por | Nov 9, 2018

“Crónicas marcianas”: Breve historia do futuro

Marte é un protagonista destacado nos delirios da humanidade. Os invasores que asolaban á Inglaterra vitoriana n’A guerra dos mundos de H. G. Wells proviñan dese planeta, o mesmo onde a raíña Aelita organizou as súas lerias revolucionarias, e Schwarzenegger dubidaba se vivía na realidade ou nunhas vacacións virtuais. En The Expanse é o fogar dunha comunidade humana independente e militarista, e David Bowie preguntouse máis dunha ocasión se tiña vida. O pobre Mark Watney ficou alí, nos páramos da Acidalia Planitia, en compañía da expedición de Val Kilmer e do radiofónico Orson Welles, exiliado polas súas bromas sen graza.

A conto de que xurdiu esta fascinación? Pois tal vez porque é o xemelgo estéril da Terra, no que moi probablemente houbo auga líquida en abundancia (e vida? Quen sabe!). Ademais, fica relativamente preto, a uns 57’6 millóns de quilómetros en xullo deste ano, converténdose no candidato número un pra visitar cando deamos un paseo polo noso barrio solar. E cando, nos albores da exploración espacial contemporánea, desmentíronse as informacións de Schiaparelli e Lowell sobre supostos canles artificiais (meras ilusións ópticas), o mal xa estaba feito, e a idea de ter veciños foi demasiado atractiva para extinguila.

Como sexa, o Planeta Vermello converteuse nun vello coñecido da cultura pop, no relicario das nosas obsesións, fantasías de futuro e pesadelos. E as Crónicas Marcianas son un espello que amosa un reflexo da nosa natureza, porque máis aló do fío condutor (unha historia de exploración e conquista), Ray Bradbury fala dos excesos, do desexo de impor a túa identidade, da destrución do estraño, das ansias de rapina. A humanidade lánzase a unha odisea pra deixar atrás todos os seus pecados, pero é incapaz de crear algo novo na segunda oportunidade marciana, caendo de novo nos seus erros, nas súas tendencias autodestrutivas (foi escrito en plena Guerra Fría, e a ameaza de aniquilación nuclear era unha paranoia recorrente).

O estilo é aparentemente sinxelo, xa que Bradbury considerábase a si mesmo un contista, un autor de breves narracións fantásticas cunha intención moralizante. Pero cando un le algún dos seus relatos, nota dúas cousas na maioría de casos; unha clara tendencia poética, e un penetrante sentimento de inquedanza. Nunhas páxinas pasas do optimismo e fermosas imaxes, á máis fonda melancolía existencial. O mérito do escritor radica, precisamente, na súa capacidade de condensar todas esas sensacións nunhas poucas páxinas, coma se dun ourive da sensibilidade tratárase.

“Ciencia-ficción” é como chamamos ó caixón de xastre onde figuran estas historias, que poden ser místicas (Os globos de lume), surrealistas (Encontro nocturno), terroríficas (A terceira expedición), maliciosas (Os terrícolas), abertamente críticas (…E nos ilumine o luar) ou tristes (Chegará o orballo, o favorito de quen escribe estas verbas). Algúns personaxes e temas repítense, pero polo xeral Bradbury non segue un eixo homoxéneo. Isto ten sentido, xa que as narracións publicáronse en diferentes revistas especializadas ó longo de varios anos, tendo en común a temática marciana e o encaixe nunha liña temporal que vai dende 1999, coa chegada das primeiras misións tripuladas, ata 2057, cun final ambiguo pero satisfactorio.

Crónicas Marcianas comprende as manifestacións do talento dun autor inclasificábel, que a posteriori afondará con mestría no relato curto co compendio O Home Ilustrado, e na crítica político-social coa novela Fahrenheit 451. Unha colección de fantasías realistas (ou realidades fantásticas, que non son o mesmo) á altura dos lectores máis esixentes.

Crónicas marcianas

 

Autor: Ray Bradbury
Tradución: María Magdalena Fernández Pérez 

País: Galicia
Ano: 1950 (2004)
Editorial: Xerais

 

Tres obras teatrais

Autor: Ray Bradbury
Tradución: María Magdalena Fernández Pérez
País: Galicia
Ano: 1950 (2004)
Editorial: Xerais