. Feliz ano, a quen nos lea. Moito máis feliz a quen non. Isto foron estes doce meses para os nosos ouvidos. Ao final, deixámosvos cos favoritos daqueles redactores que os quixeron compartir connosco e dalgún modo ou outro, entre moitos máis, nos axudaron a construír esta lista.

Grazas, e continuaremos en xaneiro.

Spiritualized

And Nothing Hurt

Cando fas un disco de despedida, o usual é que as túas cancións teñan un aire triste, evocando esa baixada aos infernos que fas tras deixar tantos sentimentos e emocións impresos nas cancións que formarán parte deste. Con todo, falar de pesimismo ao falar de Spiritualized é unha redundancia.

No seu noveno álbum, a banda liderada  por J. Spaceman volve traer consigo os elementos que os converteron nunha das bandas máis importantes do Reino Unido dende os noventa ata o momento, e aos cales botaremos solemnemente de menos. And Nothing Hurt forma xa parte das nosas librarías musicais para ser escoitado sempre que botemos de menos tempos mellores.

La Estrella de David

Consagración

Con toques electrónicos nunha sobriedade que marabilla, Consagración é unha das xoias máis preciosas que apareceron este ano dentro de Cataluña. Mesurada na produción e sarcástica nas letras, o álbum trae consigo un pequeno viaxe cheo de emocións do que seremos incapaces de escapar dende a primeira escoita. De feito, o impulso máis normalizado é volver a escoitalo unha vez remata.

Beak>

>>>

No seu terceiro disco de estudo os británicos Beak> seguen profundando no son do krautrock característico de principios dos anos 70 en Alemaña, realizado por bandas como Can ou Neu!.

Neste novo disco, os de Bristol soan máis seguros que nunca, cunhas voces que teñen moita máis presenza e que seguen a ir acompañadas por baterías sinxelas pero sen pausa, baixos que nunca se deteñen e sintetizadores analóxicos.

Dream Wife

Dream Wife

As veces non fai falta moito para sorprender. O debut do trío feminino británico-islandés Dream Wife non precisa máis de unha batería, un baixo, unha guitarra e unha voz como carta de presentación con este disco.

Sería fácil dicir que estas cancións teñen unha alma punk, con todo neste disco atopamos o oposto, un son que poderíamos definir como unha versión visceral do pop.

Sumrrá

6 Mulleres

Con seis traballos de estudo publicados Sumrrá non son ningúns descoñecidos. Se ben a forma definitiva de escoitar a súa música é o directo, apreciando de maneira completamente xenuína a enerxía que transmiten e os enfoques tan radicais e vangardistas que aplican, seus discos de estudo tampouco son desmerecedores. As pezas que conforman 6 mulleres amosan que o trío compostelán segue a ter camiño por diante, e a banda continúa profundizando nas súas interpretacións pouco ortodoxas pero sempre expresivas en pezas como Nawal El-Saadawi ou nos instantes finais de Rosalía de Castro.

Palm

Rock Island

O novo de Palm non é un álbum para poñer de fondo para pasar o rato, é un disco que require de bastante atención á hora de escoitalo para que non resulte excesivamente caótico.

Con todo, o interese dos seus xogos rítmicos é innegable. Rock Island é unha escoita absolutamente recomendada se queres darlle unha proba a unha proposta nova e diferente.

Ezra Furman

Transangelic Exodus

O cuarto traballo en solitario de Ezra Furman é unha escoita curiosa e musicalmente interesante. Trátase de un ambicioso disco conceptual cargado de moita narrativa. Furman conta en este Transangelic Exodus unha historia de certo aspecto sobrenatural na que unha parella homosexual ten que fuxir da xustiza despois de que un de eles se sometese a unha operación para convertirse en un anxo.

Pedro Ladroga

DRWTSN32.exe

Cada novo álbum, Pedro Ladroga tenta xa non irse dos límites do rap, senón dos seus propios. No que outros conseguen un nicho no que acomodarse, a el non lle é posible manterse quedo, creando sempre algo novo, transgresor e vangardístico onde a música é a principal gañadora. En DRWTSN32.exe, este intenso proceso vólvese a materializar.

Brigitte Laverne

Wasted

Brigitte Laverne opta por arriscar e engadir elementos novos á súa música tras seu EP debut. Wasted é un disco actual, onde a evolución da maneira de relacionarnos neste século é palpable. Xunto a esta temática, veñen novos instrumentos e novos ritmos. Sen dúbida, un disco máis que destacable.

