Idles – Joy as an Act of Resistance

31/08/2018 • Partisan Records

Hai pouco tempo nun dos principais medios de comunicación españois reflexionábase sobre ata que punto Taburete e Andy y Lucas eran os principais expoñentes do resurxir do punk no Estado. Poñendo como argumentos seu caracter provocador e as reaccións tan fortes que estas bandas estaban a provocar na xente, esta no é senón a deformación do termo punk máis perversa que puidemos ler ata o de agora, facendo que ideas como a do pop-punk non semellen nin unha milésima parte tan ofensivas a este xénero do que parecían antes.

Xa completamente adentrados no século XXI esta pregunta amósase cada día moito máis complexa. Que é o punk? Taburete? Dende logo non. Las Bistecs pechando a súa nota de despedida cun “destruir es mejor que crear”? Esto xa ten algo máis de sentido. O trap? Se ben o lugar que esta música ocupa na sociedade a día de hoxe é moi similar ao que ocupaba o punk nos anos 70, non se pode obviar que un xénero musical é algo máis que a súa propia mensaxe, pose ou actitude. O punk é algo máis alá que a idea dun peinado en forma de cresta ou uns pantalóns rotos.

Pousando as nosas olladas no Reino Unido, xa a comezos de ano o debut de Shame ‘Songs of Praise’ fíxonos lembrar a que soaba o punk de verdade, esas guitarras afiadas, produción cru, letras provocadoras, alma agresiva pero ao mesmo espírito festivo. Ou seu cruce do punk máis clásico co post-punk soaba fresco e lembraba en certa maneira ao tamén debut da banda de Bristol Idles, lanzado o ano anterior. Só un ano despois o quinteto voltou con ‘Joy as an Act of Resistance’, un LP de doce cancións que profundizan no camiño que o grupo comezou a explorar no seu primeiro disco.

O comezo con ‘Colossus’ marca tono que seguirá o disco xa dende o primeiro momento, cun crescendo de catro minutos que estoupa nun final intenso mais que non renuncia ao aspecto melódico. O ritmo marcado de ‘Never Fight a Man with a Perm’ entrega un dos momentos máis intensos de todo o disco, soamente igualado por ‘Samaritans’.

O que Idles conseguen con este traballo é atopar un espazo a medio camiño entre o cabreo e a festa. Neste senso o título do traballo resulta extremadamente acertado, a banda non entende este disco como algo que teña pretensións máis alá do entretemento, pero ao mesmo tempo son conscientes de que entreterse non ten por que ser tomar unha posición neutral, con letras que abordan cuestións políticas ou cuestións como a masculinidade tóxica.

Idles