RRUCCULLA: Unha entrevista noutra dimensión que se tornou conversa

por | Out 16, 2018 | Entrevistas, Música, Novas | 0 comments

O xoves da semana do WOS Festival estiven conversando con Izaskun, a rapaza que está tras da voz distorsionada e os ritmos drum and bass de RRUCCULLA. Seria, pero imaxinativa no seu traballo, coa orixe do proceso creativo no seu interior, é tan interesante un directo seu como escoitala falar sobre o que opina da música e da necesidade de exteriorizar as historias que crea, a través de sons.

Quen é RRUCCULLA e por que RRUCCULLA?

Chámome Izaskun e fago música como RRUCCULLA. No móbil teño unha lista na que adoito apuntar palabras que me soan ben, e cando quería facer un novo proxecto de música electrónica un pouco máis mainstream, digamos, RRUCCULLA soábame guai. E tamén poñelo así con dobre consoante é máis cool. Sei que hai xente que o escribe con minúscula e queda horríbel. Por iso se escrebe en maiúscula. Tamén está a movida de, cando me fixen a conta en Instagram ou Twitter, era guai que ninguén se chamase RRUCCULLA.

Os teus inicios na música foron coa batería, con outras bandas. Como e cando comezou o teu interés pola música electrónica?

Moi cedo, en realidade. Eu toco a batería pero escoitaba xa música electrónica, porque me gusta tocar moitos xéneros diferentes. Ao mellor escoitaba un dos meus grupos favoritos, que é The Mars Volta, e xa facía música con electrónica, con efectos na voz. Gustábame experimentar iso nos grupos nos que tocaba. Tamén me gustaban xa ritmos máis drum and bass, en plan Aphex Twin. Entón gústame probar eses ritmos coa batería acústica. Así que foi como ir dun lado ao outro, probando cousas.

Entón, como comezaches con RRUCCULLA? Como foi o momento no que dixeches que ías facer isto en solitario?

Eu antes de RRUCCULLA fixen máis música electrónica en solitario. Fixen moitos máis albumes. Non sei cantos, penso que outros sete. Están por aí por internet, pero con diferentes nomes artísticos, dos que despois ao final non me gustaban os nomes.

Por que? Hai moita diferencia en RRUCCULLA co que facías antes?

Digamos que fun como variando. Ou sexa, ao mellor hai cousas como súper escuras e outras máis experimentais, con máis cores. Tamén erros da miña vida, non? Penso que en RRUCCULLA xuntei todas esas cousas anteriores que foron como un tipo de adestramento para min, na produción. Eu antes de RRUCCULLA estiven a piques de deixar a música. Fártaste de que ninguén te escoite e cousas así. Pero xa con RRUCCULLA foi como, “bueno, a última oportunidade”.

E a idea de xuntar a produción electrónica coa batería, foi unha idea desde o principio? Como xurdiu iso?

Os primeiros discos de RRUCCULLA non tiñan intención de levar batería. Só foi, no concurso de Villa de Bilbao, cando pensei: “Bueno, pois xa que sei que toco ben a batería, pois igual probo”, pero tamén dubidei, en plan: “Non sei se tocala porque tampouco quero dar a entender como que fago ben todo, ou gabarme de que podo tocar todo”, ou sexa que non sabía se facelo. Pero ao final fíxeno porque me apoiaron, -os que sabían que ía tocar ese concerto, porque era como secreto, non quería que a xente o soubera-.

Entre os estilos que te influencian está moi presente o jazz. De que maneira te inflúe?

Improvisar, experimentar, as dinámicas… Sobre todo na miña forma de facer música, porque son batería e porque o fun nutrindo así. Inspírome moito nos baterías de jazz. Ademais a miña música é moi rítmica e vou xogando con esas cousas. Tamén as texturas no jazz interésanme moito.

RRUCCULLA

Que exemplos de baterías de jazz poderías dicirme?

Tony Williams, Jack DeJohnette… etc. E despois xa da nova xeración de jazz, que son os que me gustan agora, son por exemplo o batería de Thundercat —Justin Brown—, Thomas Pridgen, Badbadnotgood… Eses son doutro mundo, son máis do novo jazz que está petando agora mesmo que mistura tamén moitos xéneros, da xeración que veño eu, de Youtube, que escoitas moita música de moitos xéneros.

