Cuarta Xusta – Un Novo Espertar

07/03/2018 • Autoeditado

por | Out 9, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

 

Este verán, unha das imaxes máis características dos festivais galegos era ver como moitos deles remataban por confirmar a Cuarta Xusta, un grupo novo de Melide formado por Marta Sánchez (violín/guitarra), Alberto García (guitarra), Aida López (voz), Alba Vilariño (baixo) e Lúa Aguete (batería). Sen dúbida, tratouse dunha das citas máis frescas que poderiamos ter visto en todos aqueles festivais que apostaron por elas.

Cuarta Xusta estiveron xirando durante o verán co seu primeiro álbum, Un Novo Espertar, cuxa marabillosa portada correu a cargo de Miguel Duarte, igual que a portada do novo álbum de Alto Asalto. Neste debut, lonxe de pecar de covardes, poñen sobre a mesa cancións de temáticas de relación co feminismo, a corrupción, a monarquía, a lingua galega, a loita de clases, a necesidade dunha educación pública de calidade ou os lumes que asoballan a Galicia, coma os que protagonizaron en outubro do ano pasado as protestas “Lumes, Nunca Máis” ou a día de hoxe están a acontecer en Mondariz.

Contaron, para o álbum, con moitas caras coñecidas do panorama do rock galego. Así, aparece Javi Maneiro (Herdeiros da Crus) en Non dicimos nada, Jasper (Nao) en Un novo espertar, Xosé Bocixa (Zënzar) en Lección de Historia e Miguel Duarte e Vituco Neira (Ruxe Ruxe) en Rebelión. Lonxe de semellar un apoio a novas xeracións, que obviamente o son, deberían verse estas colaboracións como apoios mutuos, xa que a día de hoxe, onde todos os grupos anteriormente mencionados fallan, Cuarta Xusta non o fixeron.

É obvio que, todos aqueles grupos mencionados no parágrafo anterior, influenciaron en maior ou menor medida o son de Cuarta Xusta, sendo a influenza menos gráfica a feita por Jasper e Nao, pois o seu estilo musical é o que máis dista dos ritmos cos que xoga a agrupación melidense. Cuarta Xusta combina nos seus temas ritmos propios do rock, do punk e o do ska.

En xeral, deixan atrás o estilo progresivo que moitos tentaban atopar na súa música e aparecen agora, aquí, cancións con ritmos moito máis dixeribles en cancións de ao redor de catro minutos, sendo Incendios a excepción, mais que vén invitada pola temática a recibir ese ritmo máis lento.

Polo lado máis ska e punk dos temas, en canto de buscarlles un espazo máis propio, conseguen á perfección mantelos a raia sen perder o estilo que crea o álbum na súa totalidade. Así, en temas como Lección de Historia, batería e violín manteñen o estilo, sendo domadas por guitarras e baixos para mantelas no rock.

O momento máis frouxo chega cerca do final, con Km de Rock&Roll. Neste tema, se ben manteñen a liña estilística no estritamente musical, a mensaxe vólvese máis difusa e cotiá, achegándose máis a unha procura dun rompe-pistas, con só de guitarra incluído. E resulta, ao final, esquecible, pois en ningún momento o álbum pedía por algo. De feito, a cantidade de bos temas cunha mensaxe política concreta, de mellor nivel en todos os sentidos, fan que non exista unha necesidade dun himno facilmente cantable e identificábel, pois todo o álbum se fai así.

Outro dos éxitos do grupo melidense ven, tamén, na súa baixa idade media, pois permítelles conectar cun público novo, que se ben seguro se achegou á música rock galega, non tivo tanta capacidade de identificarse co grupo como agora. Cancións como Lei de Regresión confirman indirectamente o aproveitamento desta oportunidade, pois céntrase nas loitas estudantís máis sonadas e reivindicativas dos últimos tempos. Cuarta Xusta cantan “porque isto é educación/violencia e represión/non nos van calar/LOMCE non” dende unha perspectiva xa non testemuñal, senón protagonista.

Cuarta Xusta soan familiares, pois non tocan nada que non coñezamos xa. Con todo, a súa música e a personalidade que desprende o grupo traen consigo moitas novidades. No seu debut, Un Novo Espertar, atopamos cancións ás que é fácil entrar, e coas que é fácil quedarse. Trátase dun gran álbum debut, cheo de pequenos himnos cargados de mensaxe político nos que novas e vellas xeracións poden sentirse identificados.