The Guilty

Director: Gustav Möller
Guión: Emil Nygaard Albertsen, Gustav Möller
Fotografía: Jasper Spanning
Música:
Carl Coleman, Caspar Hesselager
Ano: 2018
País: Dinamarca

 

 

The Guilty

Director: Gustav Möller
Guión: Emil Nygaard Albertsen, Gustav Möller
Fotografía: Jasper Spanning
Música:
Carl Coleman, Caspar Hesselager
Ano: 2018
País: Dinamarca

por | Nov 14, 2018

‘The Guilty’: Acción e suspense nun só escenario

Érase unha vez un policía que, consumido polos seus sentimentos e dedicación, remata apartado da primeira liña de acción, sendo suspendido de emprego e soldo ou degradado. Aínda así, o seu corazón e instinto de detective pídelle manterse activo. Non valora o seu novo traballo, quere máis. Mira con morriña os seus logros, e á mínima que pode implícase sentimentalmente en casos que non lle corresponden no seu novo oficio. Isto é, en síntese, a trama de The Guilty.

Gustav Möller, director do filme, non busca descubrirnos a penicilina. O guión parte dunha base que vimos xa mil e unha veces, e incluso os xiros de guión vense vir dende moito antes de que nolo poñan en pantalla. E, con todo, estamos ante unha gran película. Existen tres factores destacables no filme: a orixinalidade coa que está filmada, a actuación de Jakob Cedergren como Asger Holm e o deseño de son.

Asger Holm, protagonista do filme, verase relegado a un posto no servizo de emerxencias tras polémicas ao redor dun caso no que estaba envolto. A súa xornada laboral é monótona, e consiste en contestar as chamadas do servizo de emerxencias e relegar a labor policial aos seus compañeiros a pé de calle.

Todo iría como un día normal de traballo, ata que recibe unha chamada na que todo indica que está a acontecer un secuestro. Na película, veremos a Asger Holm, literalmente, traballar para resolver o caso dende a central. Fará chamadas a secuestrada e secuestrador, familiares da vítima e antigos compañeiros de traballo que lle axudarán a resolver o caso.

E cando dicimos literalmente, debemos insistir nisto. Nos menos de noventa minutos de metraxe, xamais veremos un exterior, nin ningún indicio de que Asger poida poñerse a pasar á acción, coller unha pistola e poñerse a solucionar os problemas de todo o mundo como se fose Liam Neeson (en Taken) ou Jason Statham (en practicamente toda a súa filmografía).

Gustav Möller non quere converter a súa obra nunha película de acción. Estamos ante un thriller, onde o suspense mantense en todo momento ata chegar ao clímax final. Veremos soamente dúas salas nas que Asger e os seus compañeiros traballan, e como as capacidades detectivescas do protagonista non poden ser contidas entre catro paredes. Para conseguir a atmosfera necesaria, enfocarásenos con primeirísimos planos á cara de Asger, procurando que sintamos nas nosas carnes a mesma tensión que está a sentir el.

Salvo contadas aparicións de compañeiros de traballo do protagonista, todo o peso do filme recaerá en Jakob Cedergren e a súa actuación. Durante toda a película a cámara non se separará del e o seu micrófono. Así, calquera emoción que vaiamos sentir pasa directamente polas súas expresións faciais e o seu ton de voz. Trátase dunha tarefa difícil de levar a cabo, mais o actor danés consegue dotar o seu papel de personalidade e empatía suficiente como para que non desconectemos nunca do que estamos a ver.

A banda sonora é suave, case inexistente, e cuxa finalidade é acompañar aos sucesos do filme. Non é aquí onde reside, no caso desta película, a grandeza do son. Os silencios son, de feito, unha das principais armas que se utilizan para manternos en vilo. Quen rompe este mutismo son os pequenos detalles, tan apreciables como ocultos, como son as chamadas que reciben o resto de oficinistas ou incluso a vibración do móbil de Asger. Con estes furtivos alborotos, engrandécense todos eses silencios, aumentando o nerviosismo tanto de protagonista como de espectador.

A resolución da trama vese vir, pois non serán poucos videntes os que se dean conta de que detalles da trama parecen ter unha segunda e plausible interpretación. Con todo, o que noutros filmes se destacaría como algo verdadeiramente negativo, neste caso non supón unha mancha na experiencia que Möller nos propón. Non é o desenlace o interesante, senón a innovación na narración dos feitos.

O éxito de The Guilty non reside, pois, nun guión traballado e listo para sorprendernos unha e outra vez, senón na capacidade do filme para manternos ao vilo durante os seus oitenta e cinco minutos. Non precisa de floreos. Gustav Möller aproveita ata os límites os poucos recursos cos que conta, e revólvenos o estómago sen necesidade de ensinar nada.