Entrevista a Death Whistle: Falando de electrónica pra cine e pra baile, de antes e de agora, pra todos ou pra uns poucos.

por | Nov 5, 2018

fotografías cedidas por Workonsunday

No pasado WOS Festival estivo de visita Víctor García, co seu -mais ou menos- recente exquisito proxecto: Death Whistle. Víctor García é compositor e “deseñador sonoro” galego, e cuxa traxectoria artística tocou diferentes estéticas, estados e formas de facer a música, e foi mudando ao longo dos anos.

Tiven o pracer de facerlle unhas preguntas e falar con el do seu traballo con este proxecto tan contundente e persoal, do seu traballo nas bandas sonoras de filmes, da electrónica para un filme ou para unha pista de baile, do que é para el o cinema e como se conecta con Death Whistle, da música electrónica antes ou agora e da atemporalidade, da espontaneidade ou control. Pasóuseme voando.

Que é Death Whistle?

Death Whistle é un proxecto que xurdiu o ano pasado, non ten nin un ano de vida, e basicamente é unha evolución da música que eu facía para cine trasladada ao escenario. Estreeina no Fanzine Fest o pasado decembro, e como é un festival orientado ao baile, probei a experimentar determinados tipos de son para o que é a escena de club, e así xurdiu Death Whistle.

Pero a influencia ven de antes, sobre todo na música de cine, que é música moi ambiental, tirando un pouco a escura pero tamén un pouco melancólica e como moi pulcra. Foi a evolución natural dese tipo de traballos que facía para cine, trasladados á escena de clube e á pista de baile

Ou sexa, que antes tiñas outros proxectos que transcendían do baile, non? Que eran máis para cine, máis ambiental. E, agora, Death Whistle está máis orientado ao clube.

Si, este proxecto está orientado ao clube, pero tamén é unha música que se pode escoitar, non é so tan bailable. Si que foi esa evolución. Mas eu antes xa estaba nun grupo de post-punk e incluso cando estudaba aquí en Santiago tiña coa miña compañeira de piso un proxecto de pop electrónico que se chamaba Verano en Lisboa.

Logo, cando fun vivir á Coruña, montamos un grupo que se chamaba Mano de Obra, e iso mesturado co tema da música para curtametraxes -porque por exemplo o batería de Mano de Obra é Alberto Vázquez, o director de “Psiconautas”, de “Sangre de Unicornio”, de “Decorado”, e que tamén é o director co que traballo- así que digamos que son proxectos que están todos enlazados.

Ao final como músico a música que fas é o que che sae de dentro pero tamén dalgunha maneira de forma natural ao teu bagaxe, sen ningún tipo de aspiración a facer cousas que non sabes. Simplemente unha cousa natural do que fun facendo ao que é agora Death Whistle.

Con este proxecto, durante o proceso creativo das cancións, que é o que buscas transmitir?

O que busco máis que nada é unha sensación. Despois que sexa bailable ou non iso xa depende da persoa. Hai xente á que lle pode parecer moi bailable e hai xente que non. Mais o que busco é máis unha sensación fora do que son estruturas ou o que é unha estrutura clásica do que é unha canción. Máis ben pretendo unha sensación. Como vai evolucionando o directo a partes máis ambientais ou partes máis contundentes. Mais sempre buscando máis que melodías unha cuestión máis emocional.

Refíreste aos patróns que teñen en común entre diferentes proxectos a música electrónica?

Si, a ver. Por exemplo, pódese falar de influencias, porque a min gústame o electro, o ambient, e ao final si que se ven ese tipo de referencias. Mais ao final o que fai cada artista sempre é persoal e por iso sempre pode haber moita xente que faga música, pero cada un fai o que pode e o que mellor lle sae independentemente da música que escoite.

Porque unha cousa tamén son as ferramentas coas que traballas. Eu por exemplo traballo cun sintetizador modular, e dalgunha maneira o son tamén ven determinado polo tipo de sintetizadores e o tipo de ferramentas que uses para traballar.

Pero o que é na música electrónica todo o que está concibido como estruturas ou como formas de traballar é algo tan libre e persoal que é moi difícil de catalogar moitas veces. Xa non co meu proxecto, se non con moita outra xente. Mesmo aquí no WOS hai moita variedade de cousas moi experimentais, outras máis accesibles, pero sempre cun punto de vista moi persoal do que é a música en xeral.

Lin que as túas visuais son de cine experimental. Como Hans Ritcher, Takeshi Murata e Marcel Duchamp. De que maneira iso inflúe na túa música? Que che proporciona, ou como vai conectado?

Máis ben é o revés. Digamos que a música, para escoller as visuais, si que tiña claro que gostaba de utilizar cine dos anos 20 ou dos anos 30 -o cal é prexudicial porque as calidades dos arquivos non son as que desexarías- pero foi máis ben un proceso contrario.

