por | Set 26, 2018 | Concertos, Música | 0 Comentarios

WOS Festival. Días I e II: Sumrrá, Spectrum (Peter Kember), RRUCCULLA e Territoire

Quinta edicición do WOS Festival, e poida que cada vez se arrisquen máis. Explorando a cultura de vangarda e difundindo novas propostas artísticas, conforman un festival, na súa maioría de contido experimental, de cinco intensos días. Aproveitando diferentes emprazamentos que brinda a fermosa e multicultural cidade de Santiago de Compostela, co apoio da Cidade da Cultura, do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), da Fundación Eugenio Granell, do Mercado de Abastos, do Teatro Principal, do Salón Teatro, do NUMAX, da Fundación SGAE, da Sala Capitol e da Sala Malatesta. Sendo Santiago unha cidade pequena, pero ao fin e ao cabo unha cidade importante e efervescente, é realmente espléndida esta iniciativa fornecida pola produtora WORK ON SUNDAY, a cal vólcase en crear unha experiencia plena en cada unha das propostas, dándolle, entón, unha enorme importancia ao espazo consagrado para cada unha delas. Estando case todos os espazos reunidos no centro urbano e histórico da cidade, co cal neses cinco días a cidade convertese nun parque extraordinario de concertos, arte sonora, cinema, performances, coloquios e charlas.

O festival fornece principalmente música, e especialmente música electrónica. Pero quizais o que favorece o erro por parte dun tipo de público acostumado aos festivais de música sentíndose por veces desubicado, é que este festival é, na súa raíz, multidisciplinar. Polo que as súas propostas pódense manifestar desde nunha sala de concertos ate un museo, un teatro ou un auditorio. Nese seu carácter multidisciplinar, mais tamén na hibridación entre diferentes especialidades, é onde está o que o fai un festival brilante mais tamén arriscado, tanto no panorama galego como a nivel europeo.

A Cidade da Cultura de Galicia acolleu o mércores e xoves parte dos WOS Encontros, uns faladoiros abertos ao público para analizar e compartir novas formas de xestionar e facer cultura.

Inaugurou a xornada unha mesa redonda sobre a xeración de novas audiencias no ámbito cultural moderada por Alberto García, presidente da Asociación Galega da Xestión Cultural e coa participación de Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, Álvaro Álvarez, da asociación Desconcerto Cultural, Ramón Souto, membro de Vertixe Sonora e promotor do festival Música e Arte: Correspondencias Sonoras, e Mónica Mura, artista interdisciplinar, comunicadora social e socia de MAV, Mulleres nas Artes Visuais Contemporáneas.

Encarna Lago cre na necesidade de reformular os museos para transformalos en verdadeiros espazos de comunicación co público. Ir cara a unha nova institución con responsabilidade social que incorpore á comunidade na construción dos proxectos culturais. De crear “para” a “crear con”. Álvaro Álvarez considera que é un desafío chegar á audiencia moza. “Para nós a forma clave de atraer á audiencia é facela parte da nosa asociación”. Ramón Souto falou dunha programación diversificada con intervencións no espazo público, cursos de divulgación e actividades de dinamización para os máis novos. Mónica Mura quixo abrir o diálogo cos asistentes a través da experimentación da creación colectiva en directo, nunha performance na que se abordaron temas relacionados con cuestións de xénero na produción cultural.

Seguindo na Cidade da Cultura, o encontro máis esperado. Chegou alí para falar da súa longa carreira entre moitos ambiciosos proxectos xa archicoñecidos como Spacemen 3, Experimental Audio Research e colaborar con Stereolab, Panda Bear, MGMT ou Yo la tengo, Peter Kember posúe unha kilometraxe no mundo da produción musical abrumadora. Volcado a día de hoxe con Spectrum, proxecto co que nos embelesou a noite do xoves, falounos sobre a súa concepción da música, das súas influencias, o seu traballo, o que considera que mudou e está a mudar na música electrónica, o que consegue a música no corpo e na mente da xente, e tamén deixou un espazo para mencionar o seu traballo como produtor de bandas nacionais como Triángulo de Amor Bizarro.  Spectrum componse de cancións etéreas, case se forma, no que puntualiza Kember que se trata dunha búsqueda de música sinxela, pero potente. Sempre fixo música con acordes os cais tivesen notas en común, como el mesmo dixo, “gústame a consistencia”.

