por | Out 5, 2018 | Libros, Literatura | 0 Comentarios

‘Lumes’: A escrita poética como un acto de resistencia contra todo

A escrita poética como un acto de resistencia contra todo. Como acto do corpo. Mesmo como enfermidade. Nada que aspire a ser terapéutico nin sandable. Así se nos presenta Lumes de Ismael Ramos (Mazaricos, 1994), un poemario no que a súa formalidade irregular e prosaica nos traslada a un peculiar mundo lírico no que a complexidade e simbolismo dos vínculos familiares e a morte son as grandes protagonistas. Cómpre non deixarse enganar pola xuventude dun autor cuxa madurez xa quedou sobradamente demostrada con títulos coma Os fillos da fame (2016) e que con Lumes comeza a consolidar un interesantísimo discurso poético que xa foi distinguido con distintos recoñecementos como o Premio Johán Carballeira ou o Xuventude Crea. Tamén Lumes, saída do prelo hai un ano dentro da colección Cera Labrada da editora Apiario, obtivo galardóns coma os outorgados pola revista dixital “Fervenzas Literarias” (ao mellor libro de poesía e autor do ano) ou ao libro mellor editado na Gala do Libro Galego.

Nun 2017 especialmente fecundo para a poesía galega, repleto de propostas eclécticas, Lumes revélase como unha das súas achegas máis importantes e pode que lidas (o libro vai pola súa segunda edición). Con esta obra, Apiario aposta tamén por reivindicar o libro como obxecto, como peza artística e artesá dende o preciso momento no que cae nas nosas mans. Unha sobria pero moi fermosa cuberta, cun deseño coidado e para nada abandonado ao azar nin suxeito a meras convencións comerciais, anticipa o achado das súas páxinas inzadas de imaxes e evocacións de gran forza poética: unha noite estrelecida, cunha disposición tan caótica como hipnótica dos astros que alumean o firmamento, dá paso á construción dun cosmos poético enormemente suxestivo, realzándose así o indiscutible valor literario das composicións de Ramos.

Aínda que se perciban ecos de vangarda en Lumes, esta non é a premisa inicial dunha escolma que, en palabras do seu propio autor, busca ante todo albiscar unha verdade que tamén pode habitar no texto poético (“o poema pode ser un lugar no que non se minte, e ao mesmo tempo un xeito de colocarnos no mundo […] o poema pode ser unha ferramenta para chegar a algún tipo de verdade”). Non resulta, polo tanto, casual que o poema adopte aquí unha forma tan narrativa e xustaposta, por veces tendente ao microrrelato, sen supeditarse á ditadura do verso e da métrica, cun predominio absoluto da palabra como medio expresivo e cunha preponderancia non menos omnímoda dun feixe de ideas que se van desenvolvendo ao longo das súas páxinas: a enfermidade, as relacións entre os distintos membros do núcleo familiar, o medo, a morte… O poema “O Grande Pecador” é un claro exemplo de todo o anterior:

            Meu avó teme á morte. Fuma e teme á morte.

            Dorme a maior parte do día. Di que non descansa, que por iso se

            deita e intenta durmir.

            Ás veces pregúntome se non será que meu avó ensaia a morte pre-

            parando o seu corpo para a quietude. Todas esas horas aí tendido

            sen durmir. O ruído dos coches. O aire do cuarto que se vicia.

            Deita e trata de sentir a erosión. E non dorme porque sabe que morre

            un pouco cada segundo que pasa. E por iso fuma.

Ramos invita a unha reflexión íntima pero tamén política nun principio afastada do que se podería agardar dunha voz nova, provocando ademais un alto grao de sorpresa no lectorado. Os temas que toca apelan a unha fonda melancolía vital, mesmo a un certo desgarro (como a idea dos fillos como cicatrices dos pais ou o tránsito do amor ao odio como forma natural e verdadeira de amor), que talvez adoita considerarse incompatible coa mocidade, pero que o noso autor resolve coa mestría de quen leva ás costas anos de experiencias, desenganos e frustracións.

Malia a súa (polo de agora) curta traxectoria poética, Ismael Ramos xa é un deses autores aos que seguir de preto nos anos vindeiros. O duradeiro éxito dos seus Lumes, que aínda un ano despois da súa publicación non perderon un ápice de actualidade, non pode senón alimentar a expectación do lectorado galego arredor da súa obra futura, que xa é algo máis que prometedora. Namentres, semella obrigado volver a Lumes e deixarse levar por un universo poético aínda en formación pero cuns alicerces ben sólidos.

Lumes


Autor
: Ismael Ramos
Ilustración: Mauro Trastoy
Ano: 2017
País: Galicia
ISBN: 978-84-947389-0-6

 

Apiario