Belako

Render Me Numb, Trivial Violence

Josu, Lore, Lander e Cris conseguen firmar con este disco unha obra de madurez que semella confirmar que o éxito de Belako non se debía unicamente ao hype dos dous primeiros albumes. O cuarteto de Mungia reivindícanse como un proxecto musical a nivel estatal xa consolidado ao que non deberemos perder a pista nos seus seguintes traballos.

Yung Beef

ADROMICFMS 4

ADROMICFMS 4 é o traballo máis atrevido de Yung Beef ata a data de hoxe. En xeral, todo o álbum pretende crear unha sensación de atrape e claustrofobia evidente. Non aparecen os momentos bailables, nin rompepistas, nin deses que anteriormente nos ten brindado Yung Beef e temos esgotado en escoitas, repetíndoo ata a saciedade.

Superorganism

Superorganism

En Superorganism atopamos unha proposta de pop estraño e accesible ao mesmo tempo, unha sorte de glitch pop máis alegre e tradicional na súa forma que sen dúbida resulta en unha escoita máis amena. Cancións como It’s All Good e Something for Your M.I.N.D. resultan divertidas ao mesmo tempo que interesantes.

Mounqup

Castro Verdi

Non hai ninguén en Galicia que estea a facer nada semellante ao que fai Mounqup. Ritmos dos que non podes escapar e sons electrónicos indescifrables serven de base para que a voz da galega de orixe francés navegue sobre eles con total liberdade. Castro Verdi é tanto un disco experimental como bailable, cun son tanto mecánico como humano e cheo de vida. Sen dúbida unha escoita obrigada deste 2018.

Natalia Lafourcade

Musas, Vol. 2

Natalia Lafourcade é unha artista sorprendente, capaz de renovarse ela mesma e a todo un xénero musical en moi pouco tempo. Nun ano no que decidimos destacar tantos artistas renovando xéneros musicais, hai quen tamén o fixo dende unha perspectiva diferente: onde outros apostan por unha renovación total, en Musas Lafourcade trouxo unha actualización respectuosa do son da música folk mexicana no que xa se etiqueta como Nueva canción latinoamericana.

Un disco político, poético e patriótico, cheo de sentimento e cancións nas que a súa voz é un dos principais atractivos. Temos moito que agradecer e recoñecer a Lafourcade, e se ben o primeiro volume desta saga supuña unha ruptura de maior calibre, sería necio non incluíla nesta lista.

The Voidz

Virtue

O segundo álbum de Julian Casablancas e a súa segunda banda é unha colección de cancións sludgy e psicodélicas que ocasionalmente convertense en sorprendentes momentos de claridade e resplandor, tendo cabida tanto para o rock, como o pop e a experimentación. En certa medida, percíbese que Casablancas a día de hoxe síntese moito máis cómodo musicalmente con The Voidz que con The Strokes.

Robyn

Honey

O synth-pop oitenteiro é o protagonista absoluto do novo disco da cantante sueca Robyn. Trátase nada máis e nada menos que o oitavo disco na súa discografía, razón pola que o son tan fresco que transmite este álbum mereza a nosa admiración. As dez cancións que conforman Honey son bailables, divertidas e están ben producidas, cumprindo con creces cos seus propósitos.

Jeff Rosenstock

POST-

POST- é un disco que ten perfectamente claro en todo o momento cal é o seu obxectivo e como conseguilo. A medio camiño entre o power-pop e o rock alternativo este disco logra resultar accesible en todo momento, con melodías moi marcadas, xogando constantemente cos cambios de dinámica e atrevéndose a romper coas estruturas tradicionais das cancións de estes xéneros en pistas como USA.

J Balvin

Vibras

Cancións que se encadean, sinxelos pegadizos ou bases cunha produción son todos os detalles que fan que o disco de J Balvin sexa un bo álbum de reguetón no que figuraban artistas de diferentes subxéneros do pop e do rythm and blues como AnittaCarla Morrison e, a artista máis coñecida deste xeracional flamenco novo, Rosalía.

Death Grips

Year Of The Snitch

Non podemos senón dubidar incluso nós mesmos de se esta posición lle fai xustiza ao contido que Death Grips traen consigo no seu novo álbum. Non falla ningún dos elementos que os fixeron queridos por toda a crítica naquel The Money Store (2012), e é que posiblemente éste sexa o seu traballo máis sólido ata o momento dende aquel debut.

