por | Ago 14, 2018 | Concertos, Música | 0 Comentarios

Os sons do camiño (II)

O segundo día de festival espertei porque no meu profundo soño escoitei a alerta de saída da Renfe. Primeiro en castelán, logo en galego e por último en inglés. O mesmo son mecánico, aséptico e xenérico que todos os días. Erguinme, comín unha pizza mentres sonaba o telexornal de fondo interrompido polo vapor da cafeteira do local. Emprendín a marcha de novo cara o Monte do Gozo para o segundo día do Son do Camiño. No interior do autobús oíanse conversas agradables, berros e unha atmosfera de expectativa.

O primeiro grupo do día foron os coruñeses True Montains. Soaron a familia reunida en Noiteboa. A punk de bo rollo, sen enfadarse. Un rollo moi familiar dos galegos que penso que é necesario que se destaque. Os coruñeses foron un bo abrir de boca para todos os bos -e outros non tanto-concertos que virían durante o resto do día.

Un deles foi Malandrómeda, un dos directos máis especiais de todo o festival. Os galegos soaron a vangarda costumista. A intentar ir un pouco máis aló sen esquecer nin onde están nin de onde veñen. A súa base é o hip-hop pero todas as voltas que lle dan é outro cantar. Sen dúbida o mellor concerto de música urbana de todo festival. E con moita diferencia.

Despois chegou a quenda de Furius Monkey House. Os pontevedreses soaron a inexperiencia e promesas a medio cumplir. Presentaron bastantes temas do seu seguinte traballo. Tiveron problemas de son importantes que lastraron a súa actuación, que se ben solventaron con profesionalidade, víronse as costuras da banda. Non digo que non sexa razoable pola corta idade pero iso non quita que as cousas fosen dese xeito.

The Gift apareceu no escenario coa forza que os caracteriza. Cun son de discoteca disonante, a banda de música independente lusa, co paso dos anos cada vez ten un son máis apoiado se cabe na electrónica. Por suposto, o seu outro piar é a voz da vocalista da banda Sonia Tavares que deslumbra alá por onde vai. Iso si, nesta ocasión, pareceu que en todo momento quedou a medio camiño a súa conexión do público. Do Camiño portugués.

PLYA era das bandas máis descoñecidas de todo o cartel do festival e soaron a colega simpático que che alegra o día. Os británicos tentaron comunicarse todo o que puideron en castelán e foron das bandas máis agradecidas cos asistentes de todo o festival. En canto ao puramente musical non foron tremendos pero si que é certo que co seu pop con grandes doses de electrónicas fixeron moverse aos que se animaron a velos.

No primeiro concerto multitudinario do día, Residente sonou a himno de estadio nostálxico reivindicativo. Foron moi predominante os temas de Calle 13 que estiveron mellorados pola fantástica banda que constitúe Residente. René solidarizouse con Valtonyc -aínda que sen nomealo directamente- e apoiou a independencia de Galicia, Catalunya e Euskal Herria. Foi o mellor directo do día con, como digo, absoluto protagonismo dos músicos. René foi un mero espectador como un por un todos os músicos tiñan polo menos un momento de protagonismo. O mellor directo do festival e entre os tres mellores de todo o festival.

Despois de tan electrizante directo, chegou a quenda de L.A. Os mallorquines xa son unha referencia a nivel estatal do indie-rock soaron a café con leite nunha terraza en primavera. Esperta pero non demasiado. Electrizaron pero foi agradable.

Two Door Cinema Club conta cunha lexión de fans ás súas espaldas. Os seus ritmos pegadizos soaron a día de praia con amigos. Os británicos son uns deses grupos que pase o que pase promete saltos e unha sonrisa na cara. Nunca defraudan pero tampouco se pode agardar nada máis aló deles do que dan sempre.

Logo, chegou un dos momentos máis especiais do festival. O concerto de Toundra. A banda de post-rock instrumental madrileña sonou a meditación e conexión interior. Un concerto para sentarse no céspede, pór a mente en branco e deixarse levar. O máis preto a unha experiencia relixiosa que vivín na miña vida. Dedícome a escribir, a expresar con palabras o que vivo pero non teño máis remedio que recomendar encarecidamente que se Toundra toca ao voso alcance xeógrafico ou económico, non desperdiciedes a oportunidade.

Tras a conexión interior, foi a quenda do baile. Os cabeza de cartel do día, Jamiroquai chegaba a escena co seu funky. Liderados polo seu vocalista Jason Kay, o home dos sombreiros extravagantes, fixeron un bo directo. Soaron a proxenitor bailando no salón da súa casa. A destacar que aínda que foi o cabeza de cartel con menor público con moita diferencia, o público que asistiu estivo bastante satisfeito. Kay mantivo un nivel vocal altísimo durante todo o concerto.

La MODA sonou a escenario principal sen estalo. Ou polo menos así o pedían as lexións de fans que se agolparon no seu concerto. Unha expectación incrible que se viu recompensada cun directo apoteósico. Foi a banda estatal que maior espectáculo deu con moita diferencia. Dende Burgos para o mundo que dicía o grupo de persoas que estaban á miña esquerda. Á miña dereita outro que brincaba de xeito incontrolado. Detrás miña berros sen parar. Esta banda xa é unha referencia e o será aínda máis ao longo do tento. Estou totalmente seguro.

Para pechar este día, foi o turno do DJ que máis disfrutei de todo o festival. Don Diablo e o seu Future House soaron a virtuosismo sobre uns pratos. Moi lonxe do máis comercial da electrónica. Un son que reventou a pista do Son do Camiño. Un fin de festa por todo o alto dun día moi especial.

E así rematou un día moi especial do festival. En canto a grandes nomes quizáis foi o día máis frouxo. Pero dende logo na xornada houbo grupos únicos. Se o tivera que describir cunha palabra diría que personalidade. Cando durmín por fin tras tantas horas e co corpo cansado por tanto trote, non sabía o grande que sería o ruído da traca final.