A partir da música que facía evocábame unha sensación que nese tipo de cine experimental daquela época penso que encaixa moi ben, e dálle un contexto narrativo ao que é o directo. E digamos que, a maior parte é en branco e negro e teñen unha intención en canto á música que é un pouco gris pero digamos que van collidas da man. Pero o primeiro que fixen foi a música, o das visuais veu despois. Adaptei as visuais que escollín en base á música que facía.

Fálame do teu proceso de gravación.

Eu no estudio o que fago basicamente é experimentar. O sintetizador modular permíteche facer moitas cousas. No momento en que hai algo que te chama a atención si que podes exploralo máis, desenvolvelo. Pero a función como músico electrónico neste proxecto xurde sobre todo de experimentación no estudio, e con este tipo de sintetizadores.

Logo, xa unha vez que pretendes levalo ao directo, un sintetizador modular case é infinito o que podes facer con el, polo que intento acortar un pouco por unha cuestión práctica, porque non me dan as maos, do que podería facer ao que podo facer en directo.

Tampouco me gusta levar cousas gravadas e intento aproveitar, acortar o sintetizador para o que quero, e sobre todo para este proxecto, porque por exemplo para a música para cine tamén utilizo este tipo de sintetizadores, mas doutra maneira. Porque si que podo gravar, traballar doutro xeito. Aquí é un pouco intentar facer todo en directo e que o sintetizador teña a súa expresividade no directo tamén.

 

No proceso creativo, ademais da música que che influencia, e o cine, que outras cousas che influencian?

Pois, é que sobre todo cine, a verdade. Case se podería dicir que consumo máis cine que música. Si que consumo música pero sobre todo o que máis me inflúe é o cine. Por unha cuestión, primeiro, narrativa e por unha cuestión de que engloba moitos tipos de arte: fotografía, música… Para min é como un arte máximo en canto a poder expresar moitas cousas.

Consumo moito tipo de cine, o experimental gústame, pero tamén hai moitos outros directores que me gustan que non fan precisamente cine experimental, pero si me gusta como tratan o son nas súas películas. É un mundo moi particular que engloba moitas cousas.

Logo, tamén, eu vivo en Viveiro, que é un pobo mariñeiro e o contacto coa natureza é algo que sorpréndeche e pódeche influír dalgunha maneira. Digamos que o teu entorno, a túa vida, o que te rodea… Supoño que ese tipo de cousas tamén inflúen, non sei a que nivel, pero si que entendo que tamén inflúe vivir nun pobo costeiro, na natureza, afastado de todo, de todo tipo de escena, tamén.

Con quen che gustaría colaborar, tanto musical como artisticamente? Tendo en conta que xa fixeches bandas sonoras para filmes.

Estou aberto a colaborar con calquera persoa coa que conecte. Porque ao final podes dicir quero colaborar con Autechre, ou con Oneohtrix Point Never, ou outros grupos que me encantan, é un pouco irreal.

Ao final as colaboracións xorden e maneira natural e seguramente con xente que coincides en gustos, como proxectas determinadas cousas ou determinadas visións artísticas que poidas ter, e se se da a oportunidade claro que estou aberto a poder colaborar con xente.

Pero, ao final, gustaríame máis colaborar con xente próxima coa que teño cousas en común. Que ao final é o que estou facendo. Por exemplo con Alberto Vázquez, o director destas películas que mencionei antes (“Psiconautas”, “Sangre de Unicornio”, “Decorado”), que é amigo meu desde que temos 15 anos.

Agora estou traballando noutro corto que é de Krhis Cembe, que tamén é un galego que está en Barcelona, que tamén somos amigos, e xurdiu isto de maneira máis espontánea. Mais si, gustaríame colaborar con xente que vaia aparecendo no camiño.

Que opinas do panorama electrónico que está emerxendo en Galicia?

Penso que se fan cousas moi interesantes. Hai xente que duns anos para agora fan cousas interesantes. Sobre todo no tema de festivais que apoian á xente que fai cousas na Galiza. Por exemplo no Fanzine Fest, están Roi e Pablo -que son a xente que o leva-, e coincidín con eles como todos os anos no LEV,  e dixéronme de montar algo. Eu monteino, fixen isto.

Sen preguntarme o que ía facer déronme un voto de confianza para montar un directo con este proxecto, que como che dicía antes ten so 6 ou 8 meses. Sen preguntar, eles apoiaron esta proposta, e mira, agora estou no WOS, que para min é unha pasada, é un festival moi arriscado tamén, que tamén aposta por este tipo de propostas locais, de xente de Galicia.

Aparte do alcance internacional que ten, ao igual que o Fanzine Fest. Quero dicir, que ademais de poder facer cousas que non son só para o mainstream, tamén apoiar ao artista local, darlle unha oportunidade, que é o que me está pasando a min.

