por | Dec 12, 2018

‘Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia’: Cubrindo unha lagoa da nosa historia literaria

Hai tempo, non lembro exactamente canto, topei na rede cun artigo titulado Feminismo e xénero na literatura infantil e xuvenil galega: unha análise a partir dos personaxes de mulleres publicado en 2013 na revista Sarmiento e que aínda pode acharse doadamente en internet en acceso aberto. Recordo que me chamaran moito a atención no seu día tanto o obxecto de estudo, a literatura feita para a infancia e a adolescencia (que adoita considerarse un asunto menor canonicamente falando) como o enfoque que achegaban o feminismo e os estudos de xénero, que eu, na miña notoria inexperiencia investigadora, nunca vira aplicados ao campo literario infantil e xuvenil. Neste artigo, Montse Pena Presas (Sada, 1981) acometía o que para unha filóloga co título a estrear (e aínda con algún prexuízo de máis) era unha auténtica proeza, revisar criticamente dende unha perspectiva feminista o que a rapazada leu e le dentro do sistema literario galego. Axiña me decataría de que esta non era a súa única nin máis notable contribución ao tema, porén, o meu interese xa estaba máis que esperto a raíz desta descuberta.

Agora, con algunha lectura máis e bastantes menos prexuízos, alédame ver que Montse Pena Presas desenvolve esta materia cunha maior amplitude e para o gran público no seu ensaio Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia, recentemente editado por Laiovento. En realidade, esta obra compendia parte da súa tese de doutoramento, defendida en 2016 e centrada tamén no feminismo e na coeducación na literatura infantil e xuvenil nos ámbitos anglófono e hispánico.

A achega crítica de Pena Presas, unha das novidades de non ficción máis interesantes do ano literario galego, resultará sorprendente para calquera profana na materia e mesmo pode chegar a verter algo de luz para moitas persoas afeitas a indagar sobre as múltiples expresións do feito literario. A propia traxectoria da autora, curtida no ámbito académico pero tamén con gran presenza no eido divulgador (no que destacan as súas colaboracións radiofónicas en programas como Diario Cultural ou Chamando á Terra) é toda unha garantía de calidade.

O libro amósanos a cara máis descoñecida da literatura galega contemporánea, confeccionando un completo estudo diacrónico dende as primeiras manifestacións dirixidas ao público máis novo (que datan da primeira metade do século XX), como a celebrada Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas ou a pioneira e máis ignota Margarida a do sorriso d’aurora de Evaristo Correa Calderón, ata a presente década, con obras como 22 segundos de Eva Mejuto ou Escarlatina, a cociñeira defunta de Ledicia Costas, pasando por novos clásicos como Pericles e a balea de Xohana Torres ou Arnoia, Arnoia de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Consciente de que o poder da literatura non unicamente reside na capacidade de que poidamos soñarnos distintas, senón que nos capacita, a través da imaxinación, para situarnos no lugar de aquelas e aqueles que nunca seremos, a autora leva a cabo as súas pescudas sobre estes e outros títulos observando e poñendo de relevo os cambios temáticos, formais e ideolóxicos que se dan dende os primeiros textos ata os nosos días, nos que a conciencia feminista é palpable en moitas das publicacións máis recentes, tamén da man doutros discursos literarios alternativos e sensibilizados coa diversidade funcional, o racismo, as masculinidades alternativas ou as reivindicacións do colectivo LGBT. Moitos dos grandes e máis recoñecibles nomes do xénero están presentes na análise de Montse Pena Presas (Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Marilar Aleixandre, María Victoria Moreno, Fina Casalderrey etc.), nutrindo de exemplos unha acertadísima escolma de textos revisada con sumo xuízo e precisión que busca ilustrar o cambio de subxectividades e argumentos dados na literatura infantil e xuvenil galega baixo o paraugas do feminismo.

En suma, Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia é o resultado dun admirable (e seguramente moi longo) traballo de investigación, afanado en dar resposta a unha serie de interrogantes que ata hai pouco case nin se tiñan en consideración e no que o rigor aplicado non impide certo goce coa súa lectura. Un estudo atinado e sisudo capaz de abrirnos a perspectiva sobre o estado e forma dunha valiosa parcela do noso sistema literario e un espléndido percorrido crítico pola historia das nosas letras máis cativas que cómpre non deixar de recomendar a docentes e investigadoras pero do que tamén calquera lectora de a pé pode tirar proveito. Un traballo imprescindible e comprometido que cobre unha importante lagoa da nosa historia literaria e que, como lembra a propia autora nas súas conclusións, é un convite a ler e a axudar a ler criticamente, achegando estratexias concretas, a poder ver os pousos, a xestionar enreixados e, sobre todo, a poder bailar cos zapatos de claqué de quen non somos sen deixar de recoñecer os nosos.

Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia

 

Autor: Montse Pena Presas
País: Galicia
Ano: 2018
Editorial: Edicións Laiovento

 

Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia

Autor: Montse Pena Presas
País: Galicia
Ano: 2018
Editorial: Edicións Laiovento