por | Dec 27, 2018

2018, un ano sobresaínte para o audiovisual galego

O ano está a rematar e entre turrón e turrón, visitas ás luces de Nadal da localidade que lle toque a cada un, conversas eternas en familia -xa sexa real ou de conveniencia- e esmorgas varias, chega o momento de falar de como lle foi o 2018 ao audiovisual galego. Un ano máxico, xa non por cantidade senón por avance cualitativo das propostas que chegaron. Obras fundamentalmente de directores xoves que veñen, parece, con ganas de crebalo todo.

O nome propio do cinema galego este ano é Dhogs. A película de Andrés Goteira colleitou antes da súa estrea 13 Mestres Mateo (un récord absoluto de premios no certame) e tivo moi boa acollida en festivais como Sitges ou Almería. Aínda que ás veces os galardóns soamente son recoñecementos baleiros, neste caso non é así. Dhogs é historia do cinema galego. Ben é certo que é unha película multirreferencial como recoñece o seu director, mais fai un estudo sobre a violencia humana poucas veces visto, cunha estética descoñecida para o cinema do noso país. Goteira rompe coas convencións cun presuposto mínimo na súa primeira longametraxe.

Outro debut relevante -que non o derradeiro- é o da pontevedresa Anxos Fazáns. A Estación Violenta tivo un caluroso acollemento da crítica e foi unha aposta destacada. Na adaptación libre da novela do xornalista Manuel Jabois prima o silencio, a contención e o sentimento escondido dentro da acción humana. Fazáns, grazas á elipse e a unha gran interpretación por parte do corpo actoral, fala con voz propia nunha industria onde se tende ao ton homoxéneo. Ademais, destaca a música en directo na película cunha banda sonora conformada exclusivamente por bandas galegas.

A terceira ópera prima da que falar é Nove de Novembro, de Lázaro Louzao, feita cun orzamento de apenas 30.000 euros conseguidos por crowfunding, constitúe a primeira película LGTB filmada en galego. Louzao narra a relación amorosa entre dous homes. A súa película constitúe un primeiro contacto explícito con esta temática no cinema do país.

Estas tres películas, de tres cinastas novas e con tres apostas rompedoras para o común da cinematografía galega, conviviron nas salas de cine á vez. Este feito é algo histórico é un dos sucesos máis destacados do cinema galego neste 2018. É unha demostración de que pese ás dificultades de distribución e moitas veces os reducidos orzamentos, pódense levar adiante propostas marabillosas.

Este mes de decembro puidemos coñecer o nomeamento aos premios Goya de Matria, a curtametraxe de Álvaro Gago. Tras ser recoñecido internacionalmente en festivais tan recoñecidos como Sundance, é a única representación do cinema en galego nos premios máis importantes do Estado español nun ano tan prolífico como o que se está a narrar. Gago mostra unha historia sobre como as mulleres obreiras están dobremente explotadas nun contexto gris dunha conserveira de mexillóns.

Máis habitual é o cinema rural nas nosas leiras, mais tamén hai novos enfoques neste aspecto. Trote, de Xacio Baño, fai unha crítica ao mesmo dende a ausencia de sentimentos aínda que erra na súa representación. Por outra banda, Trinta Lumes, de Diana Toucedo, non se estreou aínda en cines mais conseguiu gran popularidade pola súa presencia en festivais como a Berlinale. Presenta unha narrativa a través da montaxe moi novidosa, mais en canto ao contido non innova o suficiente, quédase nunha máis que vista idealización do rural e das súas limitacións.

Tamén no campo documental, onde tradicionalmente o cinema galego sempre destacou, este ano tamén temos grandes obras como Todas as Mulleres que Coñezo, un filme que mostra conversacións entre mulleres dende un prisma feminista. Na obra, faise audiovisual a afirmación de Kate Millet de que “o persoal é político”. Destacaron pola súa parte outras producións como A Batalla descoñecida, dirixida por Paula Cons, que narra a relación entre os nazis, Galicia e o Wolframio ou Vigo 1972. O documental de Roi Cagiao conta como se fraguou a histórica folga xeral na cidade olívica nese ano.

Máis aló da produción en galego, que é moita e diversa como se pode ver, cómpre tamén falar das obras en castelán feitas por galegos con gran éxito. Por exemplo, a longametraxe de Dani de la Torre La Sombra de la Ley sobre os anos vinte en Barcelona ou o documental Desenterrando Sad Hill, do vigués Gonzalo de Oliveira, que se vertebra a partir do cemiterio construído en Burgos para o final da mítica película O bo, o feo e o malo de Sergio Leone.

Mención especial merece a serie de televisión Fariña, filmada por Atresmedia e en castelán mais cun reparto íntegro galego entre o que destacan Morris, Javier Rey ou o falecido Ernesto Chao, unha das novas máis tristes do ano en Galicia. Fariña é relevante non por pór Galicia no mapa do Estado, xa que pola súa temática poden chegar a ser cuestionables as súas formas, senón porque sendo feita por españois representa a realidade da fala na ría de Arousa de maneira bastante acertada. Que os de fóra o fagan mellor que os de aquí é un gran elemento para a reflexión.

E así remata 2018, como vemos un gran ano para o audiovisual galego. 365 días con moitísimas máis luces que sombras. Foi un curso onde o cinema madurou notablemente á vez que incorpora a voces novas. Sen dúbida, Galicia está ben representada con estes profesionais.