por | Ago 25, 2018 | Concertos, Música | 0 Comentarios

Os sons do camiño (III)

O terceiro día do Son do Camiño foi unha traca final digna de lembranza. En primeiro lugar foi a quenda de Terbutalina que sonou á volta a casa polo Nadal. Baixo a chuvia, foi o grupo que máis xente convocou indo de primeiros. É verdade que xogaban na casa pero a unha morea de xente non lle importou mollarse para desfrutar do seu punk desenfadado. Compostela non estaba bonita, estaba preciosa.

E máis o estivo con Maneskin. Os italianos gañadores do Factor X do seu país, sonaron como debería facelo o martelo de Thor, e non soamente polas semellanzas do seu vocalista ca personaxe de Marvel senón porque foi totalmente atronador. Con independencia dos que ameazaban con caer no recinto. O grupo mesturou versións cos seus poucos singles. Un bo descubrimento na primeira vez que tocaban no país.

Eladio y los Seres Queridos sonou ao de sempre. O mesmo que levamos escoitando anos e anos. Foi un dos directos que máis indiferentes deixaron aos asistentes. Parecía que nada que daba un sorriso á banda porque deixou de chover para o seu gran éxito. Pero o compensou The Last Internationale que sonou a paseo de revolución. Todo ao seu redor parecía estar en contraste movemento. A súa música rock cun leve sorriso de blues en ocasións complementa a unhas letras cunha mensaxe política clara e un directo tremendo onde brilla dun xeito asombroso a súa vocalista Delia Paz.

Arce sonou ao pasado rancio que todo ser ilustre ten. O rapeiro compostelán reuniu a unha morea de persoas e fixo un bo directo a nivel musical. Pero non podo entender en que momento ocórreselle que é unha boa idea lanzar ao público unha camisola que poña “Galiza manda, puta”. Ademais o público, salvo no seu gran éxito Luzbel non o seguiu en ningún momento, estaba totalmente desconectado. Millóns de visitas en Internet parece que non garante poder de mobilización serio. Nin sequera na túa casa.

Os que si que trasladaron todo o ambiente da cidade foi Novedades Carminha, que sonou a pub de Santiago un xoves -ou calquera outro día da semana-. Foi o primeiro gran concerto do día cun poder de convocatoria excepcional. Tocaron todos os seus grandes éxitos, tanto vellos como antigos e todo o público cantaba de memoria as súas pegadizas e minimalistas letras.

O programa continuou cos madrileños Morgan, unha das sensacións da música independente estatal que en absoluto deixaron frío a ninguén. Soaron a gota de rocío do verán. Entre o virtuosismo de Paco López a guitarra e a personalidade de  da súa vocalista deixaron un concerto que soamente o podo categorizar como maxia. Mando Diao sonou a chispas electrizantes. Co seu indie rock con pingas por momentos incluso de música disco, os suecos deron un espectáculo moi digno nos que demostraron ten moitas táboas sobre o escenario ante un público verdadeiramente multitudinario. As miles de persoas que acudiron ao espectáculo non se viron decepcionadas.

Cando escoito León Benavente non podo evitar a sensación de que alguén me mira por riba do ombreiro. Sonou a elitismo adornado de bolboretas. Non se pode negar que musicalmente o seu directo é impoñente (e cada vez máis) pero á vez que melloran musicalmente, aumenta a súa pedantería. Parte do público observando coma se fose un museo e estiveran vendo unha obra de arte delicada e moi complexa non axuda en absoluto.

Entón chegou o momento. Non o mellor momento do festival, que tamén, senón un dos mellores momentos que vivín na miña vida nun festival. O concerto de Lenny Kravitz sonou simplemente a música. Non foi un concerto de grandes hits, de feito tocou a maioría dos seus grandes éxitos na primeira etapa do concerto.

Non foi un espectáculo de saltar ou brincar. Nin de bailar. O único que era convinte facer era calar e observar para logo dun rato date conta que o peso que sentes no estómago non é nada malo senón que todos e cada uns dos poros do teu corpo están sentindo como non sentiran nada en más de vinte anos de vida. Non foi un concerto, foi unha experiencia. Rematou vinte minutos máis tarde da hora e unha pena que non foran máis. Un dos momentos que contarei se nalgún momento teño descendencia. Ese directo que sempre escoitamos na boca dos nosos pais sen cesar. Lenny Kravtitz serán para os meus fillos o que os Chieftains foron para min.

Tras este momento tan emotivo e coas emocións a flor de pel, a alegría non durou e que tardei en ir ao outro escenario. C. Tangana sonou a baixona despois de saír toda a noite. É indiscutible que xunto con Yung Beef, Pucho é o referente estatal da música urbana pero ese directo rompeume o alma. Pasar da comuñón comigo mesmo ao artificio total. Playback, un espectáculo mediocre e exaltando o seu ego e a súa imaxe. Síntoo moito pero non o merco.

E para rematar chegoulle a quenda a Martin Garrix, que sonou a coche que sirve para transportarse. Non fixo nada máis que para o que lle contratou, EDM, moitos saltos e moitas luces. Exactamente o que se esperaba nin máis nin menos. Foi un bo fin de festa para estes tres días de tanta intensidade. Un Son do Camiño de carácter polifónico.