Cineuropa, semana 3: Peche do telón

O tramo final do Cineuropa contou con grandes sorpresas como In FabricLonga viaxe do día cara a noite ou Vivir depresa, morrer despacio así como un dos principais pratos fortes, Loro

Antonio Durán “Morris” recibiu o derradeiro premio desta edición do festival

Dec 4, 2018

por Mauro Borrazás, Sara García, Brais Nogueira e Mario Vilariño
fotografía 1: Cineuropa
fotograma 1: Vivir depresa, amar despacio
fotograma 2: Longa viaxe do día cara a noite
fotograma 3: Loro

Cineuropa, semana 3: Peche do telón

O tramo final do Cineuropa contou con grandes sorpresas como In FabricLonga viaxe do día cara a noite ou Vivir depresa, morrer despacio así como un dos principais pratos fortes, Loro

Antonio Durán “Morris” recibiu o derradeiro premio desta edición do festival

Xa rematou o Cineuropa 32. Un ano máis o festival de cinema compostelán encheu de películas a capital galega durante o mes de novembro, desta volta con máis títulos ca nunca. O festival pechou cun acto de clausura no que un emocionado Antonio Durán “Morris” recibiu o terceiro premio Cineuropa desta edición, e o Xurado Novo do festival deu a coñecer o seu palmarés, no que destacaron filmes como In Fabric, Longa viaxe do día cara a noite ou High Life.

O Teatro Principal atopábase abarrotado e o público, cheo de caras familiares de Morris tras tantos anos diante das cámaras, aplaudiu ata a saciedade. O teatro, de feito, púxose en pé para despedilo. Con todo, non moita xente se quedou trala entrega de premios a ver a película de clausura, Kursk, de Thomas Vinterberg. Un filme moi completo e cunha clara crítica ao goberno de Vladimir Putin, e baseado en fetos reais relacionados co afundimento e a imposibilidade de rescate do submarino ruso debido á falta de celeridade na aceptación da axuda internacional polo goberno ruso. O filme, simulando a vida e os intentos de supervivencia no interior do submarino, completa unha narración tensa ata o final e chea de emotividade, cun gran aproveitamento de Vinterberg do espazo presentado.

Tal vez unha das sorpresas máis gratificantes á par que estrañas entre as proxeccións desta última semana, foi precisamente In Fabric. Cunha estética de dez, coidada ata o límite e permitindo un visionado dunha beleza sorprendente, o novo filme de Peter Strickland pasouse entre risas nerviosas cheas de incomprensión. In Fabric atópase entre a comedia e o terror, cun vestido vermello no que se poñen todos os focos que o filme procura dotar en todo momento de personalidade, cun éxito máis destacable que o de moitas películas coas mesmas intencións.

Olivier Assayas tamén voltou ao Cineuropa un ano despois de traer a fantástica Personal Shopper. O francés regresa cunha cinta máis luminosa que os seus últimos traballos e, dende logo, máis ácida e entretida. Non Fiction é un lixeiro e divertido xogo de ficcións e non ficcións onde Assayas, de volta ás súas anteriores películas, esparce pensamentos máis ou menos agudos sobre os problemas de comunicación da sociedade contemporánea. Tan atractivos como irritantes, os personaxes (cunha mención absolutamente memorable a Juliette Binoche) discuten arredor do número de lectores, a inminente transición dixital e a cada vez menor relevancia dos críticos á hora de influenciar os gustos do público, espertando bastantes risas por parte dos asistentes durante a proxección (aínda que os seus eternos diálogos puideron sacar de quicio aos máis alérxicos a estas formas tan de autor francés). O director recicla case obsesivamente os mesmos conceptos, facendo que a película sexa amena pero, sobre todo, redundante.

