Muse – Simulation Theory

DATA DE LANZAMENTO: 09/11/2018
DISCOGRÁFICA: Warner

Muse – Simulation Theory

DATA DE LANZAMENTO: 09/11/2018 DISCOGRÁFICA: Warner

por | Nov 12, 2018

Muse

Hai xa varios anos que a carreira dos británicos Muse comezou a decaer. Despois de discos indiscutibles como Origin of Symmetry (2001) ou Absolution (2003) a banda apostou por mesturar seu son con novos elementos no exitoso Black Holes and Revelations (2006). Mais a partires de aquí as cousas comezáronse a torcer. Se ben The Resistance (2008) marcou os alto definitivo de Muse ao mainstream, fixo que algúns dos fans da banda comezaran a preocuparse pola deriva do son do trío.

Este temores remataron por cumprirse cos seguintes discos. The 2nd Law (2012) publicitouse como un traballo experimental no que Muse xogarían co son de novos estilos musicais como o dubstep mais resultou nun álbum inconexo e pouco inspirado, que non sabía que enfoque tomar. Drones (2015) tratou de revertir esto cunha volta aos orixes cun son máis guitarreiro e apostando por realizar un álbum conceptual.

Sen embargo este intento de voltar as orixes fixo que estas cancións fronte aos primeiros traballos de Muse transmitisen unha sensación similar á de escoitar temas de Greta Van Fleet fronte a música de Led Zeppelin. O son é similar pero percíbese en todo momento que falta algo, ese atrevimento, esa liberdade. O que antes resultaba fresco agora semella prefabricado, unha réplica fronte ao orixinal. Ademáis, o ambicioso concepto que unía as cancións deste traballo profundizaba pouco nas cuestións que abordaba, dotando ao disco de pretenciosidade en lugar de orixinalidade.

Á hora de escoitar Simulation Theory (2018) todo facía temer que poderiamos atoparnos ante un novo punto baixo na carreira de Muse. Dende a súa portada de tono paródico a singles como Dig Down que semellaban copias directas de cancións anteriores da banda como Madness, todo obrigaba a abordar a primeira escoita deste disco coas expectativas moi baixas.  Sen embargo o resultado final sorprende para ben. Lonxe de ser un desastre, Simulation Theory é o disco máis coherente e divertido da banda en moito tempo.

A sensación que transmite escoitar este traballo é como a de ver unha película de ciencia ficción de serie B con efectos especiais lamentables pero un guión inesperadamente decente. A produción na que os sons oitenteiros se atopan co pop electrónico e o rock alternativo podería ter resultado nun estrano pastiche pero funciona de maneira moi axeitada. Cancións como The Dark Side lembran nas armonías a primeira etapa de Muse pero conseguen soar completamente novas grazas a esta produción.

Pressure conta cos riffs de guitarra que facían falla en Drones, desta volta mesturados con instrumentos de vento metal, mentras que temas como Propaganda e Break it to Me xuntan o rock coa electrónica de maneira moito máis satisfactoria que calquera canción de The 2nd Law. O disco tamén ten espazo para momentos máis enérxicos como Thought Contagion ou Blockades, nos que as guitarras mestúranse cos sinterizadores de maneira moi acertada.

De todos modos o disco está lonxe de ser perfecto, cancións como Something Human ou Get Up and Fight parecen estar sacadas dun mal álbum de 30 Seconds to Mars e a xa mencionada Dig Down é de todo menos unha peza inspirada. Con todo, Simulation Theory é un disco divertido e entretido, que sen caer nunca na pretenciosidade logra desenvolver un concepto que resulta máis interesante que o de Drones, e que máis alá das letras tamén se extende aos videoclips das cancións. Fai tempo que o público non se tomaba en serio a Muse, pero quen ía pensar que o solución a este problema ía pasar por que a propia banda se deixasen de tomar tan en serio a si mesmos.