Hip hop experimental nunha das súas correntes máis puras, rozando o maníaco, cunha progresividade agresiva que atopa ritmo entre o ruído, Year of the Snitch encantará de primeiras a fans e a todos aqueles aos que as súas escoitas habituais lles parezan monótonas.

Shame

Songs of Praise

Nos 40 minutos de duración de Songs of Praise, Shame conseguen amosar que son unha banda con moita máis actitude, carisma e visceralidade que a maior parte dos grupos de rock británicos que xurdiron na última década. Sen explorar novos territorios musicais, con este disco debut non cabe dúbida de que lograron confeccionar unha interesante carta de presentación, que sen dúbida fará que moitos ollos se pousen sobre eles.

Pusha T

DAYTONA

En tan só vinte minutos, Pusha T confírmase como unha das caras máis frescas e acertadas do panorama do hip hop estadounidense tras os pasos correctos mostrados xa en King Push – Darkest Before Dawn: The Prelude (2015). Con Kanye West liderando á produción e un rap verdadeiramente fluído, poucos exemplificaron o que debería ser o hardcore hip hop herdeiro daquel gangsta rap noventeiro mellor que o rapeiro nado no Bronx.

Mitski

Be the Cowboy

Con Be the Cowboy Mitski conseguiu elaborar un álbum de art-pop con tintes de indie-rock moi sólido. Con letras moi traballadas e un son que, sen chegar a namorar en ningún momento concreto permite que non se lle deixe de prestar atención á música, o pouco máis de media hora que dura este disco pásase voando.

SOPHIE

A OIL OF EVERY PEARL’S UN-INSIDES

O segundo disco de longa duración de SOPHIE atópase a medio camiño entre o pop moderno accesible e os sons abrasivos propios de xéneros como o industrial. OIL OF EVERY PEARL’S UN-INSIDES soa máis ao que podemos imaxinar que escoitaremos dentro de dez anos que a calquera outro disco publicado este ano.

Arctic Monkeys

Tranquility Base Hotel & Casino

Tranquility Base Hotel & Casino é un disco que ten moi claro o que quere contar e que logra transmitilo de maneira moi axeitada. Dende logo pode resultar decepcionante se de antemán nos achegamos a el buscando as típicas cancións de rock as que a banda nos tiñan acostumados, xa que neste disco nin hai moito rock nin hai sinxelos como tal, a pesares de ser un álbum moi cohesionado, que explora novos sons para a banda en lugar de buscar repetir a fórmula do AM (2013).

U.S. Girls

In a Poem Unlimited

In a Poem Unlimited destaca por ser un traballo variado mais que logra ser coherente e cohesionado en todo momento. Este disco permite unha escoita entretida e interesante ao mesmo tempo, sen deixar lugar a momentos de recheo ou nos que non se exploren novas ideas. Sen chegar a resultar brillante, trátase sen dúbida de un dos álbumes de pop más sólidos do ano.

Parquet Courts

Wide Awake!

O sexto disco de Parquet Courts é un traballo sólido, variado, ben interpretado, divertido e con contido. Se ben está lonxe de ser unha proposta novidosa, o resultado final é innegablemente moi positivo, sendo un disco a destacar deste 2018. Dalgunha maneira hai unha conxunción moi conseguida entre a ferocidade dalgunhas destas cancións e a súa sensibilidade pop.

Car Seat Headrest

Twin Fantasy

A nova versión re-grabada do Twin Fantasy de Will Toledo é sen lugar a dúbidas a mellor versión de este disco, aquela que debes escoitar se é a primeira vez que te pos este álbum. Non perde en ningun aspecto e gaña en algúns outros, especialmente na produción máis limpa e coidada.

Elza Soares

Deus É Mulher

Elza Soares trata de chegar a todos os recunchos que a fixeron ser o que é. Sen esquecerse de nada, e cun acompañamento musical onde a vangarda paulista mostra todo o que ten que ofrecer á música, Deus É Mulher é un dos traballos máis completos do ano.

FAVX

WELFARE

O de FAVX é unha auténtica festa musical, e máis se temos en conta que estamos ante o primeiro EP dun grupo emerxente como este, que acaba de lanzarse de xira por todo o Estado. Preguntémonos cantos grupos novos, nun abrir e cerrar de ollos, son capaces de sacar algo tan completo. Sinceramente? Poucos.

