por | Nov 5, 2018

Cineuropa 32: 10 películas imprescindibles

Dende Balea Cultural consideramos que estes son os dez filmes que ninguén se debería perder
Como cada ano, en Compostela, dende hai xa varias décadas, co mes de novembro chega Cineuropa, o festival de cinema non competitivo organizado polo concello, sen dúbida unha das citas cinematográficas máis destacadas do ano en Galicia. Este ano celébrase a 32 edición do Cineuropa, na que se proxectarán ata 300 filmes diferentes.

Ante unha selección tan ampla é habitual sentirse algo abrumado ollando as follas do programa do festival, e se ben sempre haberá algunha película por ahí da cal xa coñeciamos o nome, ou foron realizadas por algúns dos nosos directores favoritos, a maioría sempre son grandes descoñecidas.

En certa maneira, sumerxirse no programa de Cineuropa é outro ritual máis dos que fai este festival tan especial, mais se non tes tempo para botar unha ollada a sinopse destes 300 filmes, dende Balea Cultural consideramos que estas son as dez películas que ninguén se debería perder.

 

1.

Sunset

László Nemes

Mar 20 – 19:45h TP |Mér 21 – 22:30h TP | Ven 23 19:45h ST

O director húngaro László Nemes namorara a crítica internacional hai tres anos co seu filme O fillo de Saúl, galardoado cun Óscar a mellor película de fala estranxeira.

Neste novo filme atoparemos un drama ambientado en Budapest a comezos do século XX. Despois de pasar a infancia nun orfanato, Irisz Leiter chega á capital húngara con 20 anos e a esperanza de traballarna antiga tenda de chapeus dos seus pais, mais é rexeitada polo novo propietario. Ao mesmo tempo, terá que enfrontarse ao seu pasado cando descobre un irmán que nunca soubo que tiña.

2.

Loro

Paolo Sorrentino

Sáb 24 – 19:45h TP |Lun 26 – 22:15h TP

Paolo Sorrentino é un director capaz de chamar a atención por si mesmo, despois de gañarse un nome por filmes como A gran beleza ou a serie The Young Pope agora volta cunha nova película, nada máis e nada menos que un biopic sobre a figura de Silvio Berlusconi.

O filme seguirá a Sergio Morra, un home que soña con dar o salto cos seus negocios á escala internacional, e atopará o camiño máis rápido para conseguilo achegándose a Berlusconi. Para Sergio só hai unha maneira de chamar a súa atención: as velinas, as extravagancias e o exceso.

Cineuropa ofrecerá a primeira proxección deste filme en todo o Estado español.

3.

High Life

Claire Denis

Xov 15 – 20:00h TP | Sáb 17 – 22:30h TP

Todos os anos no Cineuropa atopamos filmes capaces de dividir por completo ao público. Mentres algúns saen namorados da sala de cine, outros sinten todo o contrario. É unha lotería, sen embargo en moitas ocasións os recordos máis destacables das edicións pasadas do festival deixáronolos estas películas.

High Life, o novo filme de ciencia ficción protagonizado por Robert Pattinson e dirixido pola francesa Claire Denis que repite en Cineuropa tras ter proxectado o ano pasado Un sol interior apunta a ser unha desas películas que non esqueceremos, para ben ou para mal.

4.

Trote

Xacio Baño

Dom 18 – 21:00h NUMAX

A primeira longametraxe do director galego Xacio Baño preestrearase nesta edición de Cineuropa. Neste drama ambientado nunha aldea das montañas do interior de Galicia, a protagonista, Carme, sentirá a necesidade de fuxir dese ambiente opresivo, pero as circunstancias impidiranllo. Contará cun único pase na sala Numax o domingo 18.

5.

Mirai, a miña irmá pequena

Mamoru Hosoda

Sáb 10 – 16:00h TP | Sáb 24 – 16:00h TP

Dende que dirixiu as primeiras películas de Digimon entre os anos 1999 e 2000, Mamoru Hosoda non deixou de desenvolver a súa carreira como director de animación xaponesa con varios títulos especialmente remarcables coma Os nenos lobo.

Desta volta, o director e guionista nárranos a historia de Kun, un neno consentido de catro anos cuxos pais deixan de prestarlle atención cando nace a súa irmá, Mirai, e comezará a sufrir situacións na casa que nunca vivira.

