Baiuca – Solpor

06/04/2018 • Raso

por | Out 8, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Unha preocupación habitual, así como unha necesidade imperiosa en moitas das que colaboramos en Balea, era a procura dunha música moderna, mais na que o son tradicional do folclore galego estivese ben representada, permitindo que este tipo de música tan arraigada ao noso país fose capaz de achegarse ás novas xeracións. O folk galego era cada vez máis allea ás xeracións dos comunmente chamados millenials e posteriores. A erosión da música tradicional galega produciu unha dobre problemática: por unha banda, afastábase cada vez máis a modernidade e relegábanse os sons tradicionais a unha marxinalidade cada vez maior; e por outra, o aparellamento estatal facía (e fai) que unha das únicas cousas que puideramos asociar con Galicia e coma noso fose isto, restándolle identidade a todas as músicas galegas que, se non facían este tipo de música, xa non facían música galega.

É difícil, até imposible, pensar que alguén criado en Galicia poida non coñecer muiñeiras, sendo tal vez a máis coñecida a Muiñeira de Chantada. Pero, como conectar, pois, á xuventude galega con eses ritmos que levamos tantos anos escoitando e que cada vez nos semellaban máis alleos? Foi Alex Casanova, baixo o nome de Baiuca, quen deu a resposta máis sinxela trala creación do seu primeiro álbum baixo este alcume, Solpor. Aquí, os ritmos tradicionais galegos aos que xa estaban acostumados os nosos oídos tiveron unha reconversión, respondendo á pregunta de como soarían aquelas cancións que forman parte do noso folclore se fosen creados na vangarda electrónica, combinando os instrumentos tradicionais con sintetizadores e caixas de ritmos.

Dende Muiño, primeira canción do álbum, todo chama a un baile denso e quedo, hipnótico, e á vez do máis familiar para moitas do país. Son eses ritmos tradicionais que coñecemos dende sempre, mais cun extra electrónico e tribal que o trae ao presente. Con isto, Alex Casanova asegúrase unha cousa, e é que, mediante o respecto ás raíces do estilo musical, non soará alleo, senón familiar. Moitas das pezas, de nova composición, fúndense entre as revisións da música xa creada, parecendo todas e cada unha das obras que compoñen o álbum un pequeno tributo á tradicional, mais cunha frescura necesaria.

Con todo, ese mesmo acerto á hora de conseguir esa familiaridade convértese nun dos principais hándicaps do álbum. Se ben é certo que gusta, e as escoitas repítense unha e outra vez, sen chegar a cansar, non rematan de convencer. O límite de Solpor aparece cando, ao procurar chegar máis alá do xa visto, mostra soamente unha actualización do anteriormente xa coñecido. O resultado final remata acaparando os cualificativos de remix, máis que mostrar a capacidade de recoller a vangarda.

Chegados ao final do álbum, Brétema e Arume mostran para pechar un son máis experimental, onde os ritmos tradicionais perden a batalla contra a evolución musical e vólvense indistintos ante as composicións máis orixinais do álbum. Sen perder a esencia, nin afastarse do que levou ao álbum a ser o que é, Alex Casanova consegue lanzar pequenos destelos de avance na obra. Afástase da familiaridade tan presente no álbum, así como a posible definición como mestura.

Solpor non só funciona, creando composicións de gran calidade, senón que mediante esa familiaridade da que falabamos antes consegue que moitas daquelas xeracións anteriormente despegadas da música tradicional galega agora teñan a oportunidade de escoitar música do seu país e no seu idioma dunha maneira na que poidan atoparse cómodos e parte dela. Trae consigo un exercicio de auto-consciencia, onde moitas aceptan agora como súas as cancións do seu pasado.

Baiuca