por | Out 3, 2018 | Concertos, Música | 0 Comentarios

WOS Festival. Día III: Exploración na zona vella, pegas na Capitol e Fresh Technazo na Malatesta

O venres sí que sí.

Que o xoves foi desde arrebatador, pasando por sinestésico, a ser algo moi íntimo e emocional, é innegable. O que pasa co venres e, en xeral, cos terceiros días do WOS Festival xa desde os seus inicios, é que xa se palpa a urxencia e excitación. Xa o tumulto é unha taquicardia colectiva.

Como apertura do terceiro día, o encontro no CGAC, Cultura de Club: Panorama da Música Electrónica en España, con Natalia García, manager e representante de artistas cuxa traxectoria profesional con Peacock DJ Agency permaneceu ligada á promotora La Real Produciones, depositaria do legado da mítica discoteca ovetense que programou ás principais figuras de techno mundial a mediados dos anos noventa; Rosa Pérez, a mítica locutora de Fluido Rosa en Radio 3, unha revista sobre música e creación plástica contemporánea, pioneira nas novas tecnoloxías e nas novas tendencias artísticas, musicais… etc; Javier Blánquez, autor do libro recentemente reeditado Loops 1, e o recentemente publicado Loops 2: Unha historia da música electrónica no século XXI; Frankie Pizá, creador de diferentes proxectos como Concepto Radio, TIUmag e agora YO!FRANKARAPS. Como moderador estaba Abraham Rivera, locutor de Retromanía en Radio 3, colaborador en Tentaciones e programador de Electrónica en Abril.

Encontro moi interesante e necesario no que sobre todo e resumidamente falaron do desenvolvemento da cultura de club no Estado Español, enfocandose nas zonas clave. Como se foi introducindo esta cultura a través de distintos xermes esparcidos pola xeografía española, da importancia dos clubs en España, da importancia da Ruta do bakalao… Tamén, como non, no ámbito galego, falaron da Movida viguesa.

A que máis participou, Rosa Pérez, falou dos seus comezos na radio nos anos 80 e do seu programa Fluido Rosa. Comentando a súa historia cando comezaban a introducirse os vinilos en España e o proceso de cambio que se produciu na música tamén ao ter rematado o franquismo. Os novos movementos musicais que surxían e/ou se introducían en España nese momento. Falou de cando poñía na radio cancións de Esplendor Geométrico e Throbbing Gristle, cando aínda non se coñecía tanto todo ese new wave de industrial.

De novo no NUMAX comprometíanse coa difusión do arte contemporáneo. Proxectaban a media tarde “Milford Graves Full Mantis“, sobre o percursionisa Milford Graves, pioneiro fundador do jazz de vanguardia. O filme fornece unha visión íntima da vida do artista. “É un retrato dunha das luces máis fascinantes no linaxe da música definais do século 20. Unha oda visual sónica á maxia inefable dunha vida inspirada e chea de gracia” en palabras de Thurston Moore. Graves comparte historias de descubrimento, loita e supervivencia.

Mas, solapábase co documental, a proposta máis interesante da parte máis experimental. A verdadeira exploración que leva detrás unha investigación de máis de dez anos. Tomoko Sauvage prendía livianamente a zona vella da cidade con sons delicados pero con temperamento, orixinados coa súa experimentación das propiedades sonoras e visuais da auga e a cerámica en combinación coa electrónica. O son de Tomoko Sauvage aproveita cada recuncho do espazo, e a súa vez, o espazo condiciona especialmente á performance. Por iso é moi importante a escolla do espazo por parte do festival. Esta proposta non podía ser noutro sitio que na Igrexa da Universidade. A atmósfera emocional foi obra do son etéreo pero contínuo e con persoalidade. Tomoko Sauvage é sen dúbida unha artista con disciplina e seriedade no seu traballo, excelente, e agradecida.

Non creo que poida dicir o mesmo de certo público, ao que lle queda (nos queda) moito que aprender.

