A balada de Buster Scruggs

Director: Joel Coen, Ethan Coen
Guión: Joel Coen, Ethan Coen
Música: Carter Burwell
Ano: 2018
País: Estados Unidos

A balada de Buster Scruggs

Director: Joel Coen, Ethan Coen
Guión: Joel Coen, Ethan Coen
Música: Carter Burwell
Ano: 2018
País: Estados Unidos

por | Dec 6, 2018

‘A balada de Buster Scruggs’: O libro branco dos Coen

Os Coen aterran en Netflix coa “Balada de Buster Scruggs”, unha serie de relatos ambientados no afastado Oeste dirixidos coa sensibilidade e linguaxe á que nos teñen acostumados os dous irmáns de Minnesota. Este filme, asemade, é un paso máis do servizo on-demand cara a produción propia de cine de alto estándar dirixido á propia plataforma.

Desta volta, aventúranse cun compendio de curtas nun ambiente (non as personaxes) común,de maneira que o seu traballo pode asemellarse, non en estilo, senón no sentido e contexto, a algo coma “Alfred Hitchcock presenta…” ou o “Monthy Python’s Flying Circus”, en canto a que estes relatos son unha maneira perfecta de introducirse ao universo dos Coen dunha forma directa e dirixida por eles mesmos.

Desta maneira, parecera que “A Balada…” fose un exercicio autorreferencial no que os Coen reflexionan sobre a súa forma de dirixir, plasmando os elementos máis contudentes, claros e habituais da súa filmografía nestas seis historias que comparten ambientación, o western, aperecendo os lugares comúns e tópicos asociados a el. No primeiro relato, os Coen parecen retomar o camiño do seu último filme “Ave César”, facendo un exercicio cercano ao western musical, pero xa con moito humor negro e ese trato da violencia tan irónico e trivial co que acentuan o infelices que soen ser as súas personaxes.

James Franco protagoniza o segundo relato, e prácticamente o fai sen diálogo, nun exercicio de tensión e humor negro a través do absurdo maxistral, que se resume (spoiler) na escena previa a colgar a varios sentenciados á morte onde o que está tranquilo lle di a outro que chora: “Que, é a túa primeira vez, non?”.

Este exercicio de síntese, de traballo narrativo en base ao mínimo diálogo continua nas terceira e cuarta historias, onde nunha os dous protagonistas non falan entre si a pesar de interaccionar todo o rato; e na outra o intercambio comunicativo máis grande é entre un home e un moucho (brillante). Contrastan no seu ton, sendo a terceira fondamente pesimista e misteriosa, mentres que na cuarta, cun gran traballo de posta en escena, fan prácticamente unha curta muda que parecería de Pixar senón tivera certo xiro coeniano cara o seu final.

A quinta e a sexta (mais aló que, ata aquí, a mostra pode semellar irregular segundo os intereses de cada un, aínda que todas son moi identificables cos Coen), son aquelas nas que se pode ver que puideron ser algo máis. Que che deixan, ata certo punto, con ganas de máis.

Na quinta historia (nun exercicio actoral máxico de Zoe Kazan) chega (máis ou menos) o amor (cabe a reflexión, xa que é a única na que a protagonista é muller). Os Coen xogan con nós neste relato, construíndo de forma máis lenta cada personaxes, deixando máis claro quen son, e sen tanto misterio, para darnos a labazada máis forte de todo o filme, nun xiro clásico e típico dos directores, que afondan nesa visión triste e pesimista, aínda que ao mesmo tempo divertida e moi irónica, do que é a vida.

O último relato é o máis curioso e quizais afastado da idiosincrasia clásica dun filme dos Coen, sendo aínda así moi interesante, ademais de que rompe completamente en canto a ton co resto das historias. Chegamos a fantasía, ao suspense ao terror, todo dentro dun ambiente de fábula que se leva a cabo mediante o diálogo (tamén neste senso rompe co resto do filme) das persoas que viaxan nunha dilixencia que se vai convertendo nunha espiral filosófica sobre a moral, a bondade, a maldade e o que ñe verdadeiramente o terror. Nun filme cheo de brutais mortes ou asasinatos, a historia que da medo, e naquela na que o cadáver se presenta desde o principio, coma se fosen Hitchcock creando suspense.

Os Coen, coma sempre, demostran que saben o que fan, e fano cun gusto e cun estilo tan claro que resulta satisfactorio para os xa habituados a súa forma de narrar, pero que pode resultar pesado nalgunhas historias, xa que o filme preséntase irregular pola súa estrutura episódica, pero máis aló diso, “A Balada de Buster Scruggs” é sen dúbida unha fichaxe moi importante para o catálogo propio de Netflix.