por | Nov 7, 2018

Cineuropa 32: Escándalo. 15 grandes filmes que poderás ver gratis nesta edición

O Cineuropa deste ano está dedicado a aquelas películas que por unha razón ou outra quedaron censuradas ou prohibidas
Se ben o habitual é atender aos filmes máis novidosas que se van proxectar durante o Cineuropa, aquelas que entran dentro da sección oficial deste, non queremos esquecernos de que o festival non só tenta que se enchan as salas durante as súas películas en competición, senón que a organización tenta converter a cidade de Compostela nunha auténtica festa do cine durante todo o mes de novembro.

Entre os eventos máis esperados, obviamente, está o Maratón, onde películas de terror, documentais, thrillers e comedias buscan un oco para contentar aos espectadores. Mais, alén disto, existe unha gran cantidade de filmes que se proxectan por toda a cidade e que teñen a entrada gratuíta.

E, de feito, o Festival gasta moitas horas en facer que cada ano as películas gratuítas que traen sexan dunha temática concreta. Así, o ano pasado, coincidindo coa Revolución de Outubro, proxectouse un centenar de filmes relacionadas estritamente con movementos revolucionarios, mais tamén ensinando como Hollywood e o liberalismo tentaron manter a súa hexemonía cultural durante o século pasado.

Para esta edición, o Cineuropa decide non centrarse tanto en cuestións tan estritamente propagandísticas, senón que nos ofrece todo un ciclo de filmes que, por unha razón ou outra, atendendo a contido ou forma, víronse censuradas e prohibidas en moitos países, incluído no Estado Español durante e despois do franquismo. E, dentro de dito ciclo, seleccionamos 15 películas.

Dentro desta sección, ademais das películas que imos enumerar, o Cineuropa puxo tamén foco en dous directores: Eloy de la Iglesia, de quen xa falamos na nosa sección dentro de O Salto Galiza, e Kôji Wakamatsu. Alén disto, existen tamén con entrada libre a maioría de filmes da súa sección Panorama Audiovisual Galego, a Mostra do Centro Simone de Beauvoir dentro da súa sección O Presente É Muller, e moito máis que fan do mes de novembro un pequeno tributo cara o cine.

 

1.

A estraña viaxe

Fernando Fernán Gómez

Dom 11 – 18:00h Sala Agustín Magán (CC. Santa Marta)

Tras a súa estrea, en 1964, A estraña viaxe (El extraño viaje) foi censurada durante seis anos polo réxime franquista. Sen poder clasificarse en ningún xénero concreto, mais con gran carga de intriga e comedia, o filme resulta nunha historia de carácter costumbrista, con virtuosidade nas cámaras, e feita cun presuposto irrisorio.

A película creouse a partir dunha idea orixinal de Luis García Berlanga, e retrata a vida humilde que se vivía no rural castellano a través dunha historia de noivados y asasinatos con resultados do máis disparatados.

2.

A Laranxa Mecánica

Stanley Kubrick

Mar 27 – 00:00 Teatro Principal

Unha das películas máis famosas da historia, A Laranxa Mecánica foi a segunda película da época máis experimental de Stanley Kubrick, soamente tres anos despois da súa magnífica 2001: Unha Odisea do Espazo. A película foi nomeada a catro Oscars: mellor filme, mellor director, mellor guión adaptado e mellor montaxe. Como non, Kubrick non gañou, nin nesta nin nas outras veces que estivo nomeado, o galardón.

A Laranxa Mecánica sitúase entre o drama e a sátira, creando unha das distopías máis violentas, incómodas e vangardísticas da historia. O filme cóntanos a historia de Alex DeLarge, un rapaz obsesionado ca ultraviolencia. Tras cometer varios actos violentos, rematará encarcerado e sendo sometido a unha teoría conductual que tentará anular todas as súas conductas que saen do normal na sociedade na que vive.

3.

Enter The Void

Gaspar Noé

Sáb 24 – 20:00h Multicines Compostela (Sala 2)

Gaspar Noé está en boca de todos estes días pola recente estrea de Climax. É sen dúbida un dos directores máis polémicos e interesantes do momento, con moito que contar mais de maneiras moi arriscadas e violentas en todas os seus filmes. Ao falar de Enter The Void, o director cualifícaa de “melodrama psicolóxico”, e podería situarse entre un delirio ou unha xenialidade.

No filme veremos planos elaborados cunha imaxinación e mestría, actores profesionais e amateurs, unha fotografía de escándalo, cunha Tokio iluminada como nunca, e unha historia que envolve drogas, disparos, violencia e experiencias extracorporais. Todo contado nunha primeira persoa máis literal que nunca.

4.

