por | Out 25, 2018 | Novas | 0 comments

O FIOT encherá Carballo de teatro na súa última fin de semana

Carballo afronta a última fin de semana da 27ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT). Entre as programacións máis destacadas, o venres 26 as nove da noite no ciclo OTNI representarase “Wasted”, a obra da dramaturga e rapeira británica Kate Tempest, levada a cabo pola compañía catalana Íntims Produccions e dirixida por Iván Morales.

O sábado 27 as oito e media da noite o Pazo da Cultura acollerá a estrea galega de “El tratamiento“, escrita e dirixida por Pablo Remón. Esta obra conta a historia dun guionista que persegue o sono de escribir e producir súa propia película, mediante un enfoque paródico que permite ao mesmo tempo criticar as dificultades e a dureza da realidade na industria do espectáculo. O domingo as oito da tarde, de novo no Pazo da Cultura, representarase “Un Enemigo del Pueblo“, adaptación do clásico de Henrik Ibsen por parte de Álex Rigola, un dos directores máis importantes e innovadores da escea estatal.

No marco do festival tamén están previstas dúas representacións gratuitas na sección Metro Cuadrado, a comedia xestual “A historia das flores”, da compañía Tukumpás Teatro e “A bonequiña”, outra comedia posta en escea pola compañía Moito Morro Teatro. Ambas contarán con pases a unha do mediodía, unha e media, sete e sete e media da tarde.