Respecto ás súas influencias, Kember sinalou que a música coa que creceu tivo un impacto nel. Kember é honesto e di que sampleou moito da música que lle gustaba, e que as referencias sempre aumentan potencia no propio traballo. Como por exemplo, unha referencia para el, The Crumbs. Tamén Suicide foi unha banda que influiu considerablemente a Spacemen 3. En canto ao que pode dar de referencia a súa música, considera que as súas cancións son moi sinxelas e por tanto moi imitables.

Unha parte moi interesante da charla deuse cando Kember mencionou a necesidade de explorar o territorio basado no son. Considera que a música transcende, que o receptor cando está escoitando unha canción imaxínase o instrumento. Mais se escoitas electrónica non podes imaxinarte a máquina. Considera que a electrónica é unha ferramenta moi potente para a evolución da música. Ademais de que, en canto á diferencia demasiado (e por veces mal) comparada entre analóxico e dixital, el de maneira simple comenta que son mundos diferentes. Que hai cousas hoxe en día que non podías facer antes, pero que o analóxico tamén fornece cousas boas e especiais. E que tamén hai que ter en conta que gravar en analóxico supón un custo maior que facelo en dixital.

Mencionou que Silver Apples, Kraftwerk e Big City posúen un xenio por non encher a música e ter unha atmósfera aberta. Característica que atopamos tamén na súa música e sabemos que lle gusta especialmente.

Á pregunta de qué diferencia nota en producir e colaborar con bandas anglosaxoas a traballar con bandas españolas, a súa resposta foi cómica e pasota: “Facedes mellor café”.

Por último, está rematando un novo disco de Spectrum pero nunca quixo sacar moitos álbumes, senón poucos e máis potentes e diferentes entre eles.

A tarde do mércores daba comezo ao festival con menos actividades en comparación co resto de días, pero non por iso menos atractivo. No Numax proxectaban un documental titulado “The Public Image Is Rotten” , estreado nos Estados Unidos no ano 2017. Documental que fala sobre a banda que Johnny Rotten formou ao finalizar Sex Pistols en 1978. A admirable banda máis cercana á psicodelia, Public Image Ltd (PiL), coa cal a súa produción torna cara a experimentación, cara a exploración, cara o lisérxico.

Solapábase con este documental o concerto do día, no Teatro Principal, de Sumrrá, en colaboración con Laura Iturralde á man das proxeccións. Non me podo sentir máis plena ao pensar que unha banda galega coma Sumrrá supón un dos referentes do jazz contemporáneo. Presentaban o seu novo álbum “6 mulleres” editado pola discográfica neoiorquina Clermont Music. 16 anos de traxectoria e 5 discos editados. A descrición dada do álbum que presentaron é parte da garantía do espectáculo: “Rinde tribudo a 6 mulleres poderosas que foron e aínda son fonte de inspiración na loita por un futuro mellor para toda a humanidade. Frida Kahlo e Rosa Parks en América, Rosalía de Castro de Galicia, Qiu Jin de China, Malala Yousafzai de Pakistán, e Nawal El-Saadawi de Exipto. Sumrrá · 6 Mulleres é unha aportación á loita feminista dende a música contemporánea do século XII”.

Desde a miña perspectiva como amante do jazz e como muller feminista, semelloume todo collido por pinzas. Pero non son eu quen para criticar a inspiración dos artistas. E se de cada unha destas mulleres, estes profesionais atoparon certa inspiración que lles forneceu a creatividade que rematou por crear aquela música tan espectacular, precisa e robusta, considero o álbum unha boa peza.

Mais é inevitable percibir algo que é, ao mesmo tempo, inevitable no jazz contemporáneo e de vangarda e no jazz xeralmente. E é que o espectáculo prestouse á improvisación. Sobre todo no caso do batería como ben saben os que xa o vimos noutras ocasións. Un aspecto delirante que desde logo hai que deixar no aire e invitarte, lector, a que vaias a velo e xulgues por ti mesmo. Desde a miña perspectiva pareceume brilante e nada quedou fóra do testo.

No caso das proxecións dame pena que non poda falar ben. Non me pareceu, principalmente, que estivese en conexión co espectáculo sonoro. Non cheguei a entender de todo o cometido para co espectáculo, pareceume unha pena. Algunhas cousas que penso que poderían estar incluso máis traballadas.

O xoves comezaba a ferver o lado musical do festival, aínda que todavía deixaba descanso á zona monumental de Santiago, polo que a electrónica asomábase xa, na Fundación SGAE, con Territoire, RRUCCULLA e Spectrum. Pero antes diso, á última hora da tarde, proxectábase no NUMAX, “El Ruido son Las Casas“, un filme arxentino sobre a creación de música experimental en Bos Aires. Quizais o máis interesante: a importancia da viaxe polos estados emocionais que o son revela en nós.

