Thom Yorke – Suspiria

 

26/10/2018 • XL Recordings

 

Todo apuntaba a que este ano poderíamos escoitar nova música de Thom Yorke. Os misteriosos twits publicados polo músico británico ao longo do ano semellaban letras de novas cancións e a súa volta aos escenarios xunto a Nigel Godrich durante 2017 e 2018 tamén viu acompañada dun set composto principalmente por material inédito.

Sen embargo, de maneira inesperada, o anuncio do novo disco de Thom Yorke chegou acompañado da información de que este sería unha banda sonora para o remake de ‘Suspiria’ dirixido por Luca Guadagnino. Se ben seu compañeiro de banda Jonny Greenwood leva xa anos realizando música para filmes, que lle chegaron a gañar unha nomeación na última edición dos premios Oscar, sen embargo este era terreo novo para Thom Yorke.

Se a expectación por coñecer como soaría este traballo xa era alta, esta foi crecendo cada vez máis con cada adianto que se foi publicando antes da data de lanzamento. E o resultado non decepcionou. ‘Suspiria’ amosa a un Thom Yorke fóra da súa zona de confort, explorando novos enfoques mais sen abandoar seu selo persoal, movéndose entre os sons puramente terroríficos interpretados principalmente por orquestras disoantes e sintetizadores analóxicos, e baladas de piano que no seu fondo non se atoparían fora de lugar nun disco de Radiohead, pero que aquí aparecen con instrumentacións imprevisibles.

Un bo exemplo desto é a pista ‘Suspirium’, na que un piano melancólico a ritmo de vals serve de base para o falsete de Thom Yorke, ao que se unen tamén a medida que avanza a peza instrumentos de vento. De maneira similar, ‘Unmade’, onde desta volta a canción remata acompañada por numerosas capas de sintetizadores brillantes. Estas dúas pezas son quizáis os dous cortes máis accesibles de toda a banda sonora xunto a ‘Has Ended’, unha canción que parece saída do ‘Revolver’ dos Beatles na que Yorke canta sobre a crecente presenza do fascismo no mundo.

Sen embargo esta banda sonora conta todavía con máis pezas con voz. En ‘Open Again’, un sinistro arpexio de guitarra ábrese paso entre unha nube de sons desacougantes mentres que en ‘The Universe is Indifferen’ a voz de Thom Yorke aparece soamente de maneira fantasmal entre unhas liñas guitarra acústica que funcionan de maneira puramente ambiental. A outra cara deste disco póñena as pezas instrumentais, que polo xeral encaixarían máis co concepto que se pode ter nun primeiro momento dunha banda sonora de terror. Pistas como ‘Volk’ semellan unha versión moderna dunha canción dun filme de Stanley Kubrick, mentres que outras como ‘Klemperer Walks’ manteñen un tono máis orquestral, aínda que os sintetizadores conten con máis protagonismo que as cordas.

Outro dos grandes acertos desta banda sonora é que en todo momento mantén a sensación de que toda a música que conforma este disco provén en todo momento dun mesmo espazo, como se as pezas musicais compostas por Thom Yorke estiveran a soar nunha habitación baleira e moi ampla, a través dun equipo de son antigo. A reverberación constante nestas cancións así como a súa produción desgastada, que logra facer que todos os elementos electrónicos presentes manteñan seu compoñente analóxico. A falta de poder comprobar como funcionará esta música no filme de Luca Guadagnino, a banda sonora composta por Thom Yorke representa un dos seus traballos máis inspirados lanzados en solitario.

Thom Yorke