A maldición de Hill House

Director: Mike Flanagan
Guión: Mike Flanagan, Elizabeth Ann Phang, Scott Kosar, Meredith Averill, Jeff Howard, Charise Castro Smith, Rebecca Klingel
Fotografía: Michael Fimognari
Música: The Newton Brothers
Ano: 2018
País: Estados Unidos

A maldición de Hill House

 

Director: Mike Flanagan
Guión: Mike Flanagan, Elizabeth Ann Phang, Scott Kosar, Meredith Averill, Jeff Howard, Charise Castro Smith, Rebecca Klingel
Fotografía: Michael Fimognari
Música: The Newton Brothers
Ano: 2018
País: Estados Unidos

por | Nov 13, 2018

‘A maldición de Hill House’: Unha renovación do xénero de casas encantadas

Sen tempada de Stranger Things, A Maldicion de Hill House foi a opción elixida por Netflix para que no día dos defuntos os espectadores tiveran a súa ración temática. Sorprendentemente, non resultou un produto de consumo rápido e en masa como podería ser a serie dos nenos máis famosos do audiovisual actual, senón algo que quedará para a posteridade.

Mike Flanagan é o director dos 10 capítulos que conforman a serie. Este é un dato moi importante porque se hai algo que moitas veces se bota de menos nas series é unha cohesión estética clara, un tratamento uniforme da obra. A importancia soe recaer no personaxe pero o máis significativo desta obra son as imaxes: os travelling constantes, o xogo coa iluminación. Hai un precedente moi recente de serie de autor na plataforma estadounidense con Maniac, pero con A Maldición de Hill House consolídase totalmente.

A nivel argumental hai unha chea de elementos recoñecibles. A familia Crane chega a unha casa encantada onde comezan a acontecer cousas estrañas que teñen unha especial importancia durante a noite. Todo vai ben ata que as pantasmas comezan a perturbar os habitantes da vivenda, que ten un aspecto lúgubre e escuro onde as gárgolas e as grandes escaleiras son protagonistas. A serie logra a través de bases moi manidas, lograr algo novidoso. Para isto aproveita o seu propio formato e sobre todo a montaxe.

En primeiro lugar, a historia está contada a través de dúas liñas temporais. Preséntasenos un pasado onde ocorreron uns sucesos paranormais que remataron na morte de Olivia, a nai da familia. Por outra banda, móstrase un presente onde vemos as consecuencias da desfeita. Continuamente vaise intercalando unha con outra dun xeito espectacular. Utilízase un montaxe metafórico que se basea nunha cadea de accións para conectar pasado e futuro. Se no futuro alguén abre unha porta dun xeito, no pasado ocorrerá. Isto non soamente ocorre en accións senón que se pode ver en xestos, sons outro elemento. Lonxe de aburrir, enriquece notablemente a acción pola creatividade do director á hora de facer as transicións. Ademais, lonxe de ser algo puramente estético, ten unha gran importancia narrativa. Sutilmente estase dicindo que neste obra o tempo non é lineal, un dato obviamente moi importante.

A nivel formato aproveita moi ben as posibilidades que lle dá as 10 horas de metraxe. Úsanse os cinco primeiros capítulos para mostrarnos a cada irmán da familia. As súas preocupacións, medos e inquedanzas. A familia está rota e na actualidade, pero con esta introdución lógrase que o espectador empatice con todos e cada un. Este manexo dos afectos é fundamental para que os momentos de máis tensión ou carga dramática funcionen dun xeito devastador.

O capítulo 6 destaca entre todos os demais pola súa factura técnica. Está constituído por cinco planos secuencia moi complexos de realizar. A rodaxe era tan esixente que os decorados se construíron coa realización dese episodio en mente. O resultado é simplemente espectacular en todos os sentidos.

Tras todo o dito, pode traslucirse que non soamente é unha serie de terror cunha ambientación fantástica e jumpscares -cunha imprementación algo irregular por certo-, senón que a carga emocional dos sete membros da familia é o eixo principal de toda a obra. A serie ten un protagonismo coral encarnado colectivamente na familia Crane. Son quen de transmitir momentos tan emotivos como incómodos, tan violentos como tenros.

Flanagan logrou un produto igualmente gozoso para un espectador casual como para un experto. É unha historia atractiva pero con moitas capas. Premia o estar atento xa que hai unha morea de aspectos non fundamentais para a historia, pero si que enriquecen notablemente o universo da obra ao ir cadrando con cousas mostradas antes. A sensación é moi satisfactoria e convirte a A Maldición de Hill House nun produto bastante aditivo porque o espectador ten estímulos constantes. Por outra banda, case dende un principio algúns dos maiores misterios están á vista, ocultos entre as liñas temporais.

Outra mención importante é o tema das enfermidades mentais. En todo momento están presentes na serie dun modo ou doutro. Se ben todo parte dun suceso paranormal, o pouco coidado da saúde mental sempre está de fondo, incluso do propio acontecemento. Os problemas que arrastra a familia como consecuencia da casa son moitas veces identificables como unha patoloxía deste tipo.

A Maldición de Hill House é unha das series do ano sen ningún tipo de dúbidas. É un traballo moi coidado e cun resultado excelso. A figura de Mike Flanagan transforma o que podería ser unha historia lineal nada destacable cunha boa ambientación nunha serie con maiúsculas. Unha desas xoias que ninguén se espera e que de repente aparecen cunha forza sobrehumana.