por | Dec 30, 2018

2018 podería dicirse que o pasamos de cine en cine, como calquera que nos lera ao longo do ano podería comprobar. Choramos, rimos e marabillámonos. Asistimos a un ano máxico para o cinema galego e disfrutamos con numerosas obras. As nosas vinte favoritas están nesta lista. Foi moi difícil confeccionala debido á gran calidade das propostas que presentaron cineastas de todos os ámbitos.

20.

A estación violenta

Anxos Fazáns

Galicia

A incursión de Anxos Fazáns neste 2018 é algo que debemos celebrar todas as galegas. A estación violenta, unha adaptación da obra homónima do xornalista Manuel Jabois, é unha película onde o silencio é máis importante das palabras para a súa narrativa. Onde o tratamento dos corpos conta máis que as palabras. Que esta obra teña o nivel suficiente para colarse nesta lista, non é soamente unha boa nova para todo o equipo que traballou no filme senón para todo o cinema galego.

19.

Girl

Lukas Dhont

Bélxica

Girl trata sobre unha moza trans que comeza o seu proceso hormonal. Lukas Dhont traénos un filme moi interesante porque lonxe de ser unha denuncia directa da discriminación, retrata un ambiente teoricamente idóneo para a protagonista no que segue a ter moitas dificultades por esa condición. Dese xeito, mostra como a discriminación sobre este colectivo é estrutural. Tamén destaca pola súa sensibilidade e pola gran labor de documentación que foi levada a cabo para a xénese da película.

18.

Tres anuncios nas aforas

Martin McDonagh

Reino Unido

A película de Martin McDonagh foi moi mediática a principios de ano cando se alzou como principal competencia de A forma da auga para o galardón a mellor película nos Oscar. En Balea pensamos que é mellor película que a firmada por Del Toro. O seu retrato da chamada América profunda e o cuestionamento da xustiza pola man, a súa mestura de comedia e drama como dúas caras da mesma moeda e a gran labor do seu corpo actoral válenlle entrar na nosa lista de mellores películas do ano.

17.

Isle of Dogs

Wes Anderson

Estados Unidos

O regreso de Wes Anderson á animación tralo seu Fantástico Mr. Fox chegou nunha xa rapidamente esquecida para a maioría da crítica Isle of Dogs. Sen ser a mellor creación de Wes Anderson, tras ter asentado un precedente dun nivel tal vez demasiado alto coa divertida Gran Hotel Budapest, para moitos aquela primeira idealización rematou difuminándose. Se ben Isle of Dogs non é esa obra mestra que moitos parecían esperar, dende aquí reivindicámola, pois semella que ás veces esquecemos o que o cine de Wes Anderson procura e leva conseguindo unha e outra vez dende aquela marabillosa Academia Rushmore: Unha estética preciosa, unha historia tan variopinta como triste, e uns personaxes aos que é imposible non collerlles cariño, chamándonos a empatizar con Atari e Chief, dobrado excelsamente por Bryan Craston.

16.

Thelma

Joachim Trier

Noruega

O novo de Joachim Trier rompe coas convencións a través dunha película moderna tanto no apartado estético como no narrativo. Thelma propuxo unha incursión nos tópicos das bruxas levando o drama psicolóxico e o horror corporal a un mesmo punto e que, a través de sutís ideas visuais e obviando incómodos excesos discursivos ou manieristas, acaba por converterse nunha liberadora, poderosa e complexa revisitación do xénero fantástico.

15.

Hereditary

Ari Aster

Estados Unidos

Hereditary é unha cinta que trata afilados temas como a herdanza familiar de trastornos mentais, a pérdida de seres queridos ou a maternidade non desexada, na que o terror está supeditado á propia narración, non é froito dunha arbitrariedade escrava do propio xénero. Recolle o mellor das grandes películas de terror da historia do cinema ao tempo que innova dentro dun xénero polo xeral moi particular e de gustos específicos.

14.

Quen che cantará

Carlos Vermut

España

En Quen che cantará, Vermut propón unha idea clara dende o principio, explicitando os temas que quere tratar, non necesariamente a través do diálogo, que segue a ser un dos puntos máis frouxos, senón a través das imaxes, que gardan un pouso narrativo máis cohesionado que o de Magical Girl. Mediante as potentes actuacións de Najwa Nimri e Eva Llorach, entrelázanse dúas historias cruzadas que nos falan da busca da identidade persoal a través da interacción de ámbalas dúas protagonistas en cadansúa realidade persoal.

13.

Cold War

Pawel Pawlikowski

Polonia

O novo filme de Pawel Pawlikowski volta a vir bañado desas imaxes en branco e negro que o director sabe filmar como ninguén máis. Cada plano desta película podería ser unha fotografía artística, perfectamente encadrada e iluminada. Máis aló do puramente estético, a historia de amor enmarcada na Europa da Guerra Fría resulta interesante mais conclúe nun final que pode resultar algo precipitado.

12.

Lucky

John Carroll Lynch

Estados Unidos

Lucky é a mellor homenaxe que se pode facer á carreira de Harry Dean Staton, falecido semanas despois de rodar a cinta. En Lucky a súa figura de eterno secundario brilla con luz propia nun papel protagonista que quedará para a historia. Nesta comedia existencialista dirixida por John Carroll Lynch, o personaxe que encarna reflexiona en numerosas ocasións sobre o finito da vida mais Dean Staton logrou co seu traballo facerse un oco na historia da sétima arte.

11.

