fotografías por Ada Seoane

Anna Calvi: O escenario como hábitat natural

Un ruxido de guitarra resoou na Sala Capitol mentres o escenario, iluminado por unha morea de luces vermellas, todavía se atopaba baleiro. Mentres esta nota distorsionada seguía a soar, a británica Anna Calvi saiu ao escenario, ela soa, mentres comezaba a interpretar a peza instrumental ‘Rider to the Sea’, que abría seu primeiro disco cun elegante virtuosismo. Esta entrada, en certa medida teatral, deixou claro dende o primeiro momento que Anna Calvi sobre o escenario é coma un animal no seu hábitat natural, cómoda, segura e en todo momento en control. Partindo do título do seu último disco de estudo, se algo nos amosou o directo de Anna Calvi é que ela era a cazadora e o público eramos as presas.

O setlist do concerto celebrado o pasado mércores 17 explorou especialmente o material de ‘Hunter’, seguindo a introducción de ‘Rider to the Sea’ coa pausada pero incriblemente enérxica ‘Indies Or Paradise’ e os singles ‘As A Man’, ‘Hunter’ ou ‘Don’t Beat The Girl Out Of My Boy’. Acompañada unicamente por outros dous músicos, o batería Alex Thomas e a multiinstrumentista Mally Harpaz, encargada dos teclados, sintetizadores, guitarras e percusión adicional, as cancións de Anna Calvi soaron tan ben como nas súas versións de estudo.

Non só iso, senón que as interpretacións, moito máis viscerais do que cabería esperar colleron a moitos por sorpresa. As guitarras soaron máis afiadas que nos discos, a voz todavía máis potente e as estruturas das cancións constantemente alongadas, xogando de maneira impecable coa dinámica, pasando en cuestión de segundos dos susurros a un grito.

Anna Calvi

A crudeza que alcanzou a música da británica nalgúns momentos lembrou á primeira etapa de PJ Harvey, desta volta cunha voz máis operística por momentos. En particular houbo tres cancións nas que Anna Calvi se amosou especialmente desatada, ‘Alpha’, do seu último disco concluíu con unha Fender Telecaster tirada no chan despois dun solo de guitarra frenético. Pola súa contra ‘Wish’ caracterizouse por ser unha versión extendida da canción que practicamente dobrou a súa duración orixinal, durante a que a británica aproveitou para aproximarse ao público de maneira confiada e desafiante, encarándose con algunhas das persoas que se atopaban na primeira fila.

O concerto rematou coa versión de ‘Ghost Rider’ de Suicide que apareceu incluída no EP ‘Strange Weather’, lanzado por Calvi no 2014, mais desta volta de novo cun son moito máis sucio e agresivo. A base de sintetizador da canción serviu de punto de apoio para que a guitarra xogara cos seus pedais de distorsión e o slide, fuxindo en todo momento de calquera aspecto melódico ata levar a Anna a desplomarse no chan na súa conclusión.

Se ben os discos de Anna Calvi amosan as habilidades da británica, tanto a súa forza vocal como seu virtuosismo á guitarra, son incapaces de capturar todos eses aspectos a maiores que forman parte das súas actuacións en directo. A presenza da cantante sobre o escenario e a seguridade que amosa lembran por momentos á de artistas como Nick Cave ou a xa citada PJ Harvey.

Se seu último álbum ‘Hunter’ está a ser considerado por boa parte da crítica como a consolidación de Anna Calvi, o seu directo é a proba definitiva de que neste traballo non hai nin trampa nin cartón, e que a británica ten todavía moito máis que ofrecer do que atopamos nas súas grabacións de estudo.