Mielitza – Unha Illa

DATA DE LANZAMENTO: 14/09/2018
DISCOGRÁFICA: Lucecú

Mielitza – Unha Illa

DATA DE LANZAMENTO: 14/09/2018
DISCOGRÁFICA: Lucecú

por | Nov 5, 2018

Mielitza

Ás veces, algúns discos teñen a habilidade de transportarnos mentalmente a un lugar, unha situación, ou un tempo sinalados, máis alá dos sentimentos que as súas cancións poidan transmitir. No caso de Mielitza, incluso a portada e o nome do álbum son escollas excelentes para provocar esta sensación. Transportámonos a unha illa inhóspita, e alí sentados veremos como os elementos guían a nosa viaxe.

O debut de Mielitza chegou con moito esforzo por parte de Carla López, quen leva o temón nesta aventura. Xunto a ela estaban Bruno Couceiro (batería), Pablo Sanmamed (baixo) e Iago Mouriño (teclados). En maio de 2017 lanzaban un Verkami para que o seu primeiro traballo de estudo saíse adiante, mais 40 días despois non chegaron aos obxectivos.

Con todo, á hora de anunciar que non se conseguira financiar o debut, as sensacións non eran en absoluto negativas. Mielitza agradecían os apoios, e afirmaban que, tarde ou cedo, Unha Illa sairía adiante. Aínda sen álbum, o proxecto de Carla López estaría, naquel 2017, en festivais coma o Festival Noroeste e dando concertos por todo o país. Chegados a xaneiro, entraron ao estudo.

O resultado é prometedor. Mielitza conseguen que a instrumentación non só acompañe á voz de Carla López, senón que nos materializan nunha vida paralela a través das súas notas. Vivimos días soleados, choivas, nubes e tormentas aparezan nas nosas mentes, coma se estiveramos noutro lugar ao escoitalos.

O comezo do álbum, con Coordenadas, permítenos pórnos en situación. A canción comeza queda, e os instrumentos vanse unindo pouco a pouco á historia, ata estallar no retrouso. Mais non se trata dun comezo bruto, senón relaxado. Na letra, se ben existe un guión definido, fálannos de estrelas, a lúa, montañas, pedras, ríos e mar, permitíndonos imaxinar a illa e os seus accidentes xeográficos.

Nas seguintes cancións iremos sufrindo nas nosas carnes os diferentes cambios climáticos do noso novo fogar. Nalgúns momentos, letra e música inspirarannos situacións de calma, e noutras ocasións directamente estaremos no ollo dun furacán. Ás veces, o simple devir da canción inclinará a balanza cara un ou outro estadio.

Un exemplo disto o atoparíamos en Xa, que despois de dúas cancións de estrutura similar, iranos achegando a unha tormenta a medida que nos acercamos ao final do tema. Deste temporal sairemos entre claros de luz na seguinte canción, Frío, onde un ritmo máis pausado, pero cun retrouso detalladamente máis movido, iremos vendo chegar a luz.

O fío condutor de todas estas sensacións e imaxes serán os teclados, camaleónicos mais claramente marcadores do toque sentimental que o álbum tenta crear. De feito, será chave para calmar as nosas mentes tras os desequilibrios que vimos en todo o álbum ao chegar ás dúas últimas cancións, nas que as tormentas xa semellarán cousa do pasado. Cada tecla pulsada semellará un raio de sol aparecendo trala tempestade.

O álbum, a maioría do tempo, non chega a poder considerarse atrevido. O resultado final é un traballo bastante comedido, onde os momentos nos que a música parece estar evocando ás tormentas e aos torrentes non resultan agresivos, senón contidos. A voz de Carla López, se ben sen lugar a dúbidas está dotada de gran beleza, peca do mesmo. Non existen momentos de verdadeira loucura, onde a tensión dos instrumentos sexa capaz de destruír, senón que se queda sempre nunha limpeza sucia propia do son coidado e melódico do traballo.

Unha Illa é un álbum debut de categoría, capaz de transmitir sentimentos e evocar o clima a través das súas notas. Sen definirse como un traballo conceptual, sen dúbida algunha é un álbum no que a estrutura propia destes está respectada, e as escoitas poden sucederse sen chegar a cansar facilmente. Con todo, existen momentos deste que deberían estar dotados dunha maior intensidade, e a experiencia non remata de ser de todo completa.