Disco Las Palmeras!

Cálida

O cuarto álbum de Disco Las Palmeras! Supón un cambio considerable no son da banda, que deixou de lado as distorsións tan características do noise rock que realizaban, achegándose a un son máis accesible e melódico. Se ben as cancións que compoñen Cálida resultan desfrutables, en ocasións non semellan tan atrevidas no apartado instrumental como en traballos previos do grupo.

Grima

A Ver A Qué Sabe

Non, ao final este ano non houbo álbum de Bala como tentabamos adiviñar a principios de 2018. Foi unha mala noticia, si, mais houbo quen veu a tentar ocupar o seu espazo nos nosos corazóns. Grima debutaron este ano con A Ver A Qué Sabe, unha obra de trinta minutos chea de temas rápidos e directo entre o grunge e o stoner, con duras baterías e guitarras que disparan riffs sucios acompañados dunha voz en modo de berro que se atreveu co galego, o castelán e o inglés.

Con certas cuestións que definir e cun son bastante mellorable, non é difícil aínda así ata sentir certa morriña polos tempos nos que o stoner estaba en boca de todos. Non, non son os Queens of the Stone Age, nin Bala, nin moitos outros, e que? Temos ante nós un debut potente, underground, e carismático.

KadettGSI

Scalestrix

Dende Lugo, KadettGSI son unha das novas apostas da Melona. Os primeiros contactos que tivemos con eles chegan agora, dende este pequeno EP de catro cancións cheo de enerxía, cunha electrónica noventeira que invita ao baile. Non é moito, mais si deixan nel pequenos detalles de calidade dos que temos ganas de escoitar máis.

Alto Asalto

Soños E Quimeras

Tras case unha década dende o seu último traballo de estudo, os Alto Asalto volveron con Soños e Quimeras. Entre a loita social e o pesimismo vital na lírica e cunha excelsa produción nas bases, vimos no seu retorno como oito anos de parón non significan obrigatoriamente unha desconexión coa música máis vangardista, traendo consigo unha obra completa, forte e consciente.

Sans Soleil

Variaciones Cromáticas Del Atlántico

Os vigueses Sans Soleil debutaron este ano cun disco de post-rock instrumental con influencias moi recoñecibles de bandas como Explosions in the Sky. Un dos aspectos máis interesantes do álbum é sen embargo seu aspecto conceptual, un percorrido a través das diferentes tonalidades e emocións que produce o océano, expresadas unicamente a través do son, permitindo introducirse moito máis nos significados abstractos das cinco cancións que o compoñen.

GLITCHGIRL

Royal Flush

Vinte minutos de beefs, música electrónica e a definición dun estilo que en traballos anteriores semellaba demasiado dividido e disgregado. Así poderiamos definir Royal Flush, segundo longo de Alicia Aix Muñiz baixo o pseudónimo de GLITCHGIRL. Neste novo traballo, aparte dos posibles acertos e fallos, volve a aparecer ese toque tan característico e persoal que lle trouxo ás miradas de moitos grazas a QUE ME DES DIEZ EUROS con temas como Sola Estoy Mejor. Unha obra que comeza a definir a unha artista que, a día de hoxe, cremos que só pode crecer.

Canine

[Hélice]

O segundo EP do dúo Canine supuxo unha exploración do jazz máis moderno ao longo de cinco pezas que flúen perfectamente no musical a pesares de que seus títulos semellen desordeados. Cargado de xogos rítmicos e armonías que por momentos recordan a Radiohead, [Hélice] consegue expresar moito cunha paleta sonora reducida.

Boyanka Kostova

Vella Canción Galega

Cibrán e Chicho non só fan trap no noso idioma, senón que ofrecen unha música chea de matices. O seu directo, ademais, fuxe dos tópicos do xénero tocando con instrumentos en directo e deixando as bases fora da ecuación.

Este 2018, ademais, vimos algo máis: tras lanzar varios temas en Youtube, remataron lanzando o seu primeiro traballo de estudo, o EP Vella Canción Galega, unha obra orixinal, chea de calidade e con certo aire paródico. E, aínda cos peros que poidamos atoparlle, un dos mellores debuts musicais deste ano.

Kings of the Beach

Super Awkward, Fucking Awesome

Toda persoa que viu aos Kings of the Beach actuar en directo é consciente de por qué a banda viguesa semella ser máis coñecida cada día que pasa. Este 2018 o rock garaxeiro do grupo levounos a actuar ata os Estados Unidos no festival South by Southwest onde puideron tocar as cancións deste Super Awkward Fucking Awesome ante o público doutro continente. É certo que o estilo de Kings of the Beach funciona mellor en directo que no estudo, e aínda así trátase dun dos discos galegos máis divertidos que puidemos escoitar este ano.

Ezetaerre

Pólvora e Tormenta

Afastados daquelas maquetas xenéricas e sen demasiado que ofrecer, Ezetaerre lanzaron neste 2018 o seu primeiro longo en estudo, agora con bases moi caviladas, e cunha produción que combina ska, pop e hip hop de maneira agradable, concretando o que moitos outros non conseguiron.

Exploran, tamén, outros sons menos habituais, tanto neles como no panorama do hip hop galego actual, en temas como Vento Negro, achéganse a un agresivo, cheo de furia, onde guitarras e elementos de trap lánzanse á piscina para crear un enérxico temazo.