Pálida

Shönen Kingdom

Shönen Kingdom pasou máis desapercibido que A White Sphere á hora de chegar aos nosos ouvidos. E é unha pena, pois trátase dunha das obras mellor producidas do ano. Gravado en directo, mais tendo por completo no seu interior contido orixinal, trae consigo unha viaxe única cun resultado que roza á perfección. Componse de oito temas que beben, para a súa concreción, das maneiras de estruturar os animes, do IDM ou do house, e son en conxunto unha perfecta síntese do que é un concerto en directo de Pálida. Como neses directos, Shönen Kingdom ofrece unha experiencia transcendental, onde cores e imaxes son convocadas no noso cerebro durante case unha hora, sen descansos nin cortes.

Anna von Hausswolff

Dead Magic

O novo disco de Anna von Hausswolff resulta especialmente interesante ao conseguir combinar sons propios de estilos como o folk en cancións que se rexen baixo as regras do ambient ou do drone. Algúns dos ritmos marcados e case rituais que atopamos en Dead Magic non estarían fora de lugar no último álbum de Swans, mais desta volta desposuídos do seu compoñente abrasivo.

Niño de Elche

Antología del cante flamenco heterodoxo

Este ano, falar de flamenco foi inevitablemente da man de falar de Rosalía. Foi a única en facer deste estilo musical algo esencial para entender un ano de excelente música? Non. En absoluto. Niño de Elche, cun corte máis afastado da electrónica e recollendo as ensinanzas do rock progresivo, algo que xa practicou da man de Exquirla o ano pasado no excelente Para quienes aún viven (2017), trouxo consigo unha peza exquisita. Dividido en dous cortes, tal vez densos para unha soa e superficial escoita, Antología del cante flamenco heterodoxo é sen dúbida algunha unha das obras do ano, onde a paixón e a filosofía danse a man para crear unha obra de arte espléndida.

Oneohtrix Point Never

Age Of

Situable entre a electrónica e o folk, Age Of de Oneohtrix Point Never tenta buscar equilibrios entre sons que nada teñen que ver entre eles, combinando art pop, glitch electrónica e post-industrial nun sombrío disco no que ás veces parece beber das bandas sonoras de videoxogos dos noventa e outras das creacións de artistas como Sufjan Stevens ou Bon Iver. Así, mestúranse teclados, sintetizadores, guitarras acústicas e auto-tune nun resultado espectacular.

A creación de Daniel Lopatin, quen está detrás do proxecto, é dunha complicación dificilmente categorizable, por moito que o intentemos, mais resulta totalmente fascinante.  Ambicioso como pouco, descubriranos máis dunha cousa.

Nils Frahm

All Melody

All Melody é sen dúbida un disco que busca crear uns ambientes pausados e melancólicos, e para a súa extensa duración non se move por moitos outros espazos, sen embargo o que Frahm busca aquí é explorar estas sensacións dende distintos enfoques musicais, xogando coa intensidade e sacándolle o máximo partido a seu novo estudio como seu principal instrumento.

Jack White

Boarding House Reach

Boarding House Reach pode resultar confuso nas primeiras escoitas xa que racha bastante coas nosas expectativas á hora do que vamos atopar nun disco de Jack White. Sen embargo é indudable tamén que este traballo ten o selo estilístico do músico de Detroit en cada unha das súas cancións. Está lonxe de ser un disco redondo, xa que hai momentos que funcionan mellor que outros, mais tampouco se pode negar que Jack White logrou renovar seu son neste traballo.

Denzel Curry

TA13OO

Empezou sendo un deses tantos “rapeiros de Soundcloud”. Anos despois, non queda máis que recoñecer que o cualificativo máis desdeñoso que a comunicade estadounidense ten para referirse a aqueles que comparten música na plataforma non podería estar máis baleiro.

TA13OO consta dunha produción excelsa, e supón de novo, tras o marabilloso Imperial (2016), un paso adiante na carreira de Denzel Curry, que esta vez, e tras definir o seu estilo no seu álbum anterior, vai máis alá para superar os seus cimentos e trae baixo o brazo un dos albumes de rap máis potentes do ano, capaz por si mesmo de sacar de toda dúbida a calquera que aínda as tivese en relación ao trap. É máis sinxelo atopar unha agulla nun pallar que algún punto feble na produción.

Triángulo de Amor Bizarro

El Gatopardo

Queda algo por dicir de Triángulo de Amor Bizarro? Dende a publicación do seu primeiro disco en 2007 todos os lanzamentos desta banda foron dunha enorme calidade, un tras outro. Embaixadores do shoegaze e do noise rock en Galicia, no EP lanzado este ano a banda semella baixar un pouco os niveis de distorsión e reverberación das súas guitarras para explorar un son menos denso que acompaña a unhas letras cargadas dun trasfondo político e social que definiron perfectamente a realidade do 2018.

