por | Out 15, 2018 | Cinema & TV, Series | 0 comments

‘Maniac’: A forma por diante do contido

A miniserie ‘Maniac’ foi sen lugar a dúbidas unha das grandes apostas de Netflix deste ano. Soamente hai que mirar os nomes que hai destrás desta produción. A oscarizada Emma Stone e Jonah Hill como protagonistas baixo a dirección de Cary Joji Fukunaga, o realizador detrás da aclamada primeira tempada de ‘True Detective’ (HBO, 2014).

Ao longo de dez episodios de distintas duracións Fukunaga utiliza de base unha serie orixinal noruega de Rubicon TV AS como punto de partida para explorar aspectos formais e estéticos que lembran ao cine de Michel Gondry, Wes Anderson e aos guións de Charlie Kaufman. Os protagonistas, Annie e Owen, son dous descoñecidos con pasados traumáticos que, participando nun estrano ensaio farmacéutico vense obrigados a enfrentarse aos seus demos apoiándose mutuamente.

A miniserie móvese constantemente nun punto medio entre o drama e o humor surrealista e absurdo. Toda a acción ten lugar nunha especie de futuro próximo no que o capitalismo tardío segue a transformar todavía máis as nosas formas de vivir. Case como un punto a medio camiño entre o mundo actual e o universo de ‘Blade Runner’, os espazos urbanos de ‘Maniac’ resultan familiares en todo momento, ao mesmo tempo que pequenos robots de limpeza circulan polas aceras e as fachadas atópanse todavía máis abarrotadas de luminosos anuncios publicitarios.

Quizáis esta sutil crítica ao camiño que está tomando o noso mundo actual sexa a proposta máis interesante da serie. Máis alá de detalles visuais, a introducción do sistema de pago freemium no día a día das persoas máis alá do internet resulta especialmente sorprendente. Inquieta o simple feito de ver como a personaxe de Emma Stone, incapaz de pagar tan sequera un billete de metro, emprega o servizo “Ad Buddy”, mediante o cal outra persoa se lle achega para lerlle unha serie de anuncios publicitarios para desta maneira poder entrar. Ademáis de facer énfase na crecente deshumanización da sociedade, esta idea tan sinxela permite reflexionar sobre ata que punto que teñamos que recurrir a estes sistemas freemium á hora de, por exemplo, escoitar música ou ver vídeos en internet non é unha mostra máis da precariedade económica na que vivimos.

O principal problema de ‘Maniac’ é que máis alá de ideas contextuais tan interesantes como éstas, a serie semella non ter claro que quere contar. Tratándose dunha miniserie que non terá continuidade, parece non haber unha idea controladora detrás desta historia. Subtramas como os pasados de Annie e Owen, a súa amizade ou a relación entre os doutores Mantleray e Fujita vanse formando mediante unha sucesión de secuencias cada vez máis surrealistas. E se ben a serie consegue resultar entretida e divertida, en moitos momentos tamén fai que nos sintamos desconcertados e un pouco perdidos. A pesar da súa incuestionable calidade técnica, de actuacións destacables como a de Emma Stone e unha estética e premisa interesantes, ‘Maniac’ pérdese explorando a súa forma, descoidando o seu contido.

Maniac


Director
: Cary Joji Fukunaga
Música: Dan Romer
Guión: Patrick Somerville, Cary Joji Fukunaga, Mauricio Katz, Amelia Gray, Caroline Williams
Fotografía: Darren Lew
Ano: 2018
País: Estados Unidos

Netflix