Seguindo co cinema francés, mais sen chegar a ser en ningún momento orixinal, nin transgredir con valentía os clichés dun xénero que xa tocou con anterioridade todo tipo de historias mórbidas e eróticas, Yann González sumérxenos nun giallo para falar da industria pornográfica gay dos 70, que estaba a punto de recibir o coitelazo do Sida. Un couteau dans le cœur non acaba de lograr o efecto de abstracción desexado, pois o argumento tende á sobreexplicación e a nutrirse de infinitas referencias (Dario Argento, Brian De Palma). A pesares da súa potente premisa inicial, todo remata sendo demasiado convencional, e incluso comedido, ao eludir a explicitude gráfica das escenas. Un tímido intento de retomar os poderosos e desgarrados relatos de culto do giallo clásico.

Como se fose a outra cara de 120 BPM, presentada no festival o ano pasado e que colleitou multitude de aplausos, en Vivir depresa, morrer despacio séguese a profundizar no drama do Sida, mais neste caso non é o asunto principal. Christophe Honoré regálanos as súas reflexións vitais, o seu elegante estilo á hora de filmar os corpos masculinos e unha morea de planos dunha concepción visual tan sinxela como sublime (por exemplo, a conversación por teléfono que funde aos amantes na distancia nunha soa habitación). O resultado é unha das mellores películas desta edición de Cineuropa, onde Honoré, que empezaba a atopar o seu camiño con Les chansons d’amour (2007), alcanza nesta emocionante obra a súa madurez artística cunha intelixencia fílmica cautivadora.

Outra das citas obrigadas do festival, que tivo lugar na súa última semana foi o xa mítico Maratón do Cineuropa. Encheuse o Teatro Principal, unha vez máis, con grandes colas que percorrían a zona vella da cidade antes de que abriran as portas. De dez da noite a doce da mañá proxectáronse, entre pequenos descansos de cinco minutos, ata oito películas que mantiveron a tensión e as risas do público, maioritariamente novo.

O maratón comezou, con mala nota para moitos, Border, de Ali Abbasi. Tal vez a súa principal baza negativa foi a duración do filme, que rondaba as dúas horas. Tematicamente resultou canto menos curiosa, mesturando sentimentos de adaptación social da protagonista con maxia no xiro máis importante do filme que, ademais, non se cortou en ser gráfico con elo.

What Keeps You Alive e os seus continuos xiros argumentais mantiveron en vilo á sala, cunha historia que tendía ao bucle. O final do filme, onde as tortuosas batallas nas que entrara a parella protagonista parecían rematar, fixo estalar ao público entre berros de desesperación e aplausos dos máis optimistas.

Ghostland propuña explorar como unha situación traumática cómo un secuestro violento podía activarse no cerebro dunha nena pequena. A xenial combinación de elementos fantásticos co que de verdade estaba a pasar deulle ao filme un elemento estético destacable, mais o que de verdade encantou foi o frenético ritmo co que estaba a ser contada, mantendo ao público co corazón no puño durante toda a metraxe.

Tras estas, todas de 2018, comezaron a proxectarse filmes igual de destacables mais de maior antigüidade. Tras Ghostland proxectouse Santa Sangre, unha das moitas locuras que Alejandro Jorodowski trouxo consigo ao cinema. Neste filme o mexicano volve a tocar un xénero moi concretable como fixo cos anteriores El Topo (western) e La Montaña Sagrada (ciencia ficción) e aférrase á creación dun filme de terror. Con todo, a idea que parecía ter en mente nun primeiro lugar pérdese entre as excentricidades e os toques de serie B típicos do director, creando unha viaxe lenta, ás veces pesada (e máis para un maratón), mais capaz de deixar boquiaberto a máis dun.

Trala obra de Jodorowsky, chegou o momento de El Gran Amor de El Conde Drácula, de Javier Aguirre. Foi un filme moi do estilo das maratóns de Cineuropa, películas con valor pero que non pasaron ben os anos por elas. Drácula é interpretado por Paul Naschy, que como curiosidade é o actor que máis veces interpretou ao vampiro.

Despois foi a quenda de Symthoms, de José Ramón Larraz. A película, cun elevado terror psicolóxico, métese dentro de ti a medida que van pasando os minutos. Obsérvanse unha chea de elementos que influenciaron a What You Keeps Alive, dende os personaxes, ata escenas onde Minihan fai claras homenaxes á obra.