KIDS SEE GHOSTS

KIDS SEE GHOSTS

Kanye West e Kid Cudi firman, en conxunto, vinte minutos no que se poñen sobre a mesa, en síntese, dúas cousas: primeiro, que a voz de Kid Cudi pode dar moito xogo coas bases adecuadas; e segundo, que dentro de todo ese desastre que pareceu ser Kanye West en 2018 aínda quedaba algo do artista que coñeciamos.

No mesmo ano no que lanzou o desastroso Ye, Kanye fíxose nun sitio en todas as listas de mellores albumes do ano non con ese, senón con KIDS SEE GHOSTS, un álbum introspectivo, cheo de ego e optimismo, que crece minuto a minuto para converterse nun pequeno clásico que, lamentablemente, dura menos do que nos gustaría.

Kali Uchis

Isolation

Dende os temas de corte máis clásico, como Flight 22, a aqueles máis atrevidos como Nuestro Planeta, en todo Isolation Uchis tenta mostrar algo de si mesma, das súas relacións, e da súa peculiar visión do amor como unha das formas de evadirse da realidade tan horrible que a rodea. Sen chegar a ser un álbum puramente político, a colombiana decide que a viaxe que ofrece a aquel que a decida escoitar serva como un pequeño respiro ao día a día.

Julia Holter

Aviary

O último disco de Julia Holter consegue ser complexo pero accesible, denso pero desfrutable, íntimo e grandilocuente. Durante as quince cancións que compoñen Aviary, o que atopamos é unha colorida viaxe sonora na que merece a pena somerxerse para explorar cada recuncho musical dos que conforman os case noventa minutos deste traballo.

La Plata

Desorden

La Plata e a súa melancolía, á par que o seu ritmo post-rock alegre, eran unha necesidade imperiosa nunha sociedade como a nosa, onde cada vez son máis os xoves que non teñen nada ao que aferrarse para continuar querendo seguir co seu presente. Por unha banda, a melancolía das letras reproduce esta sensación de forma directa; mentras que a instrumentalización evoca unha necesidade de seguir querendo moverse cando nada parece dicirnos que o fagamos.

Low

Double Negative

Entre sons distorsionados e deformados ao extremo aparecen as once cancións que conforman o Double Negative de Low. Un disco cunha produción fascinante que logra atopar a beleza no mecánico e no decadente mediante un son que parece estar a descompoñerse en todo momento.

Beach House

7

Non cabe dúbida algunha de que Beach House conseguiron dar frescura de novo ao seu son con este disco, 7 ofrece unha revisión actualizada ao son do dream pop e do shoegaze dando lugar a un dos traballos máis redondos do ano e a un disco que compite por ser a mellor colección de cancións publicada por Beach House ata o de agora.

Idles

Joy as an Act of Resistance

O que Idles conseguen con este traballo é atopar un espazo a medio camiño entre o cabreo e a festa. Neste senso o título do traballo resulta extremadamente acertado, a banda non entende este disco como algo que teña pretensións máis alá do entretemento, pero ao mesmo tempo son conscientes de que entreterse non ten por que ser tomar unha posición neutral, con letras que abordan cuestións políticas ou cuestións como a masculinidade tóxica.

Earl Sweatshirt

Some Rap Songs

Tras os seus dous notables Doris (2013) e I Don’t Like S**t, I Don’t Go Outside (2015), chegou por fin Some Rap Songs. Con todo, non foi para nada como alguén podía esperar. De feito, aínda poden e poderán verse mensaxes confusos dos seus fans por non entender que hai detrás deste novo álbum, un traballo onde a introspectiva e confusa vida que Earl parece ter segundo as súas letras apodérase tamén da produción, creando un son herdeiro natural das creacións que fixeron lenda a Madvillain. 25 minutos de recoñecemento das limitacións, mais tamén da superación destas mediante arrítmicos raios de nostalxia. Un traballo de madurez musical do que foi no pasado unha estrela emerxente.

JPEGMAFIA

Veteran

Sen conseguir centrar os temas líricos nunha única dirección, esta sorte de post-rap que atopamos en Veteran é incrible. JPEGMAFIA trouxo algo necesario, cargado de mensaxe política, bebendo de artistas como Danny Brown, Death Grips, Clippin’ e Lil Ugly Mane, actualizando e atrevéndose en cuestións que ningún dos citados tivo valor, marcando ás veces un ritmo máis clásico ca eles.