Continuaba a tarde na Granell con Sesións H.A.L.O.: Fonogenia. Estas sesións creadas polo colectivo Improvigo por diversos artistas de Galicia aos que lle une a inquietude pola improvisación, teñen a peculiaridade de facer cada sesión diferente, agrupando en cada unha delas a un número de interpretes de diversos ámbitos. Nesta ocasión foron Macarena Montesinos (violoncello), Elena Márquez (violín) e Madamme Cell (electrónica). Unha proposta totalmente sometida á improvisación e o dadaísmo.

Pero asistir de principio a fin ao show da Granell non foi doado cando inmediatamente despois comezaba no Teatro Principal unha das propostas fortes do festival, e a propia organización recomendaba presentarse con antelación para asegurar a túa entrada. Por tanto, a urxencia e a inquietude aglomerábanse na cola do Teatro.

Abul Mogard & Marja de Sanctis xuntábanse no Teatro Principal para trasladar a todos os asistentes, para mover o teatro a outra realidade, oculta, escura. Escura pola ausencia de cor pero máis que iso en canto á emocion que transmite este proxecto. Abul Mogard, unha figura misteriosa -case podería dicir que é un símbolo, unha materialización abstracta e impalpable das sensacións que os seus mesmos sons producen, o peixe que se morde a cola- da que se sabe moi pouco, como que despois de traballar nunha fábrica de aceiro serbia e xubilarse, dedicouse a facer música e construir os seus propios instrumentos. Xunto coas impecables e sobrias proxecións a man de Marja de Sanctis, artista visual e ilustradora brasileira que estudou ilustración no Camberwell College of Arts. Xuntos conseguiron transportar o teatro enteiro a outra dimensión, ou directamente transformar o teatro noutro teatro diferente, e raptar cada unha das mentes dos presentes para revelar sensacións ocultas. Imponente e emocionante, consumando o rito enchendo o teatro enteiro cunha nube que remataba de pasarte de voltas.

Foi batante complicado pisar o chan da rúa e sentir o frescor da noite despois desto, pero fontes me informan de que a Granell ferveu cunha psicodelia frenética.

Desde Bristol, e cun bo puñado de sons psicodélicos e chispeantes, The Devil Usses irrumpiron puntuais na Fundación Granell. “Parecemos un pouco The Beatles”, bromean. Aínda que deles din que fan math rock, quizais a mellor maneira de definilos é como o fan eles mesmos “Rocky not jazz, jazzy not rock, post op pop, not much and a lot else”. Sorpresón para oídos, cerebros e corpos inquedos. Outra noite de estimulantes sons na terraza da Granell.

Mentres tanto, exactamente na mesma hora, unha proposta no outro extremo: CV &  JAB na Igrexa da Universidade. Christina Vantzou e John Also Bennett, cada un coa súa carreira en solitario aparte, forman xuntos, como CV & JAB, un dúo que experimenta coas vibracións, cordas abstractas e gravacións de campo. Persoalmente, non vin unha proposta experimental arriesgada e potente, aínda que tamén poida que o que sucedera era que se precisa un descanso despoís do anteriormente visto no Teatro Principal. De todos modos, non vin riesgo nin transgresión. Pero o que está claro é que demostran o coñecemento no campo despóis de décadas de investigación, por parte de Christina Vantzou, e por parte de John Also Bennett, que ademáis de músico e compositor, é enxeñeiro de son, e que introduce na performance sintetizadores xunto con instrumentos acústicos como a flauta e o piano.

O festival adentrábase na noite con dous concertos fornecidos pola Sala Capitol, os de Kreidler e Group A.

