por | Nov 9, 2018

fotografía por David Vázquez

Isaki Lacuesta recibe o Premio Cineuropa ante un abarrotado Teatro Principal

O director afirmou que os cineastas debían pensar a que público se dirixían, buscar o punto de fricción con eles, e así facelos pensar

Onte, previa a primeira das dúas proxeccións da nova película de Isaki Lacuesta, Entre dos aguas, fíxoselle entrega do Premio Cineuropa desta edición ao director nun abarrotado Teatro Principal xa no seu segundo día de festival, sendo o primeiro con programación durante todo o día. A cerimonia de entrega de premios contou coa presenza do director do Cineuropa, José Luis Losa, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e o segundo tenente de alcalde de Santiago de Compostela, Jorge Duarte.

José Luis Losa fixo un repaso da cinematografía do director, enunciando o Premio Cineuripa como un tributo a un cineasta «sen o cal sería inexplicable a evolución do noso cinema nas dúas últimas décadas». Goretti Sanmartín, pola súa banda, recoñeceu ao público do Cineuropa coma un dos mellores públicos que Lacuesta podería ter, pois por cultura, lingua e país, os espectadores galegos podemos sentir máis empatía co seu cine.

Isaki Lacuesta, ao subir ao escenario, dixo sentirse atafegado pola cantidade de público que estaba alí, así como polo recibimento. Comentou, tamén, que para el os cineastas debían pensar a que público se dirixían, buscar o punto de fricción con eles, e así facelos pensar.

Entre dos aguas poderá verse de novo o vindeiro día 12 de novembro, ás 20:00 horas no Salón Teatro, en Santiago de Compostela.