por | Nov 6, 2018

‘Tres obras teatrais’: reescritas contemporáneas para mitos inmorredoiros

O nome de Andrés Pociña (Lugo, 1947), seguramente descoñecido para a meirande parte do gran público, resulta máis que familiar para calquera investigadora das linguas e literaturas clásicas. Catedrático de filoloxía latina na Universidade de Granada até a súa xubilación hai pouco máis dun ano, seus son algúns dos mellores e máis sisudos traballos sobre a antiquísima tradición do teatro grecolatino e a súa pegada nas literaturas occidentais posteriores, dedicando unha especial atención ao caso da dramaturxia peninsular, na que a galega ocupa un lugar preeminente. Este afán investigador e a súa innata paixón polo mundo clásico levárono a profundar na súa historia, personaxes e mitos achegando o seu propio punto de vista, esta vez dende unha posición creadora.

Tres obras teatrais compendia ese esforzo por insuflar unha nova vida á tradición clásica cunha perspectiva diferente e afastada do descritivo. Nesta edición da súa particular triloxía dramática (que en rigor non é tal) atopamos por fin na lingua na que foron escritas as súas pezas Medea en Camariñas, Unha tardiña en Mitilene e Antígona ante os xuíces. É cando menos rechamante que sendo o galego o idioma escollido polo autor para dar forma aos seus textos, estes fosen primeiramente publicados e/ou representados en castelán, portugués e mesmo italiano antes de veren a luz na súa forma orixinal da man da editora Laiovento (que xa publicara a súa obra narrativa Nas transparencias do miño). Mais agora por fin chegan a nós na nosa lingua, algunhas como Medea en Camariñas tras máis dunha década.

O mundo grecolatino, omnipresente na faceta investigadora de Pociña, esténdese ao eido literario, que, como adiantamos, xa non lle era alleo (cómpre destacar tamén a súa achega á lírica galega con obras como Versos a Aurora ou Apócrifo de Fiz matinado en soños). Pero, como gran coñecedor do drama antigo, o seu cultivo do teatro, no que os temas e motivos do teatro grego exercen unha enorme (e obvia) influencia, sobresae por encima de calquera outra contribución.

A primeira das obras escolmadas nesta edición, Medea en Camariñas, regresa á célebre historia de Medea e Xasón (que xa Eurípides inmortalizara na Atenas clásica na súa Medea) co firme obxectivo de baixar o mito do seu pedestal e humanizar aínda máis se cabe aos seus heroes e as súas heroínas protagonistas. Unha Medea avellentada, farrapenta e exiliada, que nada ten que ver coa princesa feiticeira namorada de Xasón (ao que axuda na consecución dos seus logros á fronte da expedición dos Argonautas), recala na vila de Camariñas e nun longo monólogo refírelles ás xentes do lugar as penosas circunstancias da súa vida trala traizón inferida polo seu amado, xustificando a consumación do seu plan de vinganza ao dar morte aos seus propios fillos. A grandeza destes personaxes lendarios derrúbase e as súas xestas quedan reducidas a simples mágoas da vida cotiá.

Unha tardiña en Mitilene retrotráenos a un tempo histórico case elevado á categoría de mito. A trama ten lugar na escola da poeta Safo de Lesbos, icona incontestable da lírica grega arcaica e unha das poucas voces femininas que se nos conservan do vasto caudal literario antigo. Safo e o seu grupo de discípulas mozas partillan reflexións, sentimentos, crenzas e opinións nun espazo seguro e acoutado, unha conversa dun tempo e un lugar moi distantes para nós pero que apenas perde actualidade.

A última das tres obras publicadas nesta edición de Laiovento, Antígona ante os xuíces, retoma o mito da filla de Edipo coa mirada posta en Sófocles (autor da soberbia Antígona) mais tamén en autoras como María Zambrano ou Elsa Morante, que tamén achegaron á historia literaria a súa particular visión da heroína tráxica. Nesta ocasión, Antígona enfronta as súas ofensas ás leis humanas ao tratar de darlle un enterro digno ao cadáver insepulto do seu irmán Polinices co estrito e severo criterio dun tribunal e de todo o pobo de Tebas, ocasión que lle serve á heroína para afondar nas desgrazas que asoballan á súa estirpe dende hai xeracións e como afectaron a toda a súa familia.

Podería dicirse que a obra de Pociña conxuga erudición e devoción. Rende a súa particular homenaxe a un mundo clásico inspirador e portador de toda unha tradición mitolóxica e literaria, mais esta reverencia non impide a súa renovación formal e argumental, chegando a crear mitemas completamente novos inseridos en estruturas dramáticas antano inéditas para este tipo de historias. A ollada feminina cobra un gran protagonismo e as mulleres de Pociña, xa sexan heroínas como Medea e Antígona ou ilustradas poetas coma Safo, son valentes, fortes e decididas, donas do seu propio discurso dramático, amosando tamén outras facetas para tan coñecidos e (re)interpretados personaxes.

A escolma de textos teatrais de Andrés Pociña conta ademáis cun breve limiar a cargo de María Teresa Amado, docente e investigadora da lingua grega clásica e a súa literatura na Universidade de Santiago de Compostela. Amado compón un estudo introdutorio conciso pero moi axustado, unha guía perfecta para coñecer os antecedentes do mito e as fontes manexadas que enriquece a lectura das obras de Pociña, obras que dende xa son de consulta imprescindible para entender a dimensión dun fenómeno que comprende outras pezas e outros autores da literatura dramática galega contemporánea dende a segunda metade do século XX até os nosos días: a reescrita e reelaboración dos mitos e dos clásicos grecolatinos en galego.

Tres obras teatrais

 

Autor: Andrés Pociña
País: Galicia
Ano: 2018
Editorial: Laiovento

 

Tres obras teatrais

 

Autor: Andrés Pociña
País: Galicia
Ano: 2018
Editorial: Laiovento