fotografía por Pedro Silva

Portamérica Dia II: Vetusta Morla, Viva Suecia, Neuman…

A segunda xornada do Festival PortAmérica encheuse aos poucos coas primeiras propostas galegas da tarde, Inerttes Habitación Vudú, así como os navarros Isseo & Dodosound, un dos grupos nacionais de reggae e dub máis influentes da actualidade.

Pero isto so é un adianto das grandes sorpresas da noite. O broche de ouro levouno La Vida Boheme, unha banda venezolana que afastándose das presentacións cotiás conseguiu a través da gran personalidade e expresividade do cantante romper as fronteiras e facer que todos formasen parte do espectáculo. Tanto foi así que non tivo reparo en baixar do escenario e, a través dunha performance improvisada, cantar fronte a distintas persoas do público. O propio cantante charlou con nos entre sorrisos, e contaba que todo era pura improvisación que lle fluía no momento. Sen dúbida esta banda sorprende pola súa forza, boa vibra e pola capacidade de conectar co público a través dun rock psicodélico.

Falando de psicodelia o típico dúo arxentino Miranda! mergulláronnos nunha cápsula ao pasado, recordando a lendas como Pimpinela. Nunha pequena entrevista con nós Juliana e Ale contaban o entusiasmo que supuña tocar nun lugar así, para eles tan afastado do seu fogar, sendo unha oportunidade única para coñecerse entre artistas de distintas partes do mundo e conectar cun público diferente.

Sen dúbida a orixe multicultural das diferentes bandas é o que fai tan especial é máxico este festival. A gran maioría remataban o seu concerto e baixaban do palco para xuntarse cos portamericanos na carballeira, mesturándose e charlando coa xente con naturalidade e entusiasmo.

O resto da noite seguiu sorprendéndonos coa presenza de Neuman, de sons máis pesados, coma de ultratumba, entre o minimal e o post-rock. Podería dicirse que das mellores interpretacións do festival, creando un áurea entre os músicos difícil de describir.

Unha das bandas que contribuíron a que se esgotasen as entradas deste segundo día na carballeira foron os esperados murcianos Viva Suecia, que supuxo para o seu público entregado unha nube de pracer. Antes de que se enchesen até as polas das árbores, La Habitación Roja deixounos un anaco do seu romanticismo tocando coma se da última noite do ano se tratase.

Agora si, sen máis dilación, trece anos despois do seu primeiro concerto de balde na carballeira, Vetusta Morla saltou ao escenario invocando aos deuses da festividade e sen escapatoria posible. Os carballos marcaron o camiño cara o mar, xogando ao azar entre o solpor e o suor dos fans. Para gustos cores, pero ninguén pode negar a grandeza desta actuación. Tras longos minutos de agradecementos por parte do vocalista, a todo o seu equipo e destacando a disqueira composta por catro mulleres que leva adiante o éxito rotundo desta banda, despedíronse deixando paso ás últimas propostas do día.

A banda bilbaína Was e Arturo Paniagua Dj pecharon a segunda xornada portamericana deixando sempre opción para os máis festivos na xa emblemática Duendeneta, onde dj’s da comarca mesturaron os temas do momento ao carón do río continuando a festa case até o primeiro raiar do sol.