Non sei se será o octavo concerto que dou con este proxecto, pero isto comezou no Fanzine Fest, fai oito meses, que é un festival que eu considero importante en Galiza, e estase facendo este tipo de cousas. Hai outros sitios que son máis alternativos como A Nave, na Coruña, que tamén fan cousas moi interesantes e apoiaron sempre este tipo de propostas. Con outro grupo xa toquei alí e en breve probablemente vaia con este proxecto.

Pero ao final a visión que eu poida ter está un pouco limitada ao que un coñece, non?. Eu non podo saber o que está facendo un chaval de 15 anos, que probablemente sexa unha pasada, se non o mostra. Por iso é importante que haxa festivais deste tipo que axuden a esta xente para que o mostre.

Como afrontas ti o directo con este proxecto?

Como levo un sintetizador modular cheo de cables, intento que non se me descontrole, basicamente. Si que está cerrado, no sentido de que, como directo que é, teño cerrado o que son a orde das cancións. Pero si que dentro do que son determinadas partes das cancións, podo improvisar un pouco.

Cando traballas con instrumentos electrónicos, case estás máis pendente moitas veces de que non faga cousas que non queres que faga, que de que faga o que queres que faga. Porque o que queres xa sabes como o tes que facer. Pero que se vaia un pouco do que ten que facer tamén pode pasar.

Mais bo, ao final son erros que en directo poden pasar, e pasan, e intento controlar que non pasen, mas ninguén está exento diso nunca. E basicamente é iso, unha secuencia de cancións que si que teño máis ou menos ordenada pero que dentro do que son o nu das cancións si que podo improvisar un pouco.

Ou sexa, que máis ou menos tes bastante control do que fas. Porque por exemplo, estiven falando con RRUCCULLA e ela improvisa bastante. A ti véxote máis “control”.

Neste directo que estou facendo si que teño máis control. Porque como está orientado á pista de baile si que hai cousas que teñen que entrar cando teñen que saír. Fai pouco no Electr•o•Pura  preparei un directo máis experimental e aí si que foi un pouco “o que saíra” e tiña menos control. Pero iso vai tamén segundo a ocasión. Segundo a ocasión o requira, pódese ter máis ou menos liberdade facendo o directo.

Ao final, o festival no que participes condiciónate o directo. Non?

Si, de feito fago cousas diferentes aínda que teñan un 10% de similitude, pero entendo tamén que non é o mesmo facer un directo nun teatro que facelo nunha sala chea de xente, e facelo á unha da mañá que as nove da noite. Entón aí si que me adapto. Pero sobre todo segundo a proposta e segundo o entorno onde vaia facer a actuación. Pero iso é algo que xa sei de antemán. Xa o levo preparado segundo o entorno do festival ao que está orientado no que vaia facer a actuación.

En que sentido pensas ti que a música electrónica está mudando a forma de facer música e a maneira de escoitala?

Eu penso que a música electrónica leva con nos xa moito tempo e hai grupos xa dos anos 70 que facían música experimental que foron precursores de moitas cousas. Como un grupo que se chama This Heat, que a min encántame e que me parece unha cousa incrible porque a finais dos 70 facían unha cousa totalmente vangardista e totalmente escoitable hoxe en día.

Non é tanto o tipo de música senón… A ver, é unha etiqueta un pouco xeral, mas, o tema do underground e o tema de propostas fora do condicionamento, iso e algo que fíxose desde fai moitos anos. Faise agora, seguirase facendo. E ao final é un pouco a liña que, a min, gústame escoitar. Por iso non creo que haxa unha evolución tanto no que é na música electrónica.

Si na música electrónica das masas. Mais na música underground penso que é un aspecto moito máis atemporal. A min interésame moito porque podo escoitar cousas de fai trinta anos que me sonan a agora, e agora e escoitar cousas que me sonan a fai corenta anos e ser igual de boas.

Entendo que é máis un tema de como se aproxima unha música ao que é o entorno desa música que estás escoitando. Se é algo moito máis underground ou máis mainstream, que aínda así pode haber cousas interesantes, pero digamos que pasan cos anos e moitas veces nin volven.

Como por exemplo… Ao mellor métome nun lío, pero como eu penso que está pasando co trap, non?. Eu penso que o hip hop é unha música incríbel e evoluciona a moitas cousas. O trap está petando moito, o reggaeton está petando moito en diferentes ambientes, pero sinceramente non creo que dentro de dez anos sexa iso. Será outra cousa, unha evolución diso, pero non creo que sexa iso mesmo. Sen embargo hai músicas que si que son totalmente atemporais e que da igual que se se fagan dentro de fai corenta, cincuenta, ou dentro de cen anos.