Cold War: O frío que pode chegar a ser o amor

O contundente son dunha gaita envolve ó espectador mentres Pawel Pawlikowski, o director da oscarizada ​’Ida’ (2013), nos mostra o rural polaco a través da súa música tradicional, nun poderoso e feitizante inicio, empoderado polo formato e o fermoso branco e negro, habitual do director.

O viaxe que nos propón a película nace do colectivo rural, enmarcado nunha Polonia sovietizada e pouco a pouco, ao mesmo tempo que a acción se desenvolve cara occidente, tamén se vai centrando en dous individuos, Zula e Wiktor, a parella protagonista do filme, da que se nos conta a súa historia de amor, estruturada en secuencias moi enmarcadas que van mostrando a evolución da súa relación no tempo, coma se fose unha condensación da triloxía ​Antes de…​ de Richard Linklater.

O contexto no que se desenvolve a acción radica no nome, a Guerra Fría, cuxa época é metaforizada durante todo o filme. A relación dos protagonistas lévanos dun lado ao outro do pano de aceiro​​, mostrando as dúas realidades sociais, que afectan á parella, sendo moi interesante coma o ambiente no que se move a narración en cada momento afecta a interrelación dos personaxes, acompañada do énfase que o director pon no outro elemento diferencial do filme, a música.

O rol da música é primordial no filme, que evoluciona e incide de maneira paralela a da que avanza a parella, dirixíndose desde a música tradicional polaca cara o jazz francés, pasando pola música propagandística soviética ou o desenfreo puntual dun nacente rock n’roll. Ata certo punto podería parecer que ​’Cold War’ ​é a versión escura, pesimista (afín a cultura europea, aloxada dos fogos artificiais de Hollywood) da coñecidísima ​’La La Land’ (Damien Chazelle, 2016)

Esta viaxe musical tamén se fai a través das localizacións, que se identifican coas fases que atravesa a parella e coa música que soa, podendo ver o campesiñado polaco, as altas esferas soviéticas ou a sociedade burguesa parisina, reflexada dunha forma que recorda á nouvelle vague. Todos estes lugares baixo o pulso da cámara de Pawlikowski, elegante, acertada, coa habitual realización arriscada con respecto ao encadre e a angulación dos planos, que non fan máis que resaltar a personalidade dos personaxes en cada momento, destacando os planos xerais ou conxuntos onde o foco centra a atención nos protagonistas, que resaltan sobre o mundo asoballador que os rodea, pero onde eles só se fixan un no outro, dous corazóns e catro ollos.

A historia de amor segue uns derroteiros de vaivén, onde a parella se separa e se une a través destas secuencias moi marcadas nun tempo e contexto definidos, coma se fose un álbum de fotos onde cada unha é un capítulo sobre determinada fase da relación. O problema é que, cando a película marca un ritmo lento, mastigando cada acción e cada momento, segundo chegamos ao final, o ritmo da historia vaise acelerando desmesuradamente, cunhas elipses que agochan un dramatismo cada vez maior, definindo aos personaxes de maneira grave sen que realmente o espectador teña tempo de asimilar o que está a pasar, deixándonos con fame de saber máis.

Esta voráxine acaba nun final que ata hoxe está a ser moi valorado, deixando un certo gusto lírico, triste, perfecto para o filme que se acaba de ver, pero que a posteriori pode resultar precipitado. Aínda así, o construido é o suficientemente elegante, forte e expresivo no formal como para que estas decisións de guión discutibles desmonten a película, polo que podemos afirmar que Pawlikowski firma de novo un gran traballo de autor.

Cold War


Director
: Pawel Pawlikowski
Guión: Pawel Pawlikowski, Janusz Glowacki
Fotografía: Lukasz Zal
Ano: 2018
País: Polonia

MK2 Productions / Apocalypso Pictures / Film4 / Opus Film / Protagonist / BFI Film Fund