Na conversa sobre innovación, sustentabilidade e desenvolvemento en festivais déronse a coñecer catro das iniciativas máis interesantes que se están a programar no Estado Español e Portugal. Con representantes de Jardins Efemeros (Viseu), Mugako (Vitoria-Gasteiz), Mucho Flow (Guimarães) e Delicalisten (Barcelona) nun debate moderado por Cristina V.Miranda, do selo discográfico Triunvirato.

“Vangarda, multidisciplinariedade e aposta social” é a fórmula de Sandra Oliveira para mudar o ADN dos festivais e crear público específico. A dinámica de traballo de Jardins Efemeros chama a atención xa que procuran primeiro ideas e emprazamentos, pensando en sentido urbanístico e comunitario, para logo contratar artistas que se axusten a ese plan. En palabras da directora, “a arte como vehículo e non como fin”.

Diría que a charla coxeou desde o punto de vista conceptual da innovación e sustentabilidade. Salvo Jardins Efemeros, os outros proxectos, a parte dunha coidada programación, viñan a ser modelos clásicos (non por iso menos atractivos). Non deixan de ser unha fundación que programa, un festival de electrónica, etc. Sen embargo, é interesante a diferenciación de espazos destes eventos, dende xardíns e vías públicas a museos e catedrais. Como tamén o é o financiamento e apoio municipal que si reciben os festivais lusos.

Comezaban os concertos na Fundación SGAE. Territoire levounos á tenebrosidade. Un so foco de cor óxida deixaba ver os instrumentos e músicos, escuros tamén. Aquel “escurantismo” afectaba máis do que se pode pensar na percepción daquela función. Ninguén ao teu carón era recoñecible. Todo isto en contraste co ruido e volume extremo que utilizan. Proxecto levado polo productor francés Olivier Arson, presentaba o disco conceptual “Álix“, xunto co artista A/V e músico Tasio. Provocador, duro e feroz, mais limpos experimentos. Remata por ser un recital de industrial narrando unha historia sobre un escravo desde o seu nacemento ate o encontro coas persoas que o venderon. Produción nin mais nin menos que de Óscar Mulero.

Caras de pasmo ao ver como se eleva unha batería no escenario. Detrás desta proposta que mestura percusión e produción electrónica, o nome de Izaskun, desde Barakaldo. RRUCCULLA tornou completamente a atmósfera, máis cor, máis ser vivo. Pero cométese un erro se se pensa que se voltou á vida real; a súa atmósfera é dunha dimensión diferente ou alterada. Conseguindo á perfección -dunha maneira super limpa e cun excelente talento- o seu propósito cara a sinestesia. O son e as cores van da man nos seus concertos, construindo historias e realidades suxeitas á imaxinación e mundo interior de cada un, pero que nace do mundo interior dela mesma. Extraordinaria, aguda e ecléctica. Dicir que toca moi ben a batería e que soubo cómo crear un proxecto interesante queda superfluo. Ao ter estado conversando con ela aquela mesma tarde, resultoume bastante cómico ver nas proxeccións -tamén moi jovial- o seu nome artístico, RRUCCULLA, reiteradas veces, ao lado do seu nome as infinitas veces que o terán escrito mal (rrucculla, rúcula, ruculla, rrucula…). A Izaskun, claramente lle gusta o drum and bass e proporcionounos unha boa dose, co que eu, francamente, paseino piruleta. RRUCCULLA ten moi claro o seu propósito, vólcase en chegar ás mentes, conségueo, e está a colleitar unha experimentación cautivadora que, espero, siga medrando.

Por último, para os máis nostálxicos do público do WOS, Spectrum, o proxecto en solitario de Peter Kember. Un directo sensible, familiar. Non vou entrar en tecnicismos porque xa sabedes que non o fago, pero o que está claro é o que contaba ao comezo da crónica, a organización fixo unha escolla excelente do espazo de cada espectáculo. O concerto de Spectrum foi sobre todo íntimo. Apacible e reflexivo, con guitarra, teclado e “cacharrada”, como se dixo na conversa do encontro na Cidade da Cultura o día anterior, o cal corrixiu o propio Peter Kember como “material moi fino”. Emocionante e lacrimóxeno, íntimo desde logo pola conexión entre música e receptor, unha experiencia especial que, aínda sendo a primeira vez que o vexo en directo, estou segura de que cambia absolutamente telo visto en sala. Extraordinario e emotivo. Agardamos que volvas por Santiago, Peter.