Rosalía – El Mal Querer

02/11/2018 • Sony

por | Nov 2, 2018

De maneira indiscutible, Rosalía converteuse xa nunha das artistas máis sonadas do Estado español, e custa recordar alguén capaz de crear un movemento social con tantos partidarios e detractores coma é o seu caso. Con todo, debemos destacar que, de entre todos os fenómenos musicais do Estado que saíron fora da península, na actualidade ningún é capaz de crear unha resposta da crítica internacional como ela, e é que igual que nós, moitos medios culturais de occidente estaban pendentes da saída deste álbum, e algún que outro á hora de lanzar esta reseña xa se nos adiantou na tarefa de gabar á catalana ata puntos que incluso sorprenden.

A principios de 2017, unha aínda medio descoñecida Rosalía debutaba con Los Ángeles. E dicimos medio, pois xa era unha cara popular debido á súa colaboración e protagonismo no verdadeiramente primeiro dos moitos éxitos que C. Tangana trouxo á música estatal, Antes de Morirme. Chocaba entón Rosalía, pois o salto estilístico era enorme.

Se naquel Antes de Morirme viamos a cara máis dance-pop e trap de Rosalía, no seu traballo en solitario semellaba queda, sosegada, pousándose nos detalles e buscando o seu sitio na lista dos artistas do novo flamenco. Tratábase dun álbum máis que respectuoso co flamenco, coas súas normas, mais cun minimalismo na instrumentación contemporáneo, coma se a música lo-fi collese traballos do flamenco dos setenta e se aventurase a crear esta obra.

As críticas foron boas, e o camiño de Rosalía continuaba. Había, con todo, demasiadas preguntas sobre a mesa en relación a ela e sobre cal sería o seguinte paso da súa carreira. O éxito conseguido con Los Ángeles sería difícil de volver a acadar coa mesma estratexia, pois ao tratarse dun disco tan minimalista e tranquilo, outros 50 minutos do mesmo poderían concluír, incluso, nunha decepción. Existen estruturas que, en certos estilos musicais, poden resultar demasiado repetitivas ata o punto de resultar aburridas coa reiteración.

Chegados a maio de 2018, J Balvin publicou unha obra de arte en forma de reggeaton, combinando o estilo musical latino co dancehall máis actual e o pop contemporáneo mediante colaboracións con artistas como Carla Morrison e, para sorpresa de moitos, Rosalía. En Brillo chegaron os primeiros sons dunha Rosalía máis disposta a soltarse do establecido, e cinco días despois chegou Malamente.

Con este sinxelo, Rosalía rompeu calquera predición que tivese en conta só os precedentes da artista en solitario, e non as inclusións da artista na chamada comunmente música urbana. Tratábase dunha canción na que o clásico chocaba de cheo contra unha produción urbana, moderna, de toques do rythm and blues contemporáneo e do hip hop máis electrónico. Rosalía cambiaba a Raül Refree por El Gincho, e abríase así paso á creación de sons novos.

Con outros dous adiantos, Pienso En Tu Mirá e Di Mi Nombre, Rosalía era xa antes da saída deste álbum unha artista cunha importancia mediática envexable, sendo escoitada e cantada pola xuventude do Estado tendo o límite nunha saciedade que aínda non chegou. E, o 2 de novembro, chegaba por fin o seu esperado traballo ao completo, El Mal Querer.

E que esta data estea marcada no calendario de maneira tan clara é tamén algo excepcional. Se poñemos atención á maneira de consumo musical das xeracións máis novas, veremos que non somos tantos os preocupados de como e cando sairán as obras completas de artistas, e incluso xa tampouco son demasiados os músicos que se preocupan por crear un álbum por riba da mixtape ou a compilación. Estamos cada vez máis acostumados a unha cultura musical efusiva, cun consumo máis directo onde o álbum como concepto perde a pasos axigantados a súa importancia, mais para todo hai excepcións.

El Mal Querer é un exemplo demostrable, pois, dunha excepción que confirma a regra. E é que un dos principais éxitos de Rosalía, incluso fóra do apartado musical, foi a capacidade da artista catalá para crear unha expectación polo seu álbum novo álbum incríbel, así como polo contido deste. O feito de que o álbum estea dividido por capítulos non fai outra cousa que dar, neste caso, ao traballo conceptual maior corpo, dotando ao contido dun interese xenuíno.

O valor do contido musical do álbum ven da atraínte combinación de estilos musicais de cada tema, onde tradición e vangarda, da man, combínanse para crear uns sons descoñecidos ata o momento. Certamente, as estruturas do flamenco están aí, mais onde anteriormente predominarían guitarra e caixón, agora aparecen sons electrónicos producidos por sintetizadores, con auto-tune e profundos baixos. Negar a capacidade vangardista de algo así sería como negar tamén a vangarda que animou a Camarón a utilizar guitarras e baixos eléctricos en La Leyenda del Tiempo.

O álbum serve tamén como un novo exercicio de aceptación e adecentamento do auto-tune, utilizado cunha sutileza preciosa en Di Mi Nombre.

Non existen, aínda así, temas no que o respeto que Rosalía mostrou en Los Ángeles agora desaparezan completamente. Temas como Reniego ou Que no salga la luna conservan moita da liña estilística do álbum debut, mais con certa adaptación ao son esperado no novo traballo. Así, se ben non semellan en ningún momento fora de lugar, si presentan unha instrumentación máis clásica, pero cun minimalismo propio do xa visto pola artista e cunha agresividade considerable.

Temas como Bagdad mostran unha das imaxes máis interesantes e modernas do álbum. Aquí, o rythm and blues campa ás súas anchas, nunha mestura musical única, dunha calidade aínda por poder describir. Palmas e baixos vibrantes combínanse para transcribir nas nosas mentes as historias que Rosalía narra entre metáforas.

Poñémonos lonxe das polémicas pola sincera admiración que un álbum como El Mal Querer produce. Un disco máis ca óptimo, onde flamenco e música urbana combínanse para crear algo precioso, que non fai máis que recordarnos que Rosalía é unha das artistas máis interesantes da nosa xeración, e que como mínimo merece que nos sentemos a escoitar o seu traballo coa mesma ilusión coa que ela parece crear música.

Rosalía