Dogman

Matteo Garrone

Italia

O novo de Mateo Garrone, director recordado principalmente por Gomorra, é unha película moi destacable. Baseada en feitos reais, narra un dos incidentes máis sanguentos da historia italiana, o asasinato do boxeador amateur Giancarlo Ricci polo perruqueiro canino Pietro De Negri. Contrariamente a unha película ao uso destas características, o director italiano tómase o seu tempo para artellar un bo desenvolvemento dos personaxes e construír unha ambientación na Roma da época, todo cunha fotografía moi salientable. Unha das mellores películas europeas do ano.

10.

Climax

Gaspar Noé

Francia

O sempre polémico director arxentino Gaspar Noé deixou este ano unha película moi destacable. Como en todas as súas obras, deu unha vez máis unha lección do talento que ten coa cámara en man a nivel formal. Tamén coma sempre, grandes doses de droga e violencia. Climax ten todo o característico da obra de Noé mais cun apartado de contención nalgúns puntos que lle dá un valor narrativo que ás veces se bota en falta na súa produción. Probablemente a mellor experiencia fílmica do ano aínda que non é adecuada para todos os estómagos.

9.

Call Me by Your Name

Luca Guadagnino

Italia

Call Me by Your Name é unha das películas máis bonitas que nos deixou o 2018. A obra de Luca Guadagnino narra o espertar sexual do seu protagonista durante un verán. A película trata dun xeito excelente as dificultades tanto do autocoñecemento como da comunicación con outras persoas. Todo isto envolto nunha banda sonora excelente e un apartado visual moi destacable.

8.

The Florida Project

Sean Baker

Estados Unidos

San Baker voltou este ano cunha longamentraxe moi especial. Logrou captar a inocencia que teñen os nenos ata nos lugares más complicados para a súa supervivencia. Na película poden verse os seus sorrisos mentres todo ao seu redor se derruba e hai poucas denuncias sociais máis acertadas e honestas. Iso compleméntase co uso dunha gama de cores moi acertada e unha interpretación de Willem Dafoe sobresaínte.

7.

Lady Bird

Greta Gerwig

Estados Unidos

O nome de Greta Gerwig comezou a sobresaír polo seu traballo como actriz e guionista en filmes de Noah Baumbach como Frances Ha. Polo que seu debut como directora en Lady Bird non colleu a ninguén por sorpresa. Porén conseguiu namorar a público e crítica. Trátase dunha película con certos tintes autobiográficos, sinxela pero chea de vida que sabe atopar a maxia no cotián mediante a súa historia, que cobra vida perfectamente grazas a un brillante traballo actoral.

6.

Lazzaro Felice

Alice Rohrwacher

Italia

Lazzaro Felice é unha das obras por excelencia sobre os despusuídos. A directora Alice Rohrwacher relata a miseria dun xeito que lembra aos mellores expoñentes do neorrealismo italiano. Mais non se queda aí, a través dun guión moi sólido e unhas interpretacións sobresaíntes logra facer un gran documento sobre a bondade nun mundo despiadado. Retrata o mundo real, onde os santos non teñen nada que ver coa Biblia.

5.

Roma

Alfonso Cuarón

México

A obra de Alfonso Cuarón é a película máis mediática do ano, e que dividiu en dúas partes tanto a público como a crítica. Pola nosa parte, consideramos a súa presencia obrigada no máis destacado do ano. Cuarón narra cunha fotografía sobresaínte e gran poética o México que viviu na súa infancia. Roma trascende máis aló do seu argumento, é un relato -obviamente subxectivo- dun momento histórico dunha nación.

4.

Aniquilación

Alex Garland

Reino Unido

A pesares de que o filme estreado en Netflix este ano que máis deu que falar foi Roma, Aniquilación foi outra película que tampouco pasou polas nosas salas de cine, pasando directamente ao catálogo da plataforma de streaming. O segundo filme de Alex Garland (Ex Machina, 2015) continúa a profundizar no xénero da ciencia ficción pero desta volta dende unha perspectiva máis radical e rompedora. Aniquilación conta cunha historia sorprendente, imaxes memorables e unha fantástica banda sonora composta por Geoff Barrow e Ben Salisbury que nos adentra nese universo tan fascinante como desconcertante.

3.

Dhogs

Andrés Goteira

Galicia

Dixémolo xa moitas veces e non nos cansaremos de facelo. Dhogs é historia do cinema galego. Pero incluso obviando o noso contexto nacional, Dhogs é un dos filmes máis interesantes e vangardistas que puidemos ver este ano. Bebendo de influencias como David Lynch ou Leos Carax, a ópera prima de Andrés Goteira xoga co espectador mediante unha narrativa inquietante e pouco tradicional que reflexiona sobre a nosa actitude fronte á violencia.

2.

Un asunto de familia

Hirokazu Koreeda

Xapón

A obra do xaponés Hirozaku Koreeda lévase a medalla de prata este ano. É unha película que trata sobre como a familia é o último bastión para unha morea de persoas marxinadas por mor do sistema económico. Ademais, presenta unha fotografía moi destacada e que constantemente apoia a todo o que quere contar. Dende Balea vemos acaído premiar a merecida Palma de Ouro no festival de Cannes.

1.

O fío invisible

Paul Thomas Anderson

Estados Unidos

O fío invisible é cine con maiúsculas. Trátase dunha película que conta cunha posta en escena deslumbrante, que vai máis aló da elegancia para convertirse directamente en suntuosa, á vez que narra unha historia que rompe coas convencións da musa e o xenio. A maiores, o clímax do filme chega mediante unha secuencia fascinante que non poderá fuxir da nosa memoria unha vez vista por primeira vez. E sen esquecer a exquisita banda sonora. Trátase para nós do filme mellor confeccionado do ano.