por | Nov 5, 2018

FIOT 2018: ‘Iphigenia en Vallecas’ lévase o premio do público

A vixésimo sétima edición do FIOT de Carballo serviu como confirmación de que o evento xa está máis que consolidado, e posiciónase coma o maior festival de teatro de Galicia. Este ano, pasaron polo FIOT 41 espectáculos, cun total de 61 funcións. Ademais, realizouse un centenar de actividades complementarias.

O obxectivo que se puxo a organización cara este ano foi atraer aos máis novos, aqueles que naceron co cambio de século e agora están na maioría de idade, a celebrar o FIOT de Carballo. Segundo o festival, constatouse un incremento da presenza de espectadores novos en moitas funcións.

Das obras presentadas, a que máis gustou ao público foi Iphigenia en Vallecas, obra de Serena Producciones protagonizada por María Hervás. Resultou escollida como ganadora do Premio do Público da edición cunha puntuación de 4.58 sobre 5.

O segundo posto do premio foi para Freda, protagonizada por Lolita Flores. A obra, unha das máis esperadas, esgotou entradas ás dúas horas de poñerse á venda. En terceiro lugar acabou o espectáculo Pss Pss, da compañía suiza Baccalá.