A última tentación de Cristo

Martin Scorsese

Mér 21 – 19:15h Sala Agustín Magán (CC. Santa Marta)

Este filme dirixido nada máis e nada menos que por Martin Scorsese conta cun reparto de luxo, protagonizado por Willem Dafoe e Harvey Keytel e coa aparición de secundarios da talla de Harry Dean Stanton e meso David Bowie. A película pon a súa ollada na cara máis humana de Jesús, que decide atender a constante chamada de Deus, pero cando está a piques de completar a súa misión debe facer fronte á maior das tentacións e realizar un gran sacrificio para salvar á humanidade.

A película, rodada en Marrocos, foi prohibida en países como Chile e sufriu diferentes censuras. En agosto do 1988, coa saída do filme en Estados Unidos, diferentes protestas católicas tentaron boicotear a saída da película. Con todo, as maiores desgracias sucederon en París, onde o cine de Saint Michel foi incendiado causando varios feridos.

5.

Funeral Parade of Roses

Toshio Matsumoto

Dom 11 – 22:00h Multicines Compostela (Sala 2)

Neste Cineuropa hai varios directores que son esenciais en calquera lista dos mellores directores experimentais da historia de Xapón, como por exemplo Shuji Terayama o director deste filme, Toshio Matsumoto.

A película é pura psicodelia surrealista, e sen ela non existiría outro dos filmes desta lista: A Laranxa Mecánica. Definible como falso documental experimental, veremos retratados a varios transexuais residentes en Tokio nos anos sesenta.

6.

Viridiana

Juan Luis Buñuel

Xov 15 – 16:15h Museo das Peregrinacións

Esta irreverente película dirxida por Juan Luis Buñuel é sen lugar a dúbidas un dos mellores filmes da historia do cine do Estado español. Don Jaime, un vello fidalgo español, vive retirado e solitario na súa facenda desde a morte da súa esposa, ocorrida o mesmo día da voda. Un día recibe a visita da súa sobriña Viridiana, novicia nun convento, que garda unha asombrosa semellanza coa súa muller.

Viridiana tamén foi vítima da censura franquista, e o final tivo que sufrir cambios para calar os reproches. Con todo, o final de Buñuel resultou ser aínda máis suxerente e arrebatador que a idea orixinal, cunha carga irónica moito maior. O réxime franquista tentou librarse do filme e ordenou a súa destrución, mais ao desaparecer a ditadura a película foi proxectada no Estado español.

7.

Crash

David Cronenberg

Mér 28 – 20:15h Multicines Compostela (Sala 2)

Antes de nada: Non, non é a famosa Crash de Paul Haggis, a gañadora do Oscar. Esta Crash é unha das xoias da coroa de David Cronenberg, data de 1996 e aínda hai críticos e fans tirándose dos pelos por se é ou non unha xenialidade. Con todo, ninguén lle quitará nunca a Palma de Ouro que se levou por ela en Cannes.

Crash está entre o erotismo, a violencia, a repugnancia e a desesperanza. Todo comeza cun accidente de coche que provoca unha estraña atracción entre os protagonistas do filme. A partir de aí, e dos sentimentos provocados pola situación, o protagonista tentará buscar os seus propios límites.

8.

De súbito, o último verán

Joseph L. Mankiewicz

Mar 27 – 17:45h Sala Agustín Magán (CC. Santa Marta)

Dirixida por Joseph L. Mankiewicz e protagonizada por Elizabeth Taylor, Montgomery Clift e Katharine Hepburn. Na película incorréronse en longas xornadas de traballo na que actores explotados remataban moi cansos, e que remataron con Katharine Hepburn cuspindo ao director na súa cara.

Na Nova Orleans de 1937, unha rica viúva, a señora Venable, ofrece ao doutor Cukrowicz os fondos para crear un hospital a condición de que practique unha lobotomía á súa sobriña Catherine. A señora Venable atópase perturbada pola recente morte en Europa do seu fillo Sebastian, con quen adoitaba viaxar todos os veráns, salvo o último, no que Sebastian preferiu levar como acompañante a súa curmá Catherine.

9.

Saló, ou os 120 días de sodoma

Pier paolo Pasolini

Mér 14 – 17:15h Sala Agustín Magán (CC. Santa Marta)

A lista de censuras e prohibicións de Saló é bastante extensa, e é que o filme conta con demasiadas escenas que poden considerarse excesivas. Foi a última filme de Pier Paolo Pasolini, e poucas filmes utilizan unha linguaxe tan provocante e á vez resultan tan duras e irreverentes

Pasolini divide a obra nos catro segmentos da Divina Comedia, e catro déspotas servirán como fío condutor de críticas á corrupción, o fascismo, a loita de clases ou a sexualidade. Todo dende unha perspectiva agresiva e nauseabunda, mais que marca para sempre.

Previa a proxeción da filme, no mesmo lugar ás 16:00, poderá verse o documental Pasolini prossimo nostro, de 2006, dirixida por Giuseppe Bertolucci.

