‘Girl’, unha visión adecuada da transexualidade

Girl é a historia de Lara, unha rapaza que ingresa nunha prestixiosa escola de danza clásica. Unha moza de 16 anos que ten os problemas de todo adolescente: integrarse, cambios de conducta que a levan a confrontar coa súa familia, inseguridades e unha relación co seu corpo ás veces insá. Isto acrecéntase tendo en conta que Lara é unha muller transexual. Esta primeira longametraxe do director belga Lukas Dhont premiado coa Cámara de Oro no último festival de Cannes mostra como a protagonista tenta atopar o seu lugar nun mundo que ve como un campo de minas.

O primeiro destacable da película é o enfoque. Tenta presentar os problemas dunha rapaza transexual nun entorno en principio positivo para ela. O seu pai apóiaa no cambio hormonal que acaba de emprender e está nunha escola onde fai o que lle gusta e ninguén a discrimina, polo menos directamente. Óbviase un pasado máis problemático e céntrase nunha etapa en teoría feliz onde a protagonista, por fin, parece que pode cumprir as súas aspiracións. A pesar disto, móstrase como estruturalmente as persoas transexuais sofren unha discriminación.

Dhont en ningún momento fai un chamamento propio dun panfleto senón que o vai mostrando en pequenos detalles: miradas, pequenos xestos, diálogos… pouco a pouco a etapa teoricamente máis feliz de Lara vaise tornando nunha espiral de problemas. A pesar do colectivo favorable, a protagonista vive as cousas de xeito individual e atomizado. Neste punto hai que ter en conta a condición de adolescente da protagonista, cunha psique cambiante e co reto de non entenderse nin a si mesma.

Un dos elementos máis destacables é a interpretación de Victor Polster no papel protagonista. En primeiro lugar, é bailarín e iso nótase. Pero se por algo é encomiada a súa actuación é polos matices. A medida que Lara vai cambiando, pódese entender perfectamente como se sinte soamente por la expresión facial de Polster e seus xestos, en especial como cambia a relación co baile durante toda a película. Tendo en conta que gravou o filme con soamente 15 anos, o resultado é aínda máis sorprendente.

A nivel técnico Lukas Dhont fai un traballo moi salientable. Cunha gran predominancia da cámara en man, mostra a historia de Lara co corpo no medio de todo, como na mente da rapaza. A figura é o centro. As xa mencionadas expresións, o movemento cando bailan e sobre todo a relación que ten a adolescente co seu espello, con este reflexo dun torso nu. A rapaza está atrapada, non se recoñece. Neste punto igual o director é demasiado reiterativo aínda que entendo que conceptualmente pode ser necesario. Outro punto a favor do filme é a gran labor de documentación, tanto no proceso hormonal como nas reaccións da personaxe. Ten unha gran verosimilitude. Neste tipo de temas o rigor é aínda máis necesario se cabe. Girl amosa pero non cuestiona, non busca a denuncia directa, vai moito máis aló, e iso é o que a fai unha película moi recomendable.

Girl

Director: Lukas Dhont Música: Valentin Hadjadj Guión: Lukas Dhont, Angelo Tijssens Fotografía: Frank van den Eeden Ano: 2018 País: Bélxica

Menuet bvba / Frakas Productions / Topkapi Films