Mercedes Peón

DEIXAAS

Poucos artistas, sendo honestos, poderían aspirar a crear unha obra de arte como Mercedes Peón fixo con DEIXAAS, pois posiblemente esteamos ante un dos mellores discos do ano e da década. A progresión musical que a artista galega mostra no seu álbum é única, creando sons novos en espazos que precisaban deles. Trátase dunha síntese completa entre tradición e vangarda, máis onde o segundo termo, en forma de música industrial, á vez, é a peza esencial para entender o traballo.

Rosalía

El Mal Querer

Falouse moito xa do novo disco de Rosalía, aínda que as veces máis das polémicas que sempre inundan as redes sociais que do seu contido. Non cabe dúbida de que a catalana lanzou un traballo de enorme calidade no musical, que emprega para narrar unha historia atemporal. Todavía sorprende como Rosalía é capaz de introducir tan comodamente ideas musicais complexas en cancións pop completamente accesibles.

Nine Inch Nails

Bad Witch

2018 é o ano no que se compren tres décadas do nacemento de Nine Inch Nails, e o traballo lanzado por Trent Reznor e compañía amosa que o proxecto todavía ten moito futuro. Ao longo de soamente seis cancións, Reznor retoma o lado máis noise e punk da banda mesturándoo con temas influenciados polo David Bowie máis experimental, nos que os saxofóns e os sintetizadores ábrense paso nunha produción ruidosa e lo-fi.

Daughters

You Won’t Get What You Want

O cuarto disco dos americanos Daughters, o primeiro lanzado pola banda en oito anos, é sen lugar a dúbidas un dos traballos máis únicos que deu o rock nesta década. A medio camiño entre o noise e o industrial, este disco resulta tan desacougante como fascinante. Con guitarras terroríficas que non sempre recorren á distorsión, sons electrónicos escuros e interpretacións vocais cargadas de intensidade, este disco pode resultar unha escoita difícil, pero é sen lugar a dúbidas un álbum irrepetible.

Os nosos discos

Mauro Borrazás

Julia Holter – Aviary

Daughters – You Won’t Get What You Want

Anna von Hausswolff – Dead Magic

Low – Double Negative

Nine Inch Nails – Bad Witch

JPEGMAFIA – Veteran

Beach House – 7

Rosalía – El Mal Querer

Jack White – Boarding House Reach

Mercedes Peón – Deixaas

Cristina Calvete

Rosalía – El Mal Querer

J Balvin – Vibras

Yung Beef – ADROMICFMS 4

Baiuca – Solpor

Boyanka Kostova – Vella Canción Galega

Nacho Vegas – Violética

La Zowi – Ama de Casa

Los Nastys – Música para el Amor y la Guerra

C. Tangana – Ávida Dollars

Natos y Waor – Cicatrices

Sara García

Mercedes Peón – Deixaas

Anna Von Hausswolff – Dead Magic

Kali Uchis – Isolation

Mitski – Be the Cowboy

Rosalía – El Mal Querer

Beach House – 7

SOPHIE – Oil of Every Pearl’s UnInsides

J Balvin – Vibras

Hank Wood and the Hammerheads – S/T

Blood Orange – Negro Swan

Serxio Lafuente

Nine Inch Nails – Bad Witch

Daughters – You Won’t Get What You Want

Low – Double Negative

Moses Sumney – Black in deep red, 2014

Julia Holter – Aviary

Tigran Hamasyan – For Gyumri

Anna von Hausswolff – Dead Magic

тпсб – Sekundenschlaf

Sumrrá – 6 mulleres

Rosalía – El Mal Querer

Brais Nogueira

Natos y Waor – Cicatrices

Yung Beef – ADROMICFMS 4

Cecilio G – YONOSOYTUPADRE

Rosalía – El Mal Querer

Kali Uchis – Isolation

Bejo – Parafernalio

Boyanka Kostova – Vella Canción Galega

J Balvin – Vibras

Travis Scott – ASTROWORLD

Sticky M.A. – Las Pegajosas Aventuras de Sticky M.A.

Mario Vilariño

Daughters – You Won’t Get What You Want

Earl Sweatshirt – Some Rap Songs

Rosalía – El Mal Querer

Mercedes Peón – Deixaas

J Balvin – Vibras

La Plata – Desorden

Idles – Joy as an Act of Resistance

Kali Uchis – Isolation

JPEGMAFIA – Veteran

Denzel Curry – TA13OO