6.

Dogman

Matteo Garrone

Ver 09 – 20:00h TP | Sáb 10- 22:15h TP

O director italiano Matteo Garrone volve aos cinemas coa que é xa a súa novena longametraxe, a cal está recibindo as críticas profesionais máis positivas dende Gomorra, a cal foi nomeada aos Globos de Ouro. Marcello Fonte, protagonista da película, levouse o premio de mellor actor en Cannes.

O filme italiana está inspirado no delitto del Canaro, homicidio do criminal e boxeador amateur Giancarlo Ricci en 1988, en Roma, a mans de Pietro De Negri, Er Canaro.

No filme, Marcello é un perruqueiro de cans e traficante de cocaína. Esta parte da súa vida rematará con el entablando amizade con Simone, un ex boxeador que aterroriza ao seu barrio.

7.

The Guilty

Gustav Möller

Ver 09 – 22:00h TP | Mér 14- 20:00h TP

Den skyldige é a primeira longametraxe do director danés Gustav Möller. Chega ao Cineuropa con valoracións moi positivas da crítica, e fíxose co premio a mellor guión no Festival de Valladolid e cun dos Premios do Público en Sundance.

O filme destaca pola gran actuación do seu protagonista, Jakob Cedergren, así como pola elegancia na que está filmada. Onde outros, con esta sinopse, farían un filme de acción clásico, Möller crea unha peza chea de tensión onde non se ensina nada, senón que se insinúa.

Na película, o exoficial de policía Asger Holm, agora operador do servizo de emerxencias, recibirá a chamada dunha muller pedindo socorro. Asger terá agora que localizar á muller para rescatala, mais o tempo non o axudará na tarefa.

8.

Un asunto de familia

Hirokazu Kore-eda

Sáb 10 – 18:00h TP | Dom 11 – 19:30h TP

O director Hirokazu Kore-eda estableceu xa o seu nome como unha das caras máis emotivas e melodramáticas do cine nipón, dándonos grandes filmes como De tal pai, tal fillo (2013) ou Ninguén sabe (2004). Chega ao Cineuropa co seu novo traballo, Un asunto de familia, polo que se levou a Palma de Ouro en Cannes.

A trama comezará cando Osamu e o seu fillo, en medio dun frío glacial, atoparán a unha nena malferida. Tras reticencias inciais, a familia acollerá á nena na súa casa. Un accidente imprevisto revelará secretos da familia, poñendo a proba os lazos que os unen.

9.

El silencio de otros

Almudena Carracedo, Robert Bahar

Sáb 10 – 16:00h TP | Sáb 24 – 16:00h TP

Producida por Pedro Almodóvar, El silencio de otros é o primeiro traballo que Almudena Carracedo e Robert Bahar levan a cabo xuntos, sendo o debut á dirección de Robert Bahar. O documental vén de gañar o Premio do Público ao Mellor Documental no Festival de Berlín.

No documental, rodado durante seis anos, veremos testemuñas de vítimas e supervivintes do réxime dictatorial de Franco no Estado español. O filme trata de dar voz ás vítimas do franquismo nun momento coincidinte no tempo coa querella arxentina e o auxe das asociacións que incriminaban a altos cargos do franquismo. Os cineastas tentaron abordar a cuestión con perspectiva, dende o presente, e coa intención de que se faga xustiza e se coñeza a verdade.

10.

O Processo

Maria Augusta Ramos

Sáb 17 – 18:00h MdP| Mar 20- 21:00h MdP

O Processo trata de esclarecer punto por punto o proceso de destitución pola que pasou, en 2016, a mandataria brasileira Dilma Rousseff. Daquelas, Dilma rematou sendo apartada do goberno, sendo substituída polo vicepresidente Michel Temer. Foi unha decisión tomada pola Cámara de Diputados e no Senado, envolta en polémica e con acusacións de Golpe de Estado.

Non é a primeira vez que Maria Augusta Ramos trata nunha das súas longametraxes cuestións políticas do seu país, mais ningunha das súas obras anteriores trouxera consigo tanto debate. Na súa estrea no Festival de Berlín rematou entre aplausos e gritos de “Fora Temer!“.

Abreviaturas

TP: Teatro Principal
ST: Salón Teatro
MdP: Museo das Peregrinacións