Kreidler veñen desde Düsseldorf, gañaron un posto na historia da música alemá de vangarda e se nota no impecable son kraut -orixinario e característico de Alemaña, que podemos escoitar tamén en NEU! e na electrónica de Kraftwerk- do seu directo. Presentaban “European Song“, gravado nun so día ante a noticia da elección de Donald Trump. Un son limpo, constante e firme. Profesionalidade que se avala na súa traxectoria de dúas décadas ás súas costas. Elegancia neoclásica, vanguardia electrónica que combinan co analóxico, artistas multidisciplinares que ademáis realizan outras obras visuais. Kreidler forneceu un directo espontáneo pero recto, preciso e como didía antes, limpo. Kreidler é o kraut máis pulcro que te podes atopar a día de hoxe.

Pero o realmente excéntrico do día do venres chegaba con Group A. Infuenciadas polo colectivo artístico de vangarda xaponesa dos 60, Hi-Red Centre, aproximadas ao son de Throbbing Gristle e Cabaret Voltaire, por tanto unha proposta visceralmente industrial. Unha gran mesa no centro do escenario con sintetizadores, pedais e máis un violín. Achegándose á mesa Tommi Tokyo, cunha apariencia máis radical, e Sayaka Botanic, elegante e apariencia máis austera e reducida. Sen embargo, ambas, semellaban dúas pegas no escenario. Sayaka Botanic foi a que se encargou do violín, e Tommi Tokyo tinha un cable que se conectaba coa súa gorxa, se a percepción non me fallou, e sigo sen ter nin a máis remota idea de que fin tiña. Pero que desde logo fascinou a moita xente.

Aínda que vou a dedicar un momento ao odio, sen intención de corromper esta crónica da experiencia, pero que considero necesario pra meter caña, sendo honesta. Todo o mundo o sabe pero ninguén se corrixe. Se a alguén non lle gusta unha proposta do festival, que non vaian, ninguén obriga a ninguén, non todo vai ser do agrado para toda a xente. Ou quizáis directamente o festival non é para ti. O que é intolerable é que un directo así se contamine cun murmullo constante de xente de leria bebendo cañas na parte de atrás da sala. É, sencillamente, unha falta de respeto.

Sentindoo moito e continuando coa crónica, Group A estivo totalmente fora do común e trascendeu o extravagante. Unha posta en escea imponente e un son industrial robusto. A verdadera vangarda elevada a enésima potencia, trasladada a cada elemento importante do directo. Aos instrumentos, á posta en escea, á indumentaria, aos movementos. Group A irradian un son subterraneo e lóbrego. Group A son do exquisitamente grotesco, o espléndido.

Xa tocaba a sesión maratón de techno, a cal encheu de sudor e botellas de auga a Sala Malatesta, cos golpes de Death Whistle, Laurel Halo e Ron Morelli.

Por parte do galego Víctor García, Death Whistle é o seu recente proxecto máis achegado á pista de baile. Non quere dicir isto que non se note a súa experiencia na electrónica da man de proxectos cinematográficos, porque ademáis acompaña o directo de Death Whistle con proxecións do máis exquisito do cine experimental. Acompaña punzantes melodías cun aire inmersivo.

De Laurel Halo quero destacar que me transmitiu un contento e unha dicha, unha comodidade que se reflexaba nos vídeos que facía para subir ás redes sociais e nas trujas que se fumou alí mesmo. E cando unha está cómoda é capaz de facer sentir moito gozo ao público coa música que fai. E desde logo foi un set do máis fresh. Pasando do techno ao disco constantemente e cunha elegancia, gusto e profesionalidade que non se pode discutir. Constituíndose como un dos alicerces do selo londinense Hyperdub desde a publicación do seu debut “Quarantine“, en 2012.

Chegaba o final da noite e o final da sesión, bastante firme, mas duro e agotador, do venres. Ron Morelli devastou sen piedade os nosos corpos cun set do techno máis puro. Pilar tras do selo Long Island Electrical Systems, L.I.E.S. Morelli preparou un set que estallou con brutalidade o espazo da Sala Malatesta e zanjaba a dura sesión do venres cun techno imponente. Con influencia do underground neoiorquino, converteu a sala nunha catacumba de sons abismais, transcendentes e penetrables na razón camiñando contigo ate á catarse.