GLITCHGIRL – Royal Flush

18/05/2018 • Autoeditado

por | Out 10, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

GLITCHGIRL é, sen lugar a dúbidas, unha das caras máis interesantes da música que circula no noso país. Se lle preguntas a ela o que fai, definirase como bakalao con gritos. A realidade é que a súa música esconde electrónica, footwork, trance, IDM ou industrial, entre moitas outras ramas musicais.

Debutou de maneira verdadeiramente oficial o ano pasado, mediante o seu primeiro álbum, Grandes Éxitos. Trátase dun álbum destacable, mais o propio nome era unha pequena mostra, aínda que sarcástica, do que iamos atopar: corenta e seis minutos de temas moi ben producidos, mais ás veces pouco concordantes estilisticamente entre eles.

Royal Flush é ben diferente. En primeiro lugar, a duración redúcese: de corenta e seis minutos pasamos a vinte e un, mais agora xa cunha liña musical moito máis definida, con gran presenza do trance ata pasar de detalle a verdadeiro protagonista do álbum.

Este xiro ao trance vese claro en temas como Neotonik ou F*****g Goblins, onde GLITCHGIRL parece estarse abrindo a si mesma as portas a encabezar un Tomorrowland. En F*****g Goblins destaca ademais un afogado baixo marcando o ritmo, loitando por manter a raia os agudos que cobran vida e estilo propio. Eses baixos afogados, invencíbeis ante altofalantes e auriculares, manteranse durante todo o álbum.

A diferenza do anterior traballo, onde a presencia de GLITCHGIRL era só como produtora, nesta ocasión Alicia Aix si canta. Tras utilizar Hard Sass de introdución, comezará de maneira abrupta Sola Estoy Mejor. Con moita agresividade, Aix comeza a cantar e, sen previo aviso, lanzará un “Esteban & Manuel son una puta mierda”, para despois lanzar mensaxes contra, entre moitos outros, Luciano Méndez, o rock ou o trap.

Á hora de cantar, as estrofas de GLITCHGIRL non rematan de convencer: nin o uso do autotune nin a maneira de cuspir, recordando demasiado ás veces ao insulso e desganado Dudu dos LFAM conseguen rematar de consagrarse. Con todo, a base elixida salva a partida, sendo unha das mellores do álbum. GLITCHGIRL consegue un tema que crece a medida que os seus diversos beefs van sendo listados, para arremeter con rabia na instrumental cando as palabras xa se quedan curtas.

Con todo, a decisión de incluír nas súas creacións partes vogais non deixa de ser, primeiro unha pequena sorpresa, pois non tiñamos precedentes así no anterior álbum, e segundo unha pequena oportunidade para, se o cambio ás cancións cantadas fose máis formal, ir máis alá. Habería dúas opcións para que isto convencese, e é que GLITCHGIRL tomase máis en serio esta cuestión dela mesma na súa música, ou que artistas colaborasen con ela para facer que isto tivese un resultado máis variado. Calquera das cuestións manterá a nosa atención.

En apenas vinte minutos, GLITCHGIRL consegue que Royal Flush teña moito que amosar. Trátase dun traballo que convence, mais a redución de tempo a menos da metade axuda a isto e deixa que posibles derivas estilísticas se esquezan antes de que remate o álbum. O que podemos afirmar con seguridade é que Alicia Aix Múñiz ten moito dentro, e quedámonos ca dúbida de se de verdade, como ela di en Sola Estoy Mejor, podería lanzar ata 10 albumes nunha fin de semana.

GLITCHGIRL