Que música escoitas e que te influencia?

De todo. Non sabería dicirche algo especial, pero de todo. De feito non escoito tanta música electrónica, o que máis escoito é jazz. Estou máis posta no jazz que de xéneros máis de música electrónica. De techno por exemplo non teño nin idea. De house, tampouco.

Identifícaste cos grupos cos que te describen no programa deste festival? (Tortoise, Battles, Four Tet e Flying Lotus)

Pode que haxa cousas que tiven feito noutros álbums. Pode que na actualidade non me identifique tanto con Four Tet, con Tortoise ou con Battles. Con Flying Lotus si porque foi influencia directa para que eu comezara a facer esta música. Pero cos outros, non sei, se din que me parezo, pois bueno.

Que material utilizas?

Ordenador, teclado midi e a batería, e xa.

Con quen che gustaría colaborar?

Pensando ao grande, con Thundercut e con Omar Rodríguez (guitarrista de The Mars Volta). Moita xente en realidade, pero eses dous, antes de morrer gustaríame facelo. Da escena estatal, gustaríame facer algún tema para Bad Gyal. Envieille un Insta Story pero non o viu. Para Rosalía tamén me fliparía.

Ti produces a túa propia música. Gustaríache algún día producir para outras persoas?

Si, pero, é raro porque se eu teño que producir para outra xente teñen que ser moi claros co que queren. Como eu non sei de música, porque eu compoño a partir de imaxinar cousas, pois terían que dicirme con exactitude o que queren. Isto pasoume porque actualmente estou producindo para outra xente. Teñen que dicirme con exactitude como queren o vibe ou que cores ou que formas para que eu faga esa música. Porque despois ao mellor lles envío unha base que non lles mola tanto e xa queren mudar unha morea de cousas, e non sei, é raro.

Ao final un pouco da túa música vén do teu mundo interior, polo que vexo.

Si, ademais sei que producir a outra xente aínda teño que aprender moito para iso.

Como é o teu proceso de gravación?

Imaxino sons ou imaxino historias e deséñoas desde cero co Ableton. A partir de aí vou formando toda a canción con sons, melodías, texturas… Despois, as cancións coa batería son outra historia.

A iso que dixeches ao comezo quería chegar, o proceso de creación. Que a min é algo que me interesa moito do que fas. Polo que lin, ti partes de formas e despois fas os sons. Dirías que primeiro é a forma e despois o son, non?

Si. Aínda que tamén me pasou de estar creando un son e iso serviume para crear outra historia na cabeza. Pero normalmente si que adoito ter unha idea dun son, vouno deseñando para que teña esa forma.

Porque antes pintas, e a partir desa pintura creas a canción, non?

Non sempre, eh. Como dicía ao comezo, apunto palabras ou escribo historias. E teño como unha historia pensada da canción. Nas cancións anteriores ao mellor non está tan claro isto. Pero nas novas cancións en todas pasan cousas diferentes. É como unha historia que creei, con diferentes sons como se foran personaxes diferentes tamén. E para combinalos ben é como combinar roupa, ou cores, ou texturas. Pero tampouco che podo dicir “fágoo ASÍ” porque ao mellor ese día non o fago así.

Polo que vexo entón é de diferentes formas. Cando estás creando desa maneira tan interesante, cando sabes que tes acabada unha canción?

Buff. Seino cando digo, “bueno, vale, ao mellor teño que parar xa”. Porque podería estar traballando na mesma canción todo o tempo, engadindo, quitando cousas… Entón é difícil sabelo. Pero cando xa todo ten a idea que quería, é como, “vale, pois xa está”.

Entón dirías que a túa música é unha especie de sinestesia entre o son e as cores?

Non sei se é sinestesia pero o que intento é que a xente poda notar iso sen velo. Só escoitando que poda imaxinarse as cousas. Que poda sentirse dentro da canción.

Ou sexa, os sons e as melodías que creas buscas que impacten emocionalmente nos ouvintes e que penetren no mundo interior que ti queres expresar, pero tamén un pouco ao seu xeito, non?

