por | Nov 22, 2018

‘Morte aos normies’: O corazón das tebras

Nos anos oitenta, a empresa de comida rápida McDonald’s presentou a súa nova mascota, pensada para animar ós consumidores a cear nos seus restaurantes: un home con cabeza de media lúa e lentes de sol, cas trazas inspiradas nas do lendario pianista Ray Charles. Vinte anos despois, esa parte escura do Internet rescatou a fracasada propaganda corporativa, e a resucitou coma un meme racista e neonazi. Algo parecido lle pasou a ra Pepe, o personaxe dunha banda deseñada online de 2005, transmutado nos fíos do foro 4Chan nun famoso meme satírico, e logo nun emblema da chamada ‘alt-right’, a dereita que floreceu no Internet ó longo das últimas dúas décadas. En 2016, a Anti-Difamation League engadiu a Pepe na súa lista de símbolos de odio, na mesma categoría ca esvástica.

Vaia loucura, non si? E non mencionamos a Harambe, Tumblr, normies, MGTOW, Kekistan e mil cousas máis deste mundo estraño e multipolar que Angela Nagle trata de describir. Un mundo composto de grupos heteroxéneos, portadores dunha actitude oscilante entre o humor negro e a ultradereita misóxina e racista. Un mundo que se expuxo ó foco do público mainstream na última campaña electoral nos Estados Unidos, onde a alt-right mostrou o seu apoio ó candidato republicano Donald Trump. A cíber-utopía que os expertos viran na popularización de Internet converteuse no ventre, “aínda fecundo”, da besta (parafraseando libremente a Bertold Bretch) que se manifestou en Charlottesville este verán.

Morte aos normies é un recorrido breve pero claro polos fundamentos ideolóxicos destas “familias”, da súa evolución e os seus personaxes, así coma as “guerras culturais” nas que participaron por mor das polémicas e debates nas redes sociais, dende o Gamergate ata as políticas de ‘Safe Spaces’ nos campus universitarios do mundo anglosaxón. Non cae na xeneralización fácil , senón que identifica as subculturas, e proporciónanos unha radiografía clara das mesmas: non son o mesmo o troll que participa en ataques contra unha crítica feminista de videoxogos, o abertamente filonazi David Spencer, ou o histrionismo conspiranoico de Alex Jones e Infowars.

Nagle reserva un espazo para criticar á propia esquerda, en concreto a dos Estados Unidos. Movementos progresistas orixinados nos campus universitarios, cuxas teses se plasmaron en páxinas como Tumblr. Centrados nos temas de identidade en detrimento das teses habituais da esquerda materialista, foron definidos polo activista Todd Gitlin como aqueles que “se manifestan contra o Departamento de Literatura Inglesa mentres a dereita toma a Casa Branca” (o periodista Daniel Bernabé publicou as súas i sobre estes debates no recente ensaio en castelán A Trampa da Diversidade).

Pode parecer algo pouco serio, coma se fose a trama dun capítulo cutre de Black Mirror: gurúes exaltados, youtubers cuspindo mensaxes anti-feministas, imaxes de Trump caracterizado como unha ra de cómic. Pero córtanseche as ganas de rir cando un dáse de conta que esa xente ten un amigo na Casa Branca, o centro de poder do mundo occidental. E que algúns dos seus leitmotivs, coma as conspiracións sobre George Soros, saen ó foro público de cando en vez. Por non falar dos adolescentes cuxo primeiro contacto coa política en Internet é coa alt-right, o que contribuirá a perpetuación das súas ideas e mensaxes.

Angela Nagle volveu do corazón das tebras de 4Chan e a Homesfera, dos recunchos onde os incel e os supremacistas brancos expoñen as súas teses, e elaborou unha guía imprescindíbel para entender un pouco mellor esas estrañas realidades paralelas. Un ensaio incómodo e por momentos desagradábel, pero necesario nun contexto coma o actual, cos Salvinis e Bolsonaros de turno falando de fake news, ou Orbán culpando a Soros da inmigración musulmá en Europa. É importante estar ben informado, sobre todo nun mundo tan perturbador como para converter a unha esquecida mascota de McDonald’s nunha bandeira racista. Vivimos en tempos interesantes no peor sentido do termo.

Morte aos normies
(Muerte a los normies)

 

Autor: Angela Nagle
Tradución: Hugo Camacho

País: España
Ano: 2018
Editorial: Orciny Press

 

Morte aos normies
(Muerte a los normies)

Autor: Angela Nagle
Tradución: Hugo Camacho
País: España
Ano: 2018
Editorial: Orciny Press