por | Out 19, 2018 | Música, Novas | 0 comments

O festival Cortapega achegará a electrónica de vangarda a Compostela

O festival de música electrónica Cortapega chega este sábado, 20 de outubro, a Santiago de Compostela. A Sala Malatesta acollerá un evento ecléctico e vangardista cargado de propostas atractivas e que no seu conxunto destacan pola heteroxenidade. Unha aposta pola apertura do concepto de música electrónica sobre a base de cinco concertos e un dj set.

Este festival contará coa única actuación no Estado español do norteamericano Container, que conta cun directo frenético e demoledor, unha excursión rítmica chea de mecanismos sen procesar, cargado de sons industriais, no que a música electrónica, o son e o ruído vólvense artefactos físicos.

Huma é o proxecto persoal de Andrés Satué logo do seu paso polo dúo Esquelas. Trae por primeira vez a Galicia un espectáculo audiovisual totalmente novo sobre a base do seu último traballo “Yocto/Yotta” (Hedonic Reversal 2018). Unha proposta palpitante e visceral, que percorre dende a música clásica ou o ambient ata o metal e o drone, culminada coas visuais en vivo de Interruptor.

O concerto de Músculo! será moi especial, un directo con temas que verán a luz por primeira vez e que quizais nunca sexan editados. De sobras coñecidos pola súa vocación de evolución, será unha oportunidade única para escoitar cancións exclusivas dos referentes da electrónica galega, cun último disco que deixou moi bo sabor de boca.

Boneco é un proxecto de experimentación electrónica con espacio para paisaxes melódicas e xiros cara zonas máis crudas e analóxicas. Nas súas composicións poden atoparse ecos de artistas coma Rival Consoles ou Jon Hopkins.

A experimentación coa voz e o piano influenciada pola música electrónica e o trip-hop son o motor que move a Allova, un proxecto que busca respostas á necesidade de expresarse nun entorno cercano a bandas como Massive Attack ou Portishead. O peche desta edición corresponderá a Apen Thunder, dj ecléctico con sesións que tantean varios estilos, entre os que predominan o electro e techno hipnótico con rasgos acid.