O processo

Director: Maria Augusta Ramos
Guión: Maria Augusta Ramos
Fotografía: Alan Schvarsberg
Ano: 2018
País: Brasil

O processo

Director: Maria Augusta Ramos
Guión: Maria Augusta Ramos
Música: Alan Schvarsberg
Ano: 2018
País: Brasil

por | Nov 26, 2018

‘O processo’: Crónica dun cataclismo

A recente chegada do ultradereitista Jair Bolsonaro a presidencia do Brasil foi a culminación dun xiro que a primeira potencia sudamericana levaba dando cara o conservadurismo e o liberalismo económico, totalmente contrapostos as políticas de esquerdas dos gobernos anteriores do PT (Partido dos Trabalhadores). Este xiro comezou co proceso de destitución da presidenta Dilma Rouseff, precisamente os acontecementos que documenta a película de Maria Augusta Ramos O processo.

Construído tanto con imaxes de arquivo como de filmacións propias no interior das comisións e os despachos, este documental limítase a amosar como se desenvolveu esta investigación, poñendo o foco especialmente na manipulación, na falta de xustiza e no constante uso da posverdade na mesma. A directora mantén un posicionamento claro no filme mais sen intervir en ningún momento, limitándose a amosar os feitos.

Na forma, o documental busca un estilo sobrio. Resultan interesantes as imaxes das do pobo como espectador, observando a través de pantallas xigantes o “espectáculo político” case como se se tratase dun simple partido de fútbol con dúas aficións enfrontadas. A directora tamén presta especial atención aos espazos onde se desenvolve todo o proceso, amosándoos baleiros en numerosas ocasións, ou sen prestar atención a ningún acontecemento concreto que esté a suceder neles. Maria Augusta pousa a súa ollada especialmente sobre a arquitectura brasileira moderna dos edificios oficiais de Brasilia, que case marcan a estética do propio filme.

Tamén chama a atención a maneira na que é filmada a propia prensa. A pesares de que a labor realizada por este documental non se alonxa especialmente do que podería considerar un traballo xornalístico, a directora busca posicionarse sempre afastada dos medios de comunicación, situándoos como un axente máis implicado no desenvolvemento do proceso, prestando máis atención ao seu traballo que ao que están a filmar. Este distanciamento represéntase visualmente nun interesantísimo plano no que a cámara da película olla de frente as cámaras dos medios, como se se tratara dun incómodo cruce de olladas mecánicas.

A reflexión que transmite O processo resulta especialmente dura. O documental amosa como todo o sistema político e a xustiza son retorcidas ata o extremo, abandoando por completo a realidade e a razón e substituíndoas por iterpretacións vagas e falsas co único obxectivo de lograr un cambio de goberno non conseguido a través das urnas. Cando os medios de comunicación estatais informaban sobre o que estaba a contecer a redor da presidenta Dilma Rouseff, nunca falaban sobre cales eran as acusacións que recaían sobre ela, empregando no seu lugar termos vagos e amplos como “corrupción”. Vendo este documental non sorprende o feito de que tomara esta decisión.

A película pecha facendo referencia ao mandato do presidente Temer, sen embargo no momento da súa proxección no festival Cineuropa, a actualidade política do Brasil avanzou todavía máis. Ao momento de visionar esta película todos os espectadores da sala xa sabían cara onde conducira este proceso. Precisamente unha das primeiras imaxes do filme é a de Jair Bolsonaro votando na Cámara a favor de abrir unha investigación a entón presidenta Dilma Rouseff.

Tamén merece a pena destacar como algunhas das personalidades máis visibles no documental entre as que defenderon a destitución da presidenta, como a entón avogada e profesora de dereito Janaina Paschoal, a día de hoxe é deputada do Partido Social Liberal de Bolsonaro. Se a película de Maria Augusta Ramos resultar esclarecedora do que aconteceu en Brasil nos últimos anos, o seu visionado a día de hoxe convértese nunha crónica terrible de como a extrema dereita está a gañar poder ao longo do mundo a través da mentira, o engano e a manipulación.