Marem Ladson, unha
artista millenial cunha música
que busca facer universal

por | Dec 17, 2018

fotografías por Ada Seoane

M arem Ladson naceu en Ourense en 1997. De pai neoiorquino e nai galega, comezou a escribir con 9 anos poemas e pequenos relatos na escola. Logo aprendeu a tocar a guitarra e converteu eses relatos en cancións. Aos 15 anos viviu en Houston. Volveu ao seu Ourense natal e agora vive en Madrid, onde estuda Relacións Internacionais mentres compaxina a xira do seu primeiro disco, Marem Ladson, que lanzou en maio deste mesmo ano.

Marem chegou coa súa música, onde combina pop, folk e rock, para quedarse. Cun talento e humildade que enche o escenario, Marem danos esperanza aos millennials e demostra que non todos os que pertencemos a esta xeración somos uns vagos nin estamos perdidos.

Colámonos no backstage da Sala Capitol, en Santiago de Compostela, antes da súa actuación o pasado dez de novembro para saber máis dela.

Que pensaría de ti esa Marem de 9 anos?

Pois non sei… en realidade eu creo que estaría sorprendida. Cando comecei a escribir en ningún momento o fixen coa pretensión de algún día tocar na Sala Capitol.

Escribes cancións sobre ti, falas das túas experiencias, moitos artistas teñen medo disto. Cres que é necesario que os artistas teñan unha voz propia neste mundo?

Si, claro. Eu creo que se non tes nada que contar dá igual que saibas cantar. Creo que ser cantautora non é só ter unha voz bonita ou saber tocar a guitarra, é contar unha historia que poida conectar ou non coa xente, pero estás contando a túa verdade.

Es compositora. Usas a túa propia voz. Gustaríache seguir escribindo para ti ou pensas escribir para outros artistas?

Non, en principio para min. Son moi celosa das miñas cancións. Agora que saquei o meu primeiro disco custábame entender que as miñas cancións non son miñas, que a xente fainas súas unha vez que as publicas. Gústame chegar ao público pero custábame entendelo. Eu creo que a medio prazo non vou a escribir cancións para outros artistas.

Que prefires, compoñer ou o escenario?

Os concertos, porque hai como unha morea de sentimentos. Tensión e nervios antes e moita adrenalina durante o concerto. Non te das conta pero acabas morta. Miña nai ás veces pregúntame que como podo estar tan cansa despois dunha fin de semana tocando. Pois precisamente por iso. É un traballo e tamén cansa, non é só tocar e pasalo ben. De todas formas desfruto un montón.

Nos teus concertos aparte dos teus temas podemos escoitar Like a prayer de Madonna. Que artistas che inspiran á hora de compoñer?

Inspíranme artistas de todo tipo. Creo que hoxe en día pódese conectar sen prexuízos con calquera artista. Os xéneros, mentres se fagan ben, todos deben ser valorados.

Madonna é unha artista que me gusta moitísimo dende pequena. Encantábame ver vídeoclips e pasaba como horas véndoos na tele cando a MTV aínda os emitía. É desas artistas que me gustan moito, entón intentei levarme ao meu terreo esta canción.

Que escoita Marem Ladson?

Ultimamente estou escoitando moito pop e tamén bastante música Lo-fi, bandas londinienses novas que están xurdindo como Our Girl o Confidence Man. Un montón de bandas que non teñen nada que ver co que eu fago pero que me inspiran. Igual que outros artistas máis grandes como Kendrick Lamar ou Ariana Grande. Estouna escoitando moito ultimamente porque me encanta o seu último disco.

Familia americana e galega, cres que afecta isto a túa visión artística?

Eu diría que che dá como amplitude de miras no sentido de velo todo cunha perspectiva máis global e entender máis a cultura doutra xente. Faite máis respectuoso, agora, nestes tempos que tanta falta fai.

Unha das túas cancións, My corazón, é a única que contén unha palabra distinta ao inglés en todo o teu disco.

En realidade é puramente anecdótico porque gústame como soaba combinar My corazón un pouco con acento, non sei, pareceume divertido.

Atreveríaste nun futuro co galego?

En principio non porque non me sae. Son moi de instintos e hai que deixar fluír as cousas, se se forzan o público nótao enseguida e dáse de conta, queda moi forzado e non mola.

O teu videoclip All my storms foi rodado en Ourense e ten unha clara estética galega, como foi a idea?

O videoclip gravouno un amigo meu porque nos coincidiu aos dous estar en Ourense. As Canteiras de Cartelle son impresionantes e decidimos gravalo alí pero non por nada en particular. O sitio é impresionante e bastante escondido. Incluso xente de Galicia non sabía dese lugar. Pero si, é como moi galego e á vez, eu penso, que moi exótico. A miña intención coa música é que se faga universal.

Vés de tocar en festivais como Sinsal SON Estrella Galicia, Vida Festival, Prestoso Fest, o FIB e este ano o festival Noroeste logrou un cartel con maioría de presenza feminina, entre elas ti.

Foi moi guai. Eu creo que é necesario que haxa máis representación feminina en todas as industrias pero, que se lle dea tanto énfase a “Como te sentes sendo muller na música?” pois síntome normal. É que non debería sentirme diferente, debería sentirme como calquera outra persoa. Entón, eu creo que ata que cheguemos a ese punto no que se logre certa normalidade e non sexa unha excepción ser unha front woman, liderar un proxecto musical, ver unha muller nunha mesa de son, ver promotoras… Que iso non sexa o estraño, que haxa moita máis presenza, pois de momento creo que hai como que forzalo un pouco para que no futuro sexa o normal.

Non sei se te sentes cómoda coa etiqueta millennial pero tes só 21 anos.

Eu creo que as etiquetas hai que aceptalas e neste caso darlles a volta. Pode que teña moitas connotacións negativas pero, se ti te apropias desa etiqueta e intentas cambiar todo o negativo que se asocia a ela, creo que podes facer que millennial sexa algo positivo. Hai unha xeración millennial que está renovando, non só na música, senón en varios ámbitos artísticos e que está empurrando cara adiante e rompendo coa idea de que somos uns vagos e que estamos como dispersos.

Puidemos ver en redes sociais que es fan de series como House of Cards, comezaches a nova de Paco León, Arde, e ademais, dúas das túas cancións –Everything I’ve ever lost (Is coming back) e West– aparecen na nova serie Skam de Movistar.

Encántanme as series. Hai moito traballo detrás para conseguir que poñan unha das túas cancións nunha serie pero teño un equipo moi bo de xente que cre en min, cre nas miñas cancións e que aposta por poñelas en series. Hai que traballar algunhas cousas para que xurdan outras que non te esperas. Por exemplo, fai pouco Paco León puxo en Instagram que estaba escoitando a miña música e eu non mo cría. Cando fas ben o teu traballo o resto vén só.

A entrevista comezaba preguntándoche como te vería a “Marem de 9 anos” e para rematar, como se ve a “Marem do futuro”?

Traballando na música e con sorte seguir dando concertos, gravando música e compartíndoa coa xente.