La Plata

Desorden

La Plata e a súa melancolía, á par que o seu ritmo post-rock alegre, eran unha necesidade imperiosa nunha sociedade como a nosa, onde cada vez son máis os xoves que non teñen nada ao que aferrarse para continuar querendo seguir co seu presente. Por unha banda, a melancolía das letras reproduce esta sensación de forma directa; mentras que a instrumentalización evoca unha necesidade de seguir querendo moverse cando nada parece dicirnos que o fagamos.

Low

Double Negative

Entre sons distorsionados e deformados ao extremo aparecen as once cancións que conforman o Double Negative de Low. Un disco cunha produción fascinante que logra atopar a beleza no mecánico e no decadente mediante un son que parece estar a descompoñerse en todo momento.

Beach House

7

Non cabe dúbida algunha de que Beach House conseguiron dar frescura de novo ao seu son con este disco, 7 ofrece unha revisión actualizada ao son do dream pop e do shoegaze dando lugar a un dos traballos máis redondos do ano e a un disco que compite por ser a mellor colección de cancións publicada por Beach House ata o de agora.

Idles

Joy as an Act of Resistance

O que Idles conseguen con este traballo é atopar un espazo a medio camiño entre o cabreo e a festa. Neste senso o título do traballo resulta extremadamente acertado, a banda non entende este disco como algo que teña pretensións máis alá do entretemento, pero ao mesmo tempo son conscientes de que entreterse non ten por que ser tomar unha posición neutral, con letras que abordan cuestións políticas ou cuestións como a masculinidade tóxica.

Earl Sweatshirt

Some Rap Songs

Tras os seus dous notables Doris (2013) e I Don’t Like S**t, I Don’t Go Outside (2015), chegou por fin Some Rap Songs. Con todo, non foi para nada como alguén podía esperar. De feito, aínda poden e poderán verse mensaxes confusos dos seus fans por non entender que hai detrás deste novo álbum, un traballo onde a introspectiva e confusa vida que Earl parece ter segundo as súas letras apodérase tamén da produción, creando un son herdeiro natural das creacións que fixeron lenda a Madvillain. 25 minutos de recoñecemento das limitacións, mais tamén da superación destas mediante arrítmicos raios de nostalxia. Un traballo de madurez musical do que foi no pasado unha estrela emerxente.

JPEGMAFIA

Veteran

Sen conseguir centrar os temas líricos nunha única dirección, esta sorte de post-rap que atopamos en Veteran é incrible. JPEGMAFIA trouxo algo necesario, cargado de mensaxe política, bebendo de artistas como Danny Brown, Death Grips, Clippin’ e Lil Ugly Mane, actualizando e atrevéndose en cuestións que ningún dos citados tivo valor, marcando ás veces un ritmo máis clásico ca eles.

Mercedes Peón

DEIXAAS

Poucos artistas, sendo honestos, poderían aspirar a crear unha obra de arte como Mercedes Peón fixo con DEIXAAS, pois posiblemente esteamos ante un dos mellores discos do ano e da década. A progresión musical que a artista galega mostra no seu álbum é única, creando sons novos en espazos que precisaban deles. Trátase dunha síntese completa entre tradición e vangarda, máis onde o segundo termo, en forma de música industrial, á vez, é a peza esencial para entender o traballo.

Rosalía

El Mal Querer

Falouse moito xa do novo disco de Rosalía, aínda que as veces máis das polémicas que sempre inundan as redes sociais que do seu contido. Non cabe dúbida de que a catalana lanzou un traballo de enorme calidade no musical, que emprega para narrar unha historia atemporal. Todavía sorprende como Rosalía é capaz de introducir tan comodamente ideas musicais complexas en cancións pop completamente accesibles.

Nine Inch Nails

Bad Witch

2018 é o ano no que se compren tres décadas do nacemento de Nine Inch Nails, e o traballo lanzado por Trent Reznor e compañía amosa que o proxecto todavía ten moito futuro. Ao longo de soamente seis cancións, Reznor retoma o lado máis noise e punk da banda mesturándoo con temas influenciados polo David Bowie máis experimental, nos que os saxofóns e os sintetizadores ábrense paso nunha produción ruidosa e lo-fi.

Daughters

You Won’t Get What You Want

O cuarto disco dos americanos Daughters, o primeiro lanzado pola banda en oito anos, é sen lugar a dúbidas un dos traballos máis únicos que deu o rock nesta década. A medio camiño entre o noise e o industrial, este disco resulta tan desacougante como fascinante. Con guitarras terroríficas que non sempre recorren á distorsión, sons electrónicos escuros e interpretacións vocais cargadas de intensidade, este disco pode resultar unha escoita difícil, pero é sen lugar a dúbidas un álbum irrepetible.