A casa de Jack

Director: Lars von Trier
Guión: Lars von Trier
Fotografía: Manuel Alberto Claro
Ano: 2018
País: Dinamarca

A casa de Jack

Director: Lars von Trier Guión: Lars von Trier Fotografía: Manuel Alberto Claro Ano: 2018 País: Dinamarca

por | Nov 15, 2018

‘A casa de Jack’: Tematicamente repulsiva e esteticamente obsoleta

No ano 1995 David Bowie estreou o disco 1. Outside. Neste traballo conceptual de máis dunha hora o cantante británico retomaba as súas colaboracións con Brian Eno mediante un álbum que contaba de maneira non liñal unha historia ambientada nun futuro próximo no que o asasinato comezaba a ser entendido como arte nalgúns círculos. Lonxe de buscar a provocación gratuita, Bowie utilizaba esta narrativa para reflexionar sobre a crecente importancia do body-art a finais dos anos 90 mediante unha hipérbole desta idea.

A música de David Bowie aparece recurrentemente na última película de Lars von Trier, concretamente a canción Fame (Young Americans, 1975). O filme tamén aborda a temática do asasinato como arte. Sen embargo, o que na obra de Bowie era unha reflexión sobre algúns dos elementos culturais do seu momento, en A casa de Jack, é misoxinia, violencia gratuita e ganas de provocar ao espectador sen máis trasfondo que o enorme ego do director dinamarqués. Von Trier parece atoparse cómodo interpretando o personaxe de cineasta provocador, pero o seu principal problema é que este personaxe que tanto fascina ao propio realizador semella por momentos máis próximo ao dun troll de Forocoches que dun cineasta.

E é que A casa de Jack é un filme que, cunha duración dalgo máis de dúas horas e media, resulta aburrido, torpe e pouco inspirado. As rupturas da diéxese e as autorreferencias que emprega o director danés serían verdadeiramente innovadoras hai medio século e poderían seguir chamando a atención hai dúas décadas, pero a día de hoxe resultan ata rancias, especialmente cando seguen a ser empregadas dende a pretenciosidade.

A pesares do que poida parecer, non é de por si a violencia explícita a que fai deste filme unha obra tan esquecible. O novo extremismo francés liderado por enfat terribles como Gaspar Noé, que estreou fai pouco a destacable Climax, é unha corrente que non ten ningún reparo en filmar películas violentas. A pesares de todo, estilisticamente trátase dun cine verdadeiramente innovador, que busca convertir o visionado nunha auténtica experiencia audiovisual, un enfoque fresco e radical que está a definir en boa medida a estética cinematográfica do noso tempo.

Sen embargo o novo de Lars von Trier semella, ademais de repulsivo no seu contido, obsoleto nas súas formas. Non sorprende que moitos espectadores optaran por abandonar o Teatro Principal antes de que rematara a primeira proxección de A casa de Jack nesta edición do Cineuropa.