‘Feridas abertas’, un misterio oculto tralo trauma

Cada ano sempre nos atopamos con varias series recén estreadas que rematan estando en boca de todos. O ano pasado unha desas series foi ‘Bigg Little Lies’, creada por David E. Kelley para HBO como unha reflexión sobre os distintos niveis do impacto do machismo na sociedade. Sen embargo, máis alá da temática, un dos elementos máis interesantes desta serie foi a dirección elegante pero atrevida de Jean-Marc Vallée, realizador de filmes como ‘Dallas Buyers Club’.

Este ano, outra nova serie de HBO comezou a sobresaír sobre os demáis estreos desta tempada, contando de novo coa dirección de Jean-Marc Vallée. Se xa existían elementos interesantes na súa obra previa, a maneira na que o canadense narra a historia de ‘Feridas abertas’ tanto con imaxes como co son resulta especialmente interesante. Máis radical que en proxectos anteriores, Vallée emprega a idea do trauma, dos recordos e dos pensamentos como un recurso para narrar unha historia con varias liñas temporais dunha maneira que podería resultar inconexa pero que termina por funcionar á perfección. A maneira na que o apartado formal da serie permite a espectador vivir os acontecementos dende a perspectiva da protagonista, Camille Preaker, resulta fascinante.

Creada por Marti Noxon, ‘Feridas abertas’ adapta a primeira novela de Gillian Flynn, escritora de libros como ‘Perdida’, adaptada tamén con éxito polo director estadounidense David Fincher hai uns anos. A serie conta con todos os elementos que definen o estilo da escritora estadounidense como a deformación da vida familiar nun ambiente de suspense así como personaxes femininas que rompen con todo tipo de estereotipos. As súas historias teñen sido calificadas en algunhas ocasións como demasiado rebuscadas, e se ben non se moven precisamente no terreo do realismo social, nunca abandoan a coherencia interna. Non sorprende que o filme favorito de Gillian Flynn sexa ‘Psicose’, de Alfred Hitchcock.

As actuacións son outro dos puntos fortes desta serie. Pouco hai que dicir xa de que Amy Adams leva os últimos anos en estado de gracia, logrando dotar de dinamismo ata á Lois Lane dos filmes de Zack Snyder para DC. En ‘Ferdias abertas’ da vida a Camille, unha protagonista atormentada que anima a caer na sobreactuación pero que Adams fai creible en todo momento. Tamén merece unha mención especial Eliza Scanlen, capaz de moverse entre rexistros moi diferentes, sempre mantendo unha mirada chea de misterio.

A serie ten sen lugar a dúbidas un ritmo lento. A investigación do asasinato de dúas mozas na localidade de Wind Gap funciona como un Macguffin para explorar o ambiente dun pequeno pobo no interior do sur estadounidense e os seus habitantes. Neste senso a serie funciona como unha contrapartida interesante coa primeira tempada de ‘True Detective’, pero desta volta poñendo a lupa nos fogares de clase alta. O grande misterio da tempada non se resolve ata os últimos segundos do derradeiro episodio (que conta con dúas breves escenas durante os créditos), e a pesar de que quedan algúns pequenos detalles abertos na súa trama, non lamentaría que esta fose a única tempada de ‘Feridas abertas’. Sen lugar a dúbidas a mellor serie do que vai de ano.

Feridas abertas
(Sharp Objects)

 

Creador: Marti Noxon
Director: Jean-Marc Vallée
Guión: Marti Noxon, Scott Brown, Ariella Blejer, Dawn Kamoche, Vince Calandra, Alex Metcalf (Novela: Gillian Flynn)
Fotografía: Yves Bélanger, Ronald Plante
Ano: 2018
País: Estados Unidos

HBO