10.

A casa é negra

Forugh Farrokhzad

Lun 19 – 17:00h Sede Afundación

Forugh Farrokhzad deixou con A casa é negra (The House is Black) unha desas filmes curtas que merece moito a pena ver. Dura só vinte minutos, mais é capaz de deixar pegada dentro de nós para moito máis.

De maneira pausada, sutil e dura, mais á vez moi poética, Farrokhzad logra un documental dedicado á vida, mostrado cunha beleza fantástica e conmovedora.

Antes de poder vela, na Afundación proxectarase Os misterios do organismo, dirixida por Dusan Makavejev.

11.

O crimen de Cuenca

Pilar Miló

Xov 8 – 16:00h Teatro Principal

No ano 1913 José María Grimaldos López, pastor da oficina, é asasinado. Gregorio Valero Contreras e León Sánchez Gascón, amigos e veciños de Osa da Veiga, son acusados do seu asasinato polos habitantes do pobo, e ata a esposa de Gregorio recolle evidencias contra eles. Tras ser sometidos a torturas, os dous homes confesan o crime. Son procesados en 1918 na Audiencia Provincial de Cuenca que, logo de modificar a solicitude de pena de morte, condenounos a case vinte anos no cárcere.

A película mostra duras torturas por parte da Garda Civil contra individuos con fama de ser anarquistas e sen falla de probas reais. Ante os feitos narrados, o goberno de UCD, con Ricardo de la Cierva como ministro de Cultura, puxo o filme a disposición militar, retrasando o seu estreo ano e medio. Foi a primeira película censurada despois da Transición.

12.

As Margaridas

Vera Chytilová

Mar 27 – 20:15h Sala Agustín Magán (CC. Santa Marta)

Este filme atrevido e provocador de Vera Chytilová rompe con todo tipo de convencións narrativas e sorprende pola súa actitude punkie e espírito feminista nunha obra estreada en 1966.

Dúas mozas conclúen que se neste mundo todo está mal, elas tamén se corromperán. A partires deste momento comezan a sucederse unha serie de esceas sen conexión nas que as dúas protagonistas xogan a seren perversas coa súa entorna, case como se se trase dun irreverente collage visual.

13.

O encargo do cazador

Joaquím Jordà

Ven 23 – 19:15h Multicines Compostela (Sala 2)

No documental aparecen directores como Ricardo Bofill, Luis García Berlanga ou Pere Portabella para axudar na reconstrucción. Supón un distanciamento co cine militante que Joaquím Jordà, director de documentais como Lenin vivo (1970).

Trátase dunha reconstrución da vida e da obra de Jacinto Esteva, controvertido arquitecto, pintor e aventureiro, a través das lembranzas da súa filla e amigos preto da súa última etapa vital. As súas palabras permiten tamén observar unha visión panorámica da Barcelona dos anos sesenta.

Producida por TVE, contou con grandes problemas de distribución e nunca chegou a programarse a súa exhibición na televisión. Con todo, contou con premios en diversos festivais.

14.

Furtivos

José Luis Borau

Mar 20 – 20:30h Sala Agustín Magán (CC. Santa Marta)

Ángel é un cazador furtivo que vive nun bosque coa súa nai, unha muller tiránica e violenta. Nun das súas escasas viaxes á cidade, coñece a Milagros, unha moza que fuxiu dun reformatorio e que está relacionada cun delincuente chamado El Cuqui. Ángel decide protexela e levala á súa casa, pero a animosidade da súa nai cara a moza, así como a atracción que Anxo sente por ela desembocarán nun drama cheo de tensión.

Furtivos aparece cando a censura no Estado español estaba chegando ao seu fin. Con todo, o reflexo da realidade española que concreta José Luis Borau fixo que as autoridades fascistas desestimaran o filme para os festivais de Cannes e Berlín, mais non evitando o seu éxito en San Sebastián, onde levou a Concha de Ouro á mellor película.

15.

Cleopatra

Cecil B. DeMille

Dom 18 – 16:00h Sala Agustín Magán (CC. Santa Marta)

No ano 48 a.C., Cleopatra dá a benvida a Xulio César. A chegada do mandatario romano mellorará a súa posición, á vez que a de César. Cando este morre, Cleopatra sentirase atraída por Marco Antonio. O seu romance será unha fonte inesgotable de problemas.

Este filme de 1934 dirixido por Cecil B. DeMille, estreouse pouco despois de que o Código Hays entrara en vigor nos Estados Unidos, censurando esceas de pasión ou espidos no cine, así que DeMille tivo que usar máis enxeño que en producións anteriores á hora de tratar estas cuestións. Axiña que como comezamos, podemos ver a unha muller espida estratexicamente escondida detrás dun queimador de incienso.