Claro. É que, se digo, “nesta canción pasa isto”, tamén perde a gracia. Gústame crear os sons e que a xente se invente as súas historias. Que lles diga algo emocionalmente máis que eu dicir, “este son é coma unha goma de mascar”. Por exemplo, unha amiga miña que non ten nin idea de música, foi a un concerto meu e díxome que no inicio do concerto era moi nostálxica, que despois tornou a sons máis infantís… Describiu o meu concerto con cousas moi emocionais. E foi algo moi guai, diferente.

Dis que a túa música é por veces nostálxica, por veces escura, por veces triste, e que as veces tamén ten un son infantil. Podes falarme disto?

Fixen o LP Tactile Emotion que moi coherente no sentido de que todo ten o mesmo sentimento, un pouco máis nostálxico e escuro, triste… Pero á vez toda a miña música ten un toque algo infantil. Non sei se é pola forma na que deseño os sons. De feito pasoume unha vez que probando un sintetizador nun festival dinme conta de que, mentres deseñaba, era como un personaxe dicindo algo. Xa non era un son dun sintetizador, senón que era como unha voz súper rara. E tamén estou un pouco cansa da típica electrónica escura, penso que fai falta un pouco máis de cor.

Ou sexa que en lugar de música cuns certos patróns, algo que suxira, que che faga imaxinar…

Si, si. De feito o que quería facer co próximo álbum que vai saír é romper cos patróns. Facer algo como, “o que pasa na miña cabeza é isto”. Non vou seguir o de, “a típica canción escura” ou “a típica canción happy”. Na mesma canción hai cousas escuras, pero á vez infantís, outras agresivas… Na mesma canción hai mil historias.

Entendo, parece que, polo que escoitei da túa música e polo que ti me estás dicindo agora, é un pouco unha maneira de expresar as cousas que ti te imaxinas e as cousas que ti sentes. O teu mundo interior.

hm hm!

Como aportación persoal, eu teño que dicir que a min a túa música transmíteme unha sensación, non xa extraterrestre, se non como doutra dimensión.

Que guai. Pois si, se xa conseguín iso nunha persoa, xenial. Iso é o que quero facer. É como edificar outro planeta, outra dimensión ou outro momento que non sexa o teu nesta realidade. É como… Estas escoitando isto e estas imaxinando cousas… ou sexa, non teñen letra as cancións, pero ti imaxinas o que están dicindo os sons.

Sei que as portadas dos discos as fas ti. Buscas algún día facer algún tipo de traballo-collage cos sons que creas a partir das formas que debuxas, ou esa parte gárdala ti para o teu proceso creativo? Non só facer a música e despois facer ti as portadas, abrir as portas da túa creación, mostrar á xente as cores que che suscitan certos sons, o teu proceso de creación, todo xunto.

Si! Teño unha libreta do proceso de creación do próximo álbum que vou sacar, e algún día mostrareino porque me parece interesante. Como che dixen antes, non me gustaría dicir, “nesta canción pasa isto”, pero polo menos os debuxos que fun creando si, pareceríame guai. E en canto as portadas, é difícil xuntar todas as ideas das cancións nunha soa imaxe. Iso é o difícil, que todo o álbum teña unha coherencia e que se resuma no artwork. Pero os debuxos que fago, si, mostrareinos.

Gustaríache facer cousas para cine, videoarte… algo tirando cara o audiovisual?

Si, de feito hai tempo xa dixen que, por exemplo, a película Under the skin —que me flipa— a música faina Mica Levi. E gustaríame facer algo dese estilo, poñer música a unha película na que digan tan pouco verbalmente, pero que coa imaxe e coa música xa é como, “wow”.

Xa que estás aquí nun festival que se supón que posúe moita electrónica, que opinas do panorama da música electrónica -amplísima-?

Véxoo ben. Hai cousas moi diversas, hai xente que fai moitos roios diferentes. Hai xente moi boa. Véxoo guai. Si que é verdade que eu estou así pensando en nomes e artistas, pero de techno ou así non sei moito. Pero véxoo moi guai. Cada artista que penso ten o seu rollo diferente, non hai un igual a outro. Si que é certo que xa che dixen que non escoito moita electrónica, pero vir a estes festivais e ver estes grupos doutros roios, está guai.

En que sentido pensas ti que a música electrónica está mudando a maneira de facer música e a maneira de escoitar música?

