A noite de 12 anos

Director Álvaro Brechner
Guión: Álvaro Brechner
Música: Federico Jusid
Fotografía: Carlos Catalán
Ano: 2018

País: Uruguai

A noite de 12 anos

Director Álvaro Brechner
Guión: Álvaro Brechner
Música: Federico Jusid
Fotografía: Carlos Catalán
Ano: 2018

País: Uruguai

por | Nov 8, 2018

‘A noite de 12 anos’: Quedándose na fibra sensíbel

O 27 de xuño do ano 1973, Juan María Bordaberry, presidente do Uruguai daquelas, co apoio das Forzas Armadas, disolveu as Cámaras de Senadores e Representantes e creou un Consello de Estado con funcións lexislativas e instaurando unha ditadura. Bordaberry tomou como inspiración o franquismo e o fascismo para isto.

Prohibiu a divulgación por prensa oral, escrita ou televisada de todo tipo de información que mencionase o que estaba a pasar e o asociase con propósitos ditatoriais, e facultou ás Forzas Armadas para adoptar as medidas necesarias para asegurar a prestación ininterrompida de servizos públicos esenciais. Ademais, prohibiu tamén os partidos políticos e declarou organizacións sindicais e estudantís ilegais.

Entre eles, e con especial tensión histórica coas Forzas Armadas do Uruguai, estaban os Tupamaros, organización daquelas político-militar que se definía como socialista. Así, ao chegar os primeiros momentos da ditadura, existiu sobre os membros desta organización unha especial obsesión. Non eran simplemente presos políticos, se algo así pode cualificarse como simple, senón que a animada aversión fascista ao socialismo e o comunismo obcecounos con estes, sendo conservados durante toda a ditadura como reféns e á vez trofeos de guerra.

Tres destes presos políticos eran José Mujica, Eleuterio Fernández Huidobro e Mauricio Rosencof. Serviron, xunto a outros seis dirixentes tupamaros, como moedas de cambio do cese da loita armada dos Tupamaros: se volvían actuar, os reféns serían asasinados. Así, a ditadura asegurábase a menor confrontación posible ao seu réxime. A noite de 12 anos conta como foi a vida dos tres dirixentes Tupamaros nomeados antes dende 1973 ata 1985, cando rematou a ditadura.

Bastante sinxelo de adiviñar, o propio título do terceiro longo de Álvaro Brechner fala do feito de que os dirixentes Tupamaros estiveron todo ese tempo sen ver a luz do sol, sendo transportados coas caras tapadas de cárcere en cárcere durante os doce anos de cativerio, nos que estiveron en condicións lamentables, calabozos escuros e fríos, e sen poder comunicarse entre eles. Foron sometidos a todo tipo de torturas, baixo o lema “como non puidemos matalos, imos volvelos tolos”.

Se ben a premisa é interesante, e serve para mostrar o trato recibido polos presos políticos Tupamaros durante a ditadura fascista uruguaia, unha vez tentamos ver máis alá do evidente o resultado final do filme apóiase de máis nun guión máis sentimental que crítico e nas caras coñecidas dos protagonistas da película. Un dos detalles máis interesantes a nivel cinematográfico ven ao inicio deste, cun rápido plano secuencia no que mete de cheo no caos que se está a vivir no momento de inicio dos eventos.

A película trata de responder a curiosidades simples, como por exemplo con que perdían o tempo dentro do seu confinamento os presos ou se conseguían comunicarse entre eles. Tamén introducen pequenas subtramas que, se ben non desenvolven aos personaxes, si axudan a facer o paso do filme máis ameno.

A tortura nunca é mostrada en demasía, aínda que é ben sabido que existiu. O confinamento parece en varias ocasións o único problema que afrontan os presos, sendo as maiores atrocidades xa non insinuadas, senón omitidas. Existen momentos nos que fan vibrar a nosa vea máis sensible, sendo a nostalxia dos nosos seres queridos aparentemente o máis importante nos feitos relatados. Búscase a conexión co espectador mediante o estritamente persoal e dunha maneira moi plana, sen desenvolver cambios nas personaxes lonxe da confusión ou choros. En xeral, resulta unha película demasiado comedida tanto en forma como en mensaxe.

Ás veces, as interaccións cos soldados que os teñen presos son momentos cómicos, facendo que a idea de que os guerrilleiros anti-imperialistas dos que fala a filme non apareza tan clara como foi na realidade, e se ben as brincadeiras funcionan no momento, pois retiran tensión ao filme, tamén esa perda de angustia retira capas de seriedade á historia.

A fotografía resulta, tal vez, unha das cuestións menos interesantes da película. Non é por falta de beleza nas imaxes, pois a paleta de colores ensinada está cargada de vida. Os créditos iniciais, baixo fondo negro, xeran unha idea concreta en relación á privación de liberdade dos presos e, inevitablemente polos feitos que se narran, as localizacións da película son lugares claustrofóbicos. Con todo, o filme está dotado de moita luz durante toda a metraxe, facendo que os contactos co sol non sexan tan sorprendentes como deberían.

A noite de 12 anos parte dunha premisa interesante e de necesario tratamento, pois moitas veces se non nolo poñen claramente diante semellamos esquecer que o fascismo trae consigo infinitos modos de represión. A partir dese suposto, con todo, atopamos unha filme que tenta achegarse máis á nosa fibra sensible que en contar os feitos ou desenvolver personaxes.