‘Climax’: A experiencia fílmica

Ten a arte que levarnos sempre máis alá do que nos mostra? Debe ter algo que contar, un concepto, unha idea, unha intención? Ou podería unha obra valerse por si mesma soamente co que nos está a mostrar?

Gaspar Noé volve a traernos unha experiencia fílmica asombrosa dentro da súa liña formal extravagante, sórdida e hipnótica coa súa última longametraxe, Climax, que fai unha semana recibiu o premio a Mellor Película no Festival de Sitges, na que explora de novo a capacidade envolvente do cinema para introducirnos nun visionado que, como o seu propio nome indica, vai crecendo ata explotar e converterse nun auténtico pesadelo.

Sitúanos na acción o plano fixo dun televisor no que van discorrendo entrevistas a xoves bailaríns que se van comprometer a participar nun proxecto de danza para competir a nivel internacional. As distintas declaracións permiten un primeiro e directo contacto cos que serán as personaxes desta historia, mozas e mozos cheos de enerxía, atractivos, talentosos e con ganas de demostrar o seu potencial na pista de baile. Tras esta escena (a ter en conta tamén as referencias cinéfilas e literarias que encuadran o televisor, e sen deixar de lado que Noé nos colou os créditos ao comezo do filme) empeza a verdadeira fantasía visual. O seguinte plano trasládanos ao interior dunha sala na que os bailaríns levan a cabo unha coreografía impactante, filmada sen cortes e cunha forza audiovisual espectacular.

A partir de aquí o director pivota entre planos estáticos dos personaxes mantendo conversacións sobre diversos temas nos que se desvelan as inquedanzas dunha mocidade obsesionada co sexo e as drogas, o retrato dunha sociedade xove misóxina, hipócrita e narcisista. A palpitante música electrónica non cesa e tras este primeiro baile perfectamente ensaiado os bailaríns improvisan na pista, pola súa conta ou en grupo, e ao mesmo tempo que os pulsantes ritmos e o movemento dos corpos enchen os planos, prodúcese pouco a pouco un cambio neles mesmos: alguén engadiu droga na sangría e os efectos non tardan en chegar.

Gaspar Noé lévanos da man desta transformación co seu característico xeito de filmar; a cámara retórcese en ángulos estraños, voltexa e segue aos protagonistas polos corredores e as habitacións mentres somos partícipes da paranoia que crece dentro deles. O espazo vólvese agobiante, creando unha sensación de claustrofobia e angustia crecentes. Entre os corpos suorosos e cada vez máis alterados, a impresión de formar parte desa amalgama desquiciada de personas vólvese case palpable. Luces intermitentes, música, ruido, cores saturadas, bailes imposibles… O director estanos a levar por un escenario que mudou nun auténtico inferno. E aquí non cabe dúbida de que estamos ante un filme totalmente de autor.

Provocador pero honesto coa súa traxectoria, o cineasta mostra en Climax todos aqueles elementos que levan sendo marca inconfundible do seu cinema. Perturbadora, molesta, excesiva, eufórica, a película non ten nada que envexar a calquera dos seus outros traballos para producir malestar, pero quizáis si que fraquea en canto a relato e para contarnos algo máis alá da propia imaxe se a comparamos con filmes anteriores. Enter the Void (2009), por exemplo, xa exploraba o tema das drogas e as relacións familiares dunha maneira máis complexa que Climax, que só emprega os efectos narcóticos como detonante para amosarnos a degradación paulatina dos personaxes.

Pero é que pode que, tal e como sinalamos ao comezo, Climax non necesita afondar en ningún dos temas que se van espallando co transcurso da cinta (de feito, o propio director parece rirse da propia vacuidade do discurso a través dos títulos intercalados ao longo da película). O obxectivo dunha película non ten por que ser o de contarnos unha historia, non é necesario buscarlle trasfondo ao que estamos vendo. Climax é unha viaxe de 90 minutos na que experimentas desagrado, excitación, repulsión. Para desfrutar dun filme, ás veces, só é preciso deixarse envolver por el e que nos leve.

Climax


Director
: Gaspar Noé
Música: VV. AA.
Guión: Gaspar Noé
Fotografía: Benoît Debie
Ano: 2018
País: Francia

art France Cinéma | Rectangle Productions | Wild Bunch