Escalofrío, nun intento de achegar o xénero de terror ao cine estatal dos setenta, quedouse nun perfecto e cómico documento perfecto para proxectar neste maratón. Nela, ambientada entre ouijas, demos e asasinatos, atopamos un guión con frases absurdamente graciosas que se fai sinxela de ver.

A película sorpresa do maratón deste ano foi Los ojos azules de la muñeca rota, de Carlos Aured, protagonizada por Paul Naschy (repetindo tras El Gran Amor de El Conde Drácula) e María Perschy. Tratouse dun filme no que, con bastante maña, procurouse recrear os elementos que fixeron grande ao giallo italiano. Con todo, non se tratou dun filme interesante, pois en lugar de recrear procuraba utilizar elementos xa usados con anterioridade, sen supoñer unha creación capaz de chegarnos.

E con este xa van dous anos no que o filme sorpresa, ilusionante en moitas outras ocasións, queda en nada. Igual, ata o Bocadillo de Wismichu tería provocado unha reacción mellor, ou polo menos máis alá do testemuñal.

Mais esta última semana tamén houbo outra película sorpresa, programada fóra do maratón, que deixou sensacións moi distintas. Asistir a esta proxección sempre é unha experiencia interesante que obriga a confiar no criterio do festival e a visionar o filme sen ningún tipo de prexuízos, ao facelo contextualmente a cegas. Este ano a cinta sorpresa foi Os informes sobre Sarah e Saleem, do director palestino Muayad Alavan. Un filme moi entretido, que logra levar a cabo unha sorprendente mestura de xéneros cinematográficos deixando oco para a crítica política. A película, inspirada en feitos reais, narra a historia de como un affaire entre unha muller israelí e un home palestino pasa a converterse nun conflito político na cidade de Xerusalén.

Tamén se puido ver neste tramo final do festival o segundo filme do director chinés Bi Gan, titulado Longa viaxe do día cara a noite, foi sen lugar a dúbidas unha das principais xoias desta edición do Cineuropa. Tras debutar coa aclamada Kaili Blues, o realizador fai que a historia deste filme xire en torno a súa localidade natal unha vez máis, situada na provincia subtropical de Guizhou. Desta vez o protagonista Luo Hongwu volta a este municipio buscando a unha muller da que estivera namorado hai tempo. Explorando a montaxe non liñal, os espazos, os ritmos e as sensacións de forma moi acertada, o filme atópase dividido en dúas partes, consistindo a segunda delas nun sorprendente plano secuencia de 50 minutos pensado para ver en 3D. A pesar de que por limitacións tecnolóxicas a proxección foi unha versión integramente en 2D, isto non restou maxia á película, hipnótica de principio a fin.

Outro dos principais atractivos desta semana, e incluso tal vez o maior de todo o Cineuropa, foi a pre-estrea da nova película de Paolo Sorrentino, Loro, un biopic entre a sátira e ese existencialismo ao que o director italiano nos ten acostumados, onde se retrata a vida do político Silvio Berlusconi, coñecido máis polos seus escándalos que pola súa obra no cargo. En Loro, Sorrentino non deixa un gran sabor de boca. Sen ser a súa peor obra, e superando con creces o feito en A xuventude, o italiano repite no guión unha vez máis a súa característica preocupación por envellecer, esta vez dende unha cara que nos é máis coñecida, mais repetindo os seus erros de sempre. Será o virtuosismo do director baixo a cámara quen salvará o filme.

Desta maneira púxose peche a unha edición máis do festival de cinema de Santiago, e xa van 32. Un ano máis o certame consegue manter os seus sinais de identidade, que o converten nunha cita obrigada no outono compostelán, abrindo unha ventana na cidade cara o mellor cine de todo o mundo. Por todas estas razóns dende xa esperamos con ganas que chegue o próximo Cineuropa.