Bojack Horseman, tempada 5: o cabalo máis humano da televisión

Hai apenas tres anos Bojack Horseman non era máis que unha serie animada para adultos do xigante audiovisual Netflix cun humor irreverente e situada nun universo no que conviven animais antropomórficos e seres humanos. Pouco esperabamos dela os que a seguiamos desde o principio, soamente entretemento lixeiro e algunha que outra gargallada. Pero todo isto cambiou coa estrea da terceira tempada, na que se comezou a notar que os creadores tiñan cousas moito máis ambiciosas preparadas para a serie. O primeiro atisbo desta experimentación veu co cuarto episodio desta entrega, no que o protagonista debe acudir a un festival de cine que se celebra na cidade submarina de Atlantis, un capítulo totalmente mudo no que todo se nos conta a través da imaxe e da música, e no que Bojack realiza unha profunda viaxe emocional.

É tamén nesta terceira tempada na que a serie comeza a tratar temas sociais, como por exemplo o aborto e os dereitos das mulleres, sempre desde esa óptica sarcástica e irreverente pola que se caracteriza. A memorable escena na que tres homes brancos discuten sobre a liberdade das mulleres (sexto capítulo) é un dos mellores exemplos do rumbo que a serie tomaría a partir desta entrega.

A quinta tempada de Bojack Horseman, estreada o 14 de setembro deste ano, segue por esta senda, explorada con máis profundidade na cuarta. Neste punto da serie temos uns personaxes máis que definidos, e nunha situación persoal delicada: Bojack acaba de pasar por un dos momentos máis traumáticos da súa vida tras descubrir a historia da súa nai pero consegue un traballo estable nunha serie, Diane e Mr. Peanutbutter rematan co seu matrimonio despois da tensión que houbo entre eles na anterior entrega, Princess Carolyn dá vida a unha serie de televisión para compensar polo feito de que non pode ter fillos biolóxicos…

Xa só co plantexamento podemos darnos conta dos temas a tratar e da importancia que os guionistas van a darlle á saúde mental das personaxes e en como esta inflúe nas súas decisións. Esta entrega toca, entre outros temas, as enfermidades mentais, a adicción ás drogas, a depresión ou a dependencia emocional. A fantástica construcción de personaxes que vemos ao longo das anteriores tempadas fai que, enfrontados a estas situacións traumáticas, os espectadores poidamos sentir máis interese polo que lles ocorre. Non sei se dotar á serie cunha carga emocional tan grande desde o principio sería unha boa idea, pero sen dúbida algunha esperar un par de tempadas para facelo funcionou á perfección. Incluso Mr. Peanutbutter, personaxe plano e evidente alivio cómico durante toda a serie, adquire certa profundidade ao iniciar rapidamente unha nova relación para intentar esquecer a Diane, cuestionándose se realmente quere facelo.

Seguindo coa tónica do desenvolvemento dos personaxes, unha das mellores cualidades de Bojack Horseman é a importancia dos secundarios. Peanutbutter, Carolyn, Todd ou incluso a compañeira de rodaxe do protagonista, Gina, xogan un papel importante na vida de Bojack, e isto plásmase á perfección na serie, incluso outorgándolles o papel principal en certos capítulos, como o segundo, no que Diane é a protagonista ou o octavo, que se centra en Mr. Peanutbutter. Resulta moi interesante o ben que consegue funcionar a serie cando o seu protagonista e principal punto de vista está relegado a ser un extra máis, un alivio cómico (no 5x08, por exemplo, as aparicións de Bojack redúcense a un par de interaccións cos demais personaxes en estado de embriaguez e a un gag recurrente). Dá a impresión de que o universo de Bojack Horseman podería expandirse con múltiples spin-offs grazas á excelente labor de construcción e desenvolvemento de personaxes.

Esta quinta tempada leva un paso máis aló un dos puntos fortes da serie: a experimentación co storytelling. Moitas veces os seus mellores capítulos son aqueles nos que os guionistas deciden deixar atrás o modelo de capítulo convencional, como no xa mencionado 3x04 da historia muda no fondo do mar. Nesta quinta entrega ata cinco dos doce episodios presentan novedosas maneiras de contar as súas historias: no 5x02 o capítulo segue a estructura dun artículo estilo Buzzfeed -como os que escribe Diane-, o 5x06 é un monólogo de 25 minutos, o 5x07 está dividido en dúas historias que dúas personaxes externas ao elenco recurrente se contan nun restaurante, o 5x08 narra catro eventos simultáneamente facendo saltos no tempo e o 5x11 usa a montaxe paralela.

Entre os cinco anteriores destacan dous: o 5x06 e o 5x11, probablemente os dous mellores episodios da serie ata agora. O primeiro consiste únicamente dun panexírico de Bojack nun funeral, e o resultado é tan estraño como interesante e hipnótico: o discurso acaba convertíndose nunha viaxe cara á mente do cabalo protagonista, vintecinco minutos no que a personaxe se desnuda psicolóxicamente ante a audiencia, para rematar cunha broma tan depresiva e anticlimática que ao espectador non lle entran ganas nin de rir, só de reflexionar sobre o que acaba de ver. O 5x11, pola súa parte, é o clímax da tempada -o 5x12 é meramente un epílogo longo-, e agradécese a experimentación con esa montaxe paralela alucinóxena que nos arrastra cara a espiral de decadencia na que Bojack leva metido durante os 5 anos da serie, cun xiro final que parece obvio a simple vista pero que resulta ser moito máis escuro do que parecía.

Resulta curioso o final de tempada. Un alarde de optimismo, unha luz ao final do túnel moi inusual nunha serie que se recrea na miseria moral dos seus personaxes. E é que por primeira vez Bojack opta por pedir axuda en lugar de illarse na súa mansión bebendo e tratando de esquecer. Péchase así un arco de personaxe iniciado na primeira tempada, cando todavía era un actor en decadencia que vivía da súa fama nunha sitcom dos 90 que bebía para combater a soidade. Un futuro esperanzador que quizáis atisbe un novo cambio de rumbo na serie, ou simplemente dé aos personaxes unha falsa sensación de seguridade para atizarlles onde máis lles doe. Se ben podería funcionar como o final da serie, non creo que Netflix decida aparcar un proxecto tan atrevido e humano como este. Quizáis Bojack e compañía non merezan acabar tan ben.

Bojack Horseman


Creador
: Raphael Bob-Waksberg
Música: Grouplove, Jesse Novak
Fotografía: Animación
Ano: 2014 – Actualidade
País: Estados Unidos

Netflix