por | Nov 5, 2018

Mercedes Peón, Xabier P. DoCampo e Álvaro Gago destacan nos Premios da Crítica Galicia

Baixo o lema “ESPIGAR”, trescentas corenta persoas representativas de ámbitos políticos, sociais e culturais do país asistiron á entrega de premios

O pasado sábado 3 de novembro sóubose o ditame da cuadraxésima primeira edición dos Premios da Crítica de Galicia. Baixo o lema “ESPIGAR”, trescentas corenta persoas representativas de ámbitos políticos, sociais e culturais do país asistiron a dita entrega de premios.

Entre os premios entregados, están o Premio de Investigación para José Luis Mascareñas debido á súa traxectoria investigadora no ámbito da Química; o Premio de Iniciativas Culturais e Científicas para Ana Romaní, directora do Diario Cultural da Radio Galega, pola súa labor a prol da visibilidade, promoción e difusión da cultura galega; o Premio de Artes Plásticas a Javier Alonso de la Peña; o Premio de Artes Escénicas á Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas; ou o Premio de Cultura Gastronómica a Boaga.

Ademais distos, Álvaro Gago recibiu o Premio de Cine e Artes Audiovisuais pola súa labor á dirección de Matria. O xurado salientou que, se ben todas eran propostas de calidade, «Matria representa o mellor do noso cinema», salientando o risco narrativo ao fusionar ficción e documental.

O Premio de Creación Literaria foi para Xabier P. DoCampo, a quen decidiron premiar pola súa obra A nena do abrigo de astracán, publicado por Xerais. Segundo o xurado, «a obra culmina unha traxectoria creativa, recollendo o corolario dunha serie de aprendizaxes que aquí se espellan», convertendo á obra «na mellor novela do ano».

Por outra banda, o Premio da Música foi para Mercedes Peón, que competiu contra Cantos na Maré, Xabier Díaz e Sés polo premio. Mercedes Peón recibe este premio tras uns meses despois do seu último traballo, Deixaas.