Pois a maneira de escoitala vai a peor, penso. É como, tío, pásaste aí un bo cacho para facer que soe ben, pero despois a xente escóitao no móbil. Non ten moito sentido. Eu nunca escoito a música cos altofalantes do móbil, sempre vou con auriculares, e na miña casa tamén. Por iso teño que ter coidado de non estar tanto tempo escoitando música porque as veces tiven problemas. De feito parte do álbum case me fode os ouvidos, pero bueno. E na forma de facelo, cada vez é máis fácil de facela. Hai máis ferramentas, é máis sinxelo.

Xa falamos do que buscas no proceso creativo e o resultado final, para o que son os discos. Pero, ti como afrontas os directos e que é o que buscas que o público sinta?

Pois mira, por exemplo hoxe tiña pensado un tipo de set, porque vin que os outros dous grupos son un pouco máis escuros. E dixen, “bueno, non sei se tirar por ese roio máis escuro para non destacar tanto… ou facer o que me de a gana” (risas). Pero ao final estou un pouco cansa de sempre tirar polo que faga o resto. Xusto o estaba falando antes cos meus amigos e lles estaba dicindo que non sabía se facelo porque despois se me vai a pinza ao final… Por exemplo, estou vendo que a xente quere moverse máis, entón meto outra canción máis hardcore ou así… Pero o que me gusta é que non sexa todo plano. Non me gusta que todo o set sexa do mesmo estilo. Gústame crear diferentes moods. Como que se deixen levar un pouco, como “a ver qué pasa”, que non sexa predicíbel.

Condiciónate o espazo ou festival no que toques? O estilo deste festival en xeral é moi experimental, e tocas antes que Spectrum…

Si, por iso… Éntrame un pouco de medo, non sei se facer isto ou o outro. Pero chega un momento que digo, “mira, isto é o que fago, isto é o que me apetece facer e punto”. É que o que non quero facer é o que facía cos grupos cos que tocaba, que era tipo, os setlists de sempre. Entón é como que rompín totalmente con esa idea e con esa forma de pensar a música. E ao final fago o que me da a gana.

Atopácheste algunha vez en situacións difíciles e/ou con dificultades por ser muller e ser nova?

A ver, ao mellor tiven un caso ou dous. Pero teño sorte de que estou dando bastantes concertos e vou aprendendo de como se fan as cousas e de como tratar aos técnicos, etc. E, eu que sei, se me teño que pór borde pois póñome (risas). Pero por ser muller, pois non sei se é por iso ou se xa directamente porque me ven nova. Pero a xente sempre se pensa que sempre son os homes os que che din as cousas ,pero tamén vin casos de mulleres que che din cousas por verte máis inexperta, e chócame máis.

Lin algo sobre ti que me interesa moito. Ti empezaches con isto para afrontar a timidez, pode ser?

Eu vía como que non servía para a música porque teño unha personalidade reservada e non me gusta ser o centro de atención. Non sabía se sería capaz de sobrevivir neste ambiente. Por iso apunteime ao Villa de Bilbao, tomándoo como unha oportunidade, se me collían ben, se non pasaba. A ver se podía facelo, foi poñerme a proba. Flipamos todos. Eu, e a xente que me coñece estamos todos flipando (risas).

Terías consellos para a xente que tamén é moi tímida para ensinar o que fai, ou para a xente que directamente non fai porque ten medo a dar o paso?

As veces cánsaste porque pensas que á xente non lle vai gustar a túa música ou a ensinas pero a xente pasa de ti. Pero se ves unha oportunidade tira para diante. Eu aínda estou batallando con isto. Pero é que ninguén o vai facer por ti. Se queres facer algo, tócache facelo e punto.

Ti tes un obxectivo en concreto, como de facer unha carreira, ou vanche saíndo as cousas segundo o que che apeteza?

Si que me gustaría facer “unha carreira”, pero é difícil que todo o que queiras facer se cumpra. Actualmente todo o que tiña pensado facer co seguinte álbum non se puido facer da maneira na que eu quería presentalo, pois bueno, hai que buscar outras alternativas.

Gustaríache volver a facer algún traballo sen electrónica? Coa batería mesmamente.

Si, claro. De feito, as veces cando o batería que me substituíu non pode tocar, chámanme a min. A próxima semana falareilles por se me queren seguir tendo aí